Consellos para a poda das maceiras

Febreiro e marzo son os últimos meses para facermos a poda das maceiras. Velaquí algunhas nocións básicas para facelo...

Consellos para a poda das maceiras

Esquema de poda da maceira

Para aqueles que son novatos neste campo velaquí unhas breves explicacións de cómo facelo xa que, lonxe do que parece, podar non é cortar por onde nos peta nin tampouco algo artístico, como algúns din. Pola contra, é unha tarefa na que hai que aplicar a lóxica e a técnica.

O que se pretende a nivel xeral é regular a vexetación e a fructificación, unha vez que teñamos a estructura da árbore feita.

A poda que facemos no inverno denominámola poda en seco ou poda no período de letargo, en contraposición ao que é a poda no resto do ano, que é poda en verde ou poda no período de actividade.

Partindo da idea de que xa temos as nosas árbores formadas, o que teremos que traballar sempre é sobre os crecementos do último ano, o que chamamos ramos. Sobre eles podemos facer catro cousas: deixalos como están, suprimilos completamente, facerlles unha poda curta ou facerlles unha poda longa.

Para iso teremos que entender os órganos de fructificación das froiterías de pebida, caso da maceira. Partimos dunha idea simple, que é que temos dous tipos de xemas:

”Xemas macho” ou vexetativas. De tamaño máis pequeno e que dan vexetación.

”Xemas femias”, de tamaño maior, onde se producirá un gromo do que se formará flor e froito. Estas son as xemas que debemos conservar se queremos aumentar a produción. Se temos moita mazá e de tamaño reducido poderíamos suprimir parte destas xemas.  Habitualmente estas xemas de fructificación atópanse no ápice dos seus órganos, sempre na punta.

Polo tanto:

Faremos podas longas e curtas dos ramos se queremos inducir as xemas vexetativas que están por debaixo a que formen xemas de flor.

Faremos supresión de ramos completos se están mal situados ou que non presenten xemas de flor, mantendo desta forma o equilibrio entre vexetación e fructificación.

Os órganos habituais que atopamos e sobre os que actuaremos aplicando a lóxica anterior son os seguintes:

Chupóns: ramos longos que poden medir ata dous metros e que son todos xemas vexetativas.

Ramos de madeira: máis pequenos, poden chegar a un metro, e tampouco teñen xemas de flor.

Brindillas: teñen ata uns dez centímetros e teñen xemas vexetativas.

Brindillas coronadas: iguais que as anteriores pero na punta teñen xema con flor, e polo tanto hai que conservalas.

Dardos: miden dous ou tres centímetros.

Lamburdas ou dardos coronados: tamén teñen a xema da punta con flor.

Spoor: son estruturas que teñen moitas lamburdas xuntas e é onde máis fructifican as maceiras, sobre madeira vella.

A partir de aquí poderíamos entender a poda básica das maceiras, que non ten nada que ver coas froiteiras de oso ou co resto das especies subtropicais que temos no país. Tamén hai que dicir que non todas as variedades de maceiras son iguais: cada unha ten os seus hábitos de fructificación, sobre todo nas lamburdas e nas brindillas.

Lembro que no curso de poda que din en Arbo (Pontevedra) un alumno comentoume que case non tiña mazás a pesar de que podaba todos os anos. Pregunteille qué facía e díxome que cortaba todos os ramos polas puntas. É unha evidencia de que a veces traballar moito é o colmo do traballo, porque ao podar as puntas pódanse todas as xemas de flor, e polo tanto déixase a maceira sen flor.

Velaquí un vídeo resumo sobre a poda das maceiras:

Francisco Castro Cabaleiro

Francisco Castro Cabaleiro é enxeñeiro técnico agrícola especializado en Hortofruticultura e Xardinería, enxeñeiro de Montes e profesor de Operacións de Produción Agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información