Consellos básicos para vender viño por internet

Publicidade
Consellos básicos para vender viño por internet

A venda de viño a través de Internet é unha canle de comercialización xa case inevitable para calquera adega e que cobrou máis importancia nas últimas semanas, xa que para moitas adegas está a ser a súa principal vía de vendas, tralo peche da hostalaría e o parón das exportacións debido á crise do coronavirus.

Malia que segue sendo unha canle minoritaria -representa arredor do 5% das vendas totais en Europa-, a venda online medra en España a un ritmo superior ao 10% nos últimos anos e con perspectivas de seguir incrementando o seu peso.

Neste sentido, Elsa Abalos Gasco, xerente de masquecomunicacion.com, analizou as “Estratexias de márketing na venda online” nunha xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Resumimos a continuación cales son os puntos básicos que, segundo esta experta, débense ter en conta:

1) Importancia da páxina web.

É importante contar cunha páxina web optimizada para a venda e que transmita os puntos diferenciais da adega e os seus viños. Se ademais faise publicidade, é necesario desenvolver páxinas de aterraxe creadas ad hoc, que permitan efectuar a venda dunha forma directa ou que conten cun formulario para que o visitante poida deixar os seus datos persoais de contacto, o que permitirá poder realizar accións de comunicación directa con el e enviarlle información personalizada, promocións, ofertas…etc. Un bo exemplo de estratexia dixital moi integrada é a que leva a cabo Bodegas Ramón Bilbao.

Tamén debe permitir un acceso rápido e fácil á área de compra, e en xeral permitir unha fácil navegación. Polo demais, a web debe contar os valores e a historia da adega, transmitindo unha experiencia emocional que conecte co usuario.

Débese tamén coñecer o idioma preferente dos internautas que acceden á web (ferramentas como Google Analytics permíteno), e da nosa clientela en xeral para decidir se é preciso incorporar outros idiomas ou non. É dicir, se o 98% dos clientes dunha adega están en España non ten moito sentido incorporar outros idiomas, se non hai unha estratexia definida de internacionalización.

2) ¿Páxina web ou portal de viños?

A non todas as adegas élles rendible investir para crear a súa propia páxina web e vender os seus viños a través dela. O gasto rolda os 3.000 euros para crear a web e a tenda online, que ademais necesita dun investimento en márketing dixital que axude a situar e dar visibilidade á tenda. Por iso, para algunhas adegas, especialmente as pequenas, é difícil sacarlle rendibilidade, xa que ademais deben establecer unha política de prezos conservadora, para non facer a competencia á súa canle de distribución.

“Para as pequenas adegas, sobre todo ao principio, é máis recomendable que vendan a través dun portal vertical especializado en viños, xa que desta forma poden probar o seu potencial de venda online, non obrigan ao cliente a comprar un número mínimo de botellas para que compense o envío e ademais o propio portal xa se encarga de realizar o traballo de márketing por internet”, explica Elsa Abalos.

“Pola contra, -engade- se temos unha marca xa consolidada e dispoñemos dunha base de datos ampla de clientes, é mellor crear nosa propia tenda online”.

3) A importancia de investir en posicionamento na internet.

Se se coñece o tipo de cliente obxectivo é posible planificar as campañas de márketing na internet para dirixirnos especificamente a el mediante investimentos en publicidade. “Hoxe tanto Google como algunhas redes sociais permiten segmentar moito a publicidade por audiencias e seleccionar os medios nos que queremos aparecer, así como ter presenza nos momentos nos que a nosa audiencia é máis activa”, asegura a responsable de masquecomunicacion.com

4) Obter datos dos nosos clientes, clave para unha estratexia de márketing dixital.

Coñecer cal é o noso tipo de cliente e crear diferentes perfís (idade, orixe, gasto medio, sexo, motivacións de compra…etc) permítenos afinar a estratexia de márketing, e por tanto, mellorar as vendas. De aí a importancia de establecer formularios, ben sexa online ou nas visitas de enoturismo, para que os visitantes deixen os seus datos. Neste sentido, un hándicap da venda online a través de Facebook é que non dispoñemos dos datos dos nosos compradores.

5) O punto de partida: definir primeiro o tipo de cliente que queremos.

“Temos que partir de definir o tipo de cliente ao que nos queremos dirixir, e a partir de aí elaborar ou presentar un viño para ese nicho de mercado e unha estratexia de márketing dixital coherente con ese tipo de público obxectivo”, conclúe Elsa Abalos.

Os Consellos Reguladores de Galicia impulsan a venda online

O confinamento da poboación está levando a que os Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de Galicia promovan a compra online de viños galegos para o seu consumo no fogar, para paliar así o peche da canle HORECA e a caída das exportacións.

Así, a D.O. Rías Baixas acaba de pór en marcha este luns, a través da súa páxina web, un proxecto de venda directa desde as súas adegas. Até o momento sumáronse máis de 80 adegas a esta iniciativa, que consiste nun directorio que recolle os contactos de todas as empresas participantes e que está situado na páxina web doriasbaixas.com. Esta iniciativa darase a coñecer a través das súas redes sociais.

O proxecto dá a posibilidade aos consumidores de contactar directamente coa adega (teñan ou non plataforma on-line) vía telefónica ou por email para adquirir aquelas marcas de viño que desexen. De maneira que a partir de hoxe o consumidor final xa pode adquirir e recibir no seu domicilio calquera das marcas de Rías Baixas que aparecen na nova sección creada para tal fin dentro na web www.doriasbaixas.com.

Esta iniciativa xorde da necesidade de visibilizar o traballo das adegas. De forma que o consumidor poida acceder á súa marca preferida, que non atopa no seu establecemento de referencia. Baixo o nome #RíasBaixasEnCasa e o slogan “Por ti, polos teus, por todos nós”, con esta acción o Consello Regulador pretende incidir nalgúns dos valores importantes asociados á D.O. Rías Baixas: descubrir, gozar, compartir e apoiar.

O Consello Regulador do Ribeiro deseña unha estratexia para potenciar a comercialización online

As adegas inscritas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro contarán nos vindeiros días con ferramentas que lles permitan potenciar a comercialización on line dos seus produtos. Así o anunciou Juan M. Casares, presidente do CRDO Ribeiro, “poñeremos en marcha un “Plan de acción do CRDO Ribeiro nos medios dixitais” con orzamentos propios e que se dirixe ben a promocionar e potenciar as vendas, nuns casos, ou ben a axudar ás adegas a inicialas, noutros. Este Plan complementará unha gran acción de promoción nas redes sociais e cuxo lanzamento estímase que se producirá cara finais do mes de maio ou inicio de xuño.

A primeira das actuacións previstas consiste no “Deseño, execución e desenvolvemento dunha Landing-page” que sirva como “paxina de aterraxe” na páxina web do Consello Regulador e máis como “páxina de destino” orientada a promocionar os espazos de venda electrónica dos viños do Ribeiro. Nesta páxina, que entrou xa en funcionamento , inclúense en primeiro lugar os enlaces directos a todos os espazos da internet propios das adegas do Ribeiro onde o consumidor pode comprar directamente os seus viños, é dicir as súas tendas propias. O contido desta Landing page irá actualizándose constantemente a medida que as adegas que aínda non teñan espazos propios de venta on line os vaian abrindo.

En segundo lugar haberá un apartado que dirixa aos potenciais clientes ao directorio de adegas da páxina web do Consello Regulador co gallo de que poidan contactar con aquelas empresas que non vendan na rede.

Finalmente a Landing Page será publicitada a través de todos os medios dos que dispón o CRDO Ribeiro tanto na internet como nas redes (Facebook, Instagram e Twitter) como forma de apoio a esta acción.

Ribeira Sacra ofrece a súa páxina web para que as adegas podan vender online

O consello regulador de Ribeira Sacra potenciará a distribución dos viños da denominación a través dos servizos dixitais a fin de paliar os efectos negativos da pandemia para este sector. Con este obxectivo, o órgano reitor da denominación ofrece ás adegas a posibilidade de utilizar a súa páxina web para dar a coñecer os seus produtos dunha forma centralizada.

Segundo fontes do Consello Regulador, das 81 adegas dadas de alta na denominación de orixe só trece ofrecen a posibilidade de comprar viño de forma directa a través da súa web e 45 nin sequera dispoñen de páxina en Internet.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información