Condicións moi favorables para a propagación do mildeu no viñedo

Publicidade
Condicións moi favorables para a propagación do mildeu no viñedo

Acio con mildiu. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte no seu último boletín fitosanitario de que tanto esta semana como a que ven rexístranse condicións meteorolóxicas moi favorables para o espallamento do mildeu no viñedo. Neste sentido, inciden na importancia de renovar os tratamentos e de asegurar que non son lavados a continuación pola choiva.

Mildiu

En concreto, os técnicos informan de que “a climatoloxía que estamos a ter neste período está sendo moi favorable ao patóxeno causante desta enfermidade: precipitacións case continuas, temperaturas en xeral moderadas e mesmo algunhas nocturnas bastante elevadas (da orde de 15 ºC a noite do 25 e esta última), períodos de choivas alternando con momentos de elevada insolación e humidade relativa elevadísima, etc”.

Loxicamente, estas condicións poden desencadear contaminacións de xeito continuado, e tamén hai a limitación de que non sempre se poden facer os tratamentos nos momentos previstos debido ás precipitacións, vento ou outros factores.

“Este conxunto de circunstancias fixo que nas nosas observacións desta semana incluiramos, ademais das viñas da nosa rede que estamos a visitar neste tempo, varias que atopamos no noso percorrido. O resultado foi homoxéneo en canto a presenza de síntomas (en todas as viñas había algún síntoma novo) pero diferente en canto á súa incidencia: algunhas apenas tiñan un par de manchas novas sen síntomas en acio, mentres que outras estaban relativamente afectadas, con plantas con varias manchas novas con frutificación, zonas de avance nos síntomas antigos e xa síntomas en acio”, valoran os técnicos de Areeiro no seu boletín desta semana.

Tamén observaron viñas abandonadas, de variedades pouco sensibles, con presenza de síntomas, “o que non sucedería -subliñan- se as condicións non foran especialmente favorables á enfermidade”.

Por outra banda, recordan que as choivas reducen sensiblemente o período de protección teórico dos produtos e, segundo as previsións meteorolóxicas consultadas, vanse manter ata sábado ou domingo/luns segundo as axencias, para despois volver a producirse. Ademais, lembran que tamén se anuncian temperaturas moi elevadas, non só diúrnas senón tamén nocturnas algúns días.

Por estes motivos, a recomendación da Estación Fitopatolóxica de Areeiro é “renovar a protección (salvo aqueles viticultores que o teñan feito nestes días) con funxicidas que, se é posible, teñan acción preventiva, curativa e antiesporulante utilizando tamén un mollante para mellorar a adherencia e distribución do caldo na planta”.

“Nas xornadas seguintes á aplicación lembren a conveniencia de revisar as viñas, en especial se a deron con algo de vento, con humidade nas follas, ou se choveu ao pouco despois de realizala. En todos os casos, extremen a vixilancia”, aconsellan.

Oídio

A pesar de non ter dado ningún tratamento fronte a esta enfermidade, os técnicos informan de que “non observamos síntomas, pois o carácter intenso dalgunhas precipitacións que se están a producir tampouco beneficia ao fungo”.

Black-rot

“Malia a persistencia de condicións favorables, nesta revisión non apreciamos ningún cambio na intensidade dos síntomas, nin sequera na viña abandonada do Condado onde aumentara a semana anterior”, explican dende Areeiro.

Neste sentido, a súa recomendación é “manter a vixilancia e, se renovan o tratamento fronte ao mildiu e hai historial de problemas de black rot, apliquen unha materia activa con efecto tamén fronte a este outro fungo”.

Botrite

Polo de agora non observaron síntomas, e tamén as lesións provocadas polo pedrazo de primeiros de mes ou polos ventos que hai en ocasións aparecen libres da frutificación do fungo. “Manter a vixilancia debido ás previsións de humidade alta e temperaturas moderadas, que son favorables ao fungo”, lembran.

Pragas de artrópodos

Ademais de estar tendo capturas de couzas do acio (sen importancia), informan de que hai presenza de erinose nalgunhas viñas, pero matizan que “a climatoloxía non resulta favorable ao desenvolvemento destes animais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información