Concentración de apicultores en Santiago para pedir cambios na etiquetaxe do mel

Concentración de apicultores en Santiago para pedir cambios na etiquetaxe do mel

Concentración de apicultores convocados por AGA e o SLG en Santiago para pedir cambios na etiquetaxe do mel

Un grupo de apicultores, convocados pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e polo Sindicato Labrego Galego, concentráronse esta mañá diante do centro comercial As Cancelas de Santiago de Compostela para esixir ao Goberno cambios na etiquetaxe do mel.

A mobilización produciuse en varias cidades españolas para demandar que o Ministerio de Agricultura cumpra o seu compromiso de modificar a lexislación sobre etiquetado do mel en España.

Na situación actual, a lexislación permite etiquetar a orixe do mel indicando só que procede da UE e/ou de países non UE, o que segundo os produtores favorece a importación masiva e a baixo prezo de mel procedente da China e doutros países, con menor valor nutricional e garantías sanitarias.

“É unha situación que só favorece ás grandes multinacionais envasadoras de mel e que prexudica aos apicultores de Galicia e tamén aos consumidores”, advirte Xesús Asorey, presidente da Asociación Galega de Apicultura.

Neste sentido, a demanda de AGA, do Sindicato Labrego e doutros colectivos como a Agrupación Apícola de Galicia é que na etiquetaxe se indique de forma obrigatoria o país de orixe do mel e as porcentaxes de mestura, no caso de que proceda de varios países. É que o xa obrigan países como Francia, Italia ou Portugal.

Asemade, demandan que na etiqueta se indique se o mel foi pasteurizado, un proceso que emprega a gran industria envasadora para que o mel non cristalice -un proceso natural-, pero que reduce os seus efectos beneficiosos para a saúde humana.

“A mellor garantía: mercar mel coa IXP Mel de Galicia ou de apicultores locais”

“Mentres tanto, a mellor garantía de consumir un mel de calidade, aínda que o consumidor pague un pouco máis, é mercando mel co selo da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia; comprándollo a apicultores locais de confianza ou mel que leve a marca colectiva Das Miñas Colmeas, que puxo en marcha AGA”, explica Xesús Asorey.

aga_mel_etiqueta_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información