A compostaxe permite reducir á metade o lixo en concellos de Pontevedra

Cinco municipios da provincia destacan polas súas cifras de compostaxe de residuos orgánicos, o que permitiu diminuír de xeito drástico os envíos a Sogama

A compostaxe permite reducir á metade o lixo en concellos de Pontevedra

Participantes na reunión de balance do plan Revitaliza celebrada en Pontevedra.

A compostaxe foi a ferramenta clave para que varios concellos de Pontevedra conseguiran reducir á metade o lixo, segundo apuntou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, durante a reunión mantida con representantes dos municipios da provincia para facer balance do Plan Revitaliza.

As previsións indican que, grazas a este programa posto en marchar no 2015, varios concellos da provincia cumprirán os obxectivos marcados pola Unión Europea de reciclar no 2020 o 50% de tódolos residuos producidos. Trátase dos concellos de Mondariz Balneario, Mondariz, Vilaboa, O Grove e As Neves.

Prevén que Mondariz Balneario, Mondariz, Vilaboa, O Grove e As Neves acaden os obxectivos marcados pola UE en 2020

Segundo apuntou o vicepresidente, agárdase que outros concellos, dos que van aplicar a compostaxe como modelo de forma global, poidan acadar estes obxectivos a curto prazo. Son os concellos de Valga, Poio, Tomiño e a Illa de Arousa.

Na actualidade, están implicados nesta xestión do lixo 44 dos 61 concellos da provincia. O plan Revitaliza está baseado na compostaxe pero ten a vocación de afrontar a xestión de tódalas fraccións do lixo. Céntrase na xestión orgánica porque é tamén a fracción maioritaria, xa que supón un 55% da bolsa do lixo, ademais de ser degradable, polo que crea problemas no colector.

A aparición do plan Revitaliza busca rachar coa evolución paralela da xeración de lixo e dos envíos a Sogama, e nos concellos onde o plan está máis avanzado vese unha tendencia distinta, reducindo os envíos a Sogama e aumentando a reciclaxe de inertes.

As cifras nos concellos que se achegan ó obxectivo europeo

O concello que mellores datos globais ten a día de hoxe en reciclaxe é Mondariz Balneario, cun 32,15%. Conseguiu mellorar nun 50% a recollida de inertes e reduciu nun 15% os envíos a Sogama no último ano, cando se aplicou de forma extensiva a compostaxe.

Mondariz tamén mellorou a súa reciclaxe de inertes nun 35,25% logo de incorporar o sistema de compostaxe. Neste concello reducíronse os envíos a Sogama nun 11,28% e a reciclaxe global sitúase no 21,28%.

As Neves é outro dos concellos no que o uso composteiros individuais e en centros comunitarios conseguiu mellorar a reciclaxe das outras fraccións nun 81,95%. Isto implicou que se reduciran os envíos a Sogama en preto dun 11% e a súa taxa de reciclaxe global chegase ao 16,18%, subindo exponencialmente.

Tamén O Grove avanza progresivamente, cunha mellora da reciclaxe inerte do 22,75%, situando o global no 19,88%.

No caso de Vilaboa, o concello mellorou a súa recollida selectiva de inertes nun 78,55% dende 2015 e reduciu os envíos a Sogama nun 16,66%. A súa taxa de reciclaxe total, sumando as fraccións de papel, vidro, e envases xunto á parte orgánica, acada o 19,41%.

En canto ás cifras no concello de Pontevedra, a recollida selectiva mellorou, con respecto a 2015, en máis dun 37%. No último ano, baixaron os envíos a Sogama nun 1,81% e aseguran que hai unha tendencia á redución dos envíos que se notará no 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información