Competencia sanciona a 9 industrias lácteas con 88 millóns de euros

O organismo considera probado que pactaron prezos en orixe para evitar ofertas de mellores condicións comerciais para os gandeiros. Tamén multa ás asociacións de empresas lácteas de Galicia e de Cataluña

Competencia sanciona a 9 industrias lácteas con 88 millóns de euros

Nestlé é unha das industrias sancionadas por Competencia.

A Comisión Nacional de Mercados y de Competencia acordou multar por prácticas anticompetitivas a 9 industrias lácteas e a dúas asociacións de empresas do sector, a de Galicia e a de Cataluña. A sanción total ascende a 88,2 millóns de euros. As cuantías máis elevadas recaeron sobre Danone (23,2 millóns), Capsa (21,8 millóns) e Lactalis (11,6 millóns).

Competencia entende que se produciu un pacto de prezos en orixe e intercambio de información tendente a limitar a mellora das condicións comerciais para os gandeiros. En concreto, o organismo sostén que as industrias conversaban sobre volumes de recollida, excedentes e prezos en orixe, con casos de acordos concretos en prezos de compra e cesións de gandeiros entre industrias.

O organismo considera tamén probado que as industrias dialogaban sobre os prezos que ían ofrecer no futuro e sobre a identidade dos gandeiros que querían cambiar de transformador, así como das medidas a adoptar para evitalo. Como consecuencia disto, Competencia advirte que os gandeiros carecían de poder para fixar o prezo do seu produto ou para cambiar de industria á que lle entregaban ó leite.

A situación de acordos entre industrias orixinou graves distorsións no mercado e afectou en especial ás empresas gandeiras, segundo a valoración de Competencia. A Comisión considera que as asociacións de empresas lácteas de Galicia e de Cataluña xogaron tamén un papel relevante nos acordos entre empresas, polo que tamén procede a sancionalas.

As multas son as seguintes:

– Danone: 23,2 millóns de euros
– Corporación Alimentaria Peñasanta, 21,8 millóns de euros.
– Lactalis, 11,6 millóns de euros
– Nestlé, 10,6 millóns de euros.
– Puleva, 10,2 millóns de euros.
– Leche Pascual, 8,5 millóns de euros.
– Senoble Ibérica, 929.000 euros.
– Central Lechera Asturiana Sat, 698.000 euros.
– Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña, 200.000 euros.
– Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, 100.000 euros.
– Central Lechera de Galicia (Celega), 53.000 euros.

A Comisión Nacional de Mercados y de Competencia considera tamén probadas infraccións por parte doutras cinco industrias, se ben non as sanciona por prescripción das infraccións. Son os casos de Industrias Lácteas Asturianas (Reny Picot), Leche Río, Leche Celta, Feiraco e Forlactaria.

Contra a resolución de Competencia, pode interpoñerse un recurso contencioso administrativo na Audiencia Nacional no prazo de dous meses.

A sanción é consecuencia dunha investigación a raíz de denuncias en Castilla y León e doutra denuncia da Unión de Pequeños Agricultores (Upa), a matriz estatal de Unións Agrarias. Upa, sen embargo, en nota de prensa emitida onte, amosou o seu disgusto porque a gran distribución comercial saiu indemne da multa de Competencia. “As grandes cadeas de distribución son en realidade as que marcan o prezo do leite en España, usándoo como produto reclamo e realizando ofertas abusivas”, valora a organización.

En Galicia, Unións Agrarias xa criticara días atrás a posible sanción de Competencia, pois a organización entendía que a sanción repercutiría en toda a cadea láctea e, en último termo, nos gandeiros. Unións apostaba por unha solución negociada na que as industrias adoptaran compromisos co sector, en alusión a unha mellora das condicións de venda dos gandeiros, se ben Competencia desbotou esa opción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información