Como ten que cotizar a agricultura a tempo parcial?

Os agricultores esporádicos están no punto de mira de Facenda e Traballo polas súas cotizacións, unhas esixencias que fan que algúns barallen mesmo abandonar a actividade. Analizamos a situación con organizacións agrarias e cooperativas

Como ten que cotizar a agricultura a tempo parcial?

O cultivo de hortalizas, a recolleita de castañas e mazás ou o viñedo son algúns exemplos de agricultura a tempo parcial en Galicia. Son os chamados agricultores esporádicos ou de fin de semana, que teñen a agricultura como un ingreso complementario e unha actividade puntual. Pero, é rendible este traballo a tempo parcial?. Esta é a pregunta que se fan moitos destes produtores a cotío e, sobre todo, nos últimos tempos logo de que se produciran varios expedientes por parte do Ministerio de Traballo, obrigándoos a darse de alta uns meses como autónomos.

É unha medida que mesmo ten carácter retroactivo e que se aplica aínda que estean xa a cotizar por conta allea ó desenvolver outra actividade, e con independencia de que teñan declarados os ingresos procedentes da actividade agraria.

A cotización e a fiscalidade deste tipo de agricultura é un tema que está a debate no marco do Consello Agrario de Galicia. As principais organizacións agrarias galegas reivindican a necesidade de reclamarlle a Facenda e á Seguridade Social un tratamento axeitado para que esta agricultura se manteña, posto que temen que os procedementos sancionadores abertos desincentiven ós produtores.

As organizacións agrarias reivindican a importancia da agricultura a tempo parcial como unha forma de revitalizar o rural

“Este tipo de actividade agrícola ten unha importancia vital tanto a nivel social como económico no rural. Son unha ferramenta para manter activo e vivo o rural e non se está valorando como debera”, reafirma Antón Villarino, do Sindicato Labrego Galego (SLG).

“Se obrigamos a darse de alta como autónomos a moito agricultor a tempo parcial, que teñen uns rendimentos moi baixos procedentes deste tipo de agricultura, corremos o risco de que estas producións, que lle están dando vida ó rural, que evitan incendios e o despoboamento, que xeran ingresos e que se declaran fiscalmente, poidan ter a tentación de desaparecer”, recoñece Félix Porto, de Unións Agrarias.

Mesmo o abandono da actividade tamén implica certas responsabilidades para o produtor, como no caso do viñedo, onde a pesares de que se decida deixar a actividade, o propietario segue estando obrigado a tratar sanitariamente a súa finca. “Se non a vai coidar, debe arrancar a viña ou arríscase a ser sancionado se sofre algún problema que supoña un risco sanitario”, informou o xefe de servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería de Medio Rural, Víctor Novo, no transcurso dunha xornada organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) a pasada semana en Santiago. Nesta sesión abordouse a situación da agricultura a tempo parcial, e en concreto o sector vitivinícola.

Xornada-viticultura-tempo-parcial-agaca-

Xornada sobre a agricultura a tempo parcial e a vitivinicultura organizada por Agaca.

“Estes procedementos de esixencia de cotizacións por parte da Administración deixan ós produtores nunha situación de indefensión total, onde só lles queda pagar ou, no caso de querer recorrer, afrontar o risco de que o desembolso, nalgúns casos, sexa o dobre”, apunta Higinio Mougán, responsable de Agaca.

Obrigados a darse de alta

Aínda que a fiscalidade tamén se podería mellorar nalgúns aspectos puntuais, unha das maiores dificultades que se están presentando para os agricultores a tempo parcial ten que ver coas cotizacións á Seguridade Social. Neste senso, estanse a tramitar expedientes iniciados polo Ministerio de Traballo nos que lles obrigan a darse de alta como autónomos no tempo no que realicen a actividade. Ese tempo pode ir dende os tres meses para os traballos nos viñedos a cinco na horta ou mesmo todo o ano, xa que tamén varía en función dos ingresos que se perciban en cada caso.

Traballo obriga ós produtores a darse de alta uns meses ó ano ou incluso todo o exercicio, en función dos ingresos e do tipo de actividade

O requerimento esixindo a alta como autónomo prodúcese cando o organismo estatal, tras contrastar datos coa Axencia Tributaria, detecta uns ingresos procedentes da agricultura de xente que non está dada de alta no réxime agrario na Seguridade Social, sobre todo naqueles casos que os ingresos brutos superan ó salario mínimo interprofesional, é dicir 7.500 euros, e non se rexistra outra actividade.

“O problema é que se están a ter en conta os ingresos brutos e non o rendemento neto, é dicir, non se descontan os gastos que implica a actividade”, comenta Samuel Lago, responsable de Unións Agrarias no Salnés, onde están a tramitarse algúns destes expedientes.

Este é o caso, por exemplo, dun mozo de Cambados que se encarga do viñedo familiar para sufragar os custos dos estudos e que recibiu un requirimento para darse de alta con carácter retroactivo, o que o obriga a cotizar por varios meses nos últimos catro anos.

A obriga da alta aplícase con carácter retroactivo os últimos catro anos

Pero aínda que xa se estea a cotizar por outra actividade, se os ingresos brutos do agro superan os 7.500 euros, Traballo entende que o produtor debe darse de alta como autónomo. Así lle aconteceu a un agricultor da zona do Salnés que compatibiliza a produción de horta con outro traballo e que no 2017 superou esa cantidade. O requirimento obrígao a darse de alta xa dende o 2015 pese a que, a excepción do 2017, en ningún dos outros anos superou a cifra límite de ingresos. Así, o carácter retroactivo da medida obrígao a cotizar 5 meses no 2015, 2016 e 2018, mentres que no 2017 debe pagar todo o ano.

Agora valora se o rendemento da actividade desta tempada lle compensa seguir co cultivo, tendo en conta os gastos ós que tamén tivo que facer fronte para o mantemento dos invernadoiros, o sistema de rego ou outras inversións derivadas do cultivo e polas que tampouco percibiu ningún tipo de subvención.

“Non se entende que haxa esta presión sobre os produtores cando se trata dunha actividade de carácter familiar que non supón grandes ingresos e que, ademais, xa están a declarar e tributar por eles”, apuntan dende Unións.

Propostas para rebaixar a presión sobre a agricultura a tempo parcial

Fronte a esta situación, as organizacións agrarias coinciden en sinalar que é preciso atopar solucións intermedias que permitan a continuidade desta actividade. Recollemos algunhas das propostas á hora de regularizar a situación dos traballadores agrarios que non están dados de alta.

-Establecer uns criterios claros e fixos que determinen en que situacións é preciso darse de alta. “Estamos vendo que non hai un criterio claro, co que se están producindo distintas interpretacións que levan a que nuns casos haxa expedientes e noutros non, en función do inspector que o avalíe”, concretan dende o Sindicato Labrego.

Neste senso tamén apuntan á necesidade de definir que se encaixa dentro dunha dedicación a tempo parcial para concretar aquelas actividades polas que debera cotizarse. “Tampouco é unha tarefa sinxela porque existe unha ampla casuística que complica definila, pero a Administración debería afrontalo”, inciden dende o SLG.

Estipular o tempo que deben cotizar en función da actividade que desenvolven adaptándose ás súas características e o tempo que lle adican. Debe terse en conta, por exemplo que, en casos como a castaña o agricultor só ten traballo un mes, durante a recollida. Un caso similar acontece no viñedo, onde as tarefas se concentran principalmente na época da poda, o sulfato e a vendima.

Eliminar o carácter retroactivo da medida. Este é un dos puntos no que tanto os sindicatos como os afectados máis insisten, posto que está a supoñer maiores prexuízos para os produtores. O feito de ter que cotizar, nalgúns casos nos últimos catro anos anteriores, incrementa o desembolso aínda que neses exercicios non se alcanzasen ingresos superiores.

Ademais, ó ter que darse de alta deste xeito tampouco permite que poidan acceder a ningún tipo de bonificación como os autónomos que se dan de alta por primeira vez.

Computar os rendimentos netos e non os ingresos brutos como se está realizando actualmente. Un dos aspectos máis a ter en conta é a necesidade de que non computen só os ingresos brutos, senón que se deduzan os gasto que xera a actividade.

Para iso, dende Unións apelan a que se poida utilizar o sistema de módulos que empregan no réxime agrario para realizar este cálculo. Así, se tralo calculo superan o mínimo establecido deberán cotizar por esa actividade. “O que non se pode é obrigar a cotizar a aquelas persoas que teñan uns ingresos brutos de 12.000 euros porque o propio cómputo de Facenda, unha vez que se descontan os gastos, evidencia que realmente esta cuantía é un complemento”, concretan dende o sindicato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información