¿Como se tratarán as mamites no futuro?

O doutor Fernando Fariñas, director do Instituto de Inmunología Clínica y Enfermedades Infecciosas de Málaga, é un referente en España no estudo das enfermidades inmunolóxicas e infecciosas. Recentemente participou en Galicia nunha xornada organizada por Laboratorios Virbac e na que presentou un relatorio sobre “Vacunoloxía básica e Inmunidade da glándula mamaria”

¿Como se tratarán as mamites no futuro?

Aplicando un selador para o secado.

O doutor Fernando Fariñas, director do Instituto de Inmunología Clínica y Enfermedades Infecciosas de Málaga, é un referente en España no estudo das enfermidades inmunolóxicas e infecciosas. Recentemente participou en Galicia nunha xornada organizada por Laboratorios Virbac e na que presentou un relatorio sobre “Vacunoloxía básica e Inmunidade da glándula mamaria”.

Problema de partida: Fraxilidade da glándula mamaria desde o punto de vista inmunitario

A mamitis é a principal causa de perdas económicas por motivos sanitarios nunha gandaría de vacún de leite, tanto por descarte do leite, como por gastos veterinarios, diminución da produción ou polo propio descarte dos animais.

Neste sentido, Fernando Fariñas explicou que a orixe do problema está en que “a glándula mamaria ten unha inmunidade fráxil; presenta bastantes deficiencias desde o punto de vista inmunitario, sobre todo durante o periparto e a lactación, e iso fai que sexa susceptibles a padecer mamites”.

“Na glándula mamaria da vaca a lactoferrina, unha substancia que bloquea a proliferación de bacterias, atópase parcial ou totalmente inactiva. Ademais, os neutrófilos e os macrófagos, que se encargan no organismo de comer as bacterias, tamén funcionan mal no teto debido á alta presenza de azucres, graxa e proteína. Durante a xestación e o periparto o organismo produce unha serie de sustancias como os corticoides endóxenos, que tamén rebaixan a funcionalidade destas células especializadas na loita contra os axentes infecciosos. E cando hai unha mamite funcionan aínda peor, porque o PH vólvese acedo e baixa a presenza de glicosa, necesaria para o seu funcionamento. Por último, tanto neutrófilos como macrófagos necesitan osíxeno no ambiente, e precisamente na glándula mamaria a concentración deste gas é pobre”, explica o doutor.

Estratexias para previr a mamite:

1) Vacinas: ¿Cales son eficaces?

No mercado xa hai varias vacinas contra a mamite pero non todas son igual de eficaces. “Gran parte das vacinas existentes son elaboradas a partir de bacterinas, na que se illa a bacteria infecciosa que produce mamite, e tras a súa manipulación en laboratorio, o animal vacínase co obxecto de producir anticorpos que preveñen a enfermidade. Teñen un efecto protector, pero menor que as vacinas que incorporan o antíxeno SSA, que forman anticorpos fronte á biopelícula que recubre ás bacterias, tendo unha maior efectividade”, explica Fernando Fariñas.

Ademais, xa existen vacinas no mercado que xunto ao SSA tamén incorporan o compoñente J5 do Escherichia coli, de forma que á parte de xerar inmunidade na vaca fronte ao Staphylococcus aureus tamén o farían fronte a esta bacteria causante de boa parte das mamites.

“Unha bacterina protexe da mamite ao 30% como máximo pero unha vacina con SSA e J5 sobe ao 47%”

“É dicir, se cunha bacterina a porcentaxe de protección dun animal fronte á mamite clínica non chegaría ao 30%, nunha vacina que incorpore SSA e J5 xa estariamos a falar do 47%”, destaca este experto.

Non obstante, os últimos avances científicos fan prever que estas porcentaxes de inmunidade elevaranse nos próximos anos. “En Chile xa están a utilizar nanovesículas, unha técnica nova de fabricar vacinas, que din que elevan as porcentaxes de prevención ata o 99%, aínda que sendo realistas é máis crible que se chegue a un 75 ou 80%. Nuns anos veremos avances en vacinas que, ademais de previr a enfermidade, tamén servirán para o tratamento da mesma. A estas vacinas chámaselles xenéricamente vacinas terapéuticas”, avanza Fernando Fariñas.

2) Uso de inmunomoduladores: ¿Que información se debe pedir?

O uso de potenciadores da inmunidade en gando vacún é outra das vías que se están abrindo para a prevención da mamite. Así, xa existen no mercado pensos con produtos inmunomoduladores ou con suplementos elaborados a partir de extractos de plantas, como tomiño, ourego, así como aceites esenciais.

Porén, o director do Instituto de Inmunología Clínica y Enfermedades Infecciosas advirte de que “gran parte só foron probados en laboratorio, e falta un estudo de campo que abarque a moitos animais e con diversos grupos, porque os resultados in vivo poden diferir”. “Creo que é fundamental que o veterinario ou o gandeiro esixa á empresa que avale ese produto con correlatos inmunolóxicos de protección en campo”, apostilla.

“Os inmunomoduladores máis eficaces teñen ensaios in vivo e chegan a reducir as mamites nun 26%”

Neste sentido, asegura que actualmente existen produtos inmunomoduladores no mercado baseados no uso de moléculas estimuladoras dos neutrófilos (chamado tecnicamente factor estimulante de colonias de granulocitos ou G-CSF), nos que os ensaios realizados cun gran número de individuos e en varios países, “chegaron a porcentaxes de redución de mamite do 26%”.

“E se sumamos ese 26% ao 46% dunha boa vacina e a un bo manexo xa podemos reducir notablemente o uso de antibióticos nunha gandaría de vacún de leite”, conclúe.

3) Antibióticos: Un recurso cada vez máis limitado

O uso de antibióticos en saba durante o secado ou de antibióticos de amplo espectro para tratar unha mamite, o gran recurso utilizado ata agora para previr ou tratar esta enfermidade en vacún de leite, vai estar cada vez máis limitado ou directamente prohibido na Unión Europea. As autoridades comunitarias tomaron esta decisión -xa amplamente implantada en países como Dinamarca, o Reino Unido ou Holanda- non por unha cuestión de residuos no leite, que é o produto alimentario que pasa máis controis e con máis garantías sanitarias para o consumidor, senón para evitar a aparición de bacterias resistentes aos antibióticos, por un mal uso ou abuso dos mesmos.

Ademais, moitos dos antibióticos que se utilizan en veterinaria tamén son empregados en medicina humana, e é para este último uso para o que se pretenden restrinxilos co fin de preservar a súa eficacia.

 “Vaise esixir identificar o patóxeno causante da mamite para tratar cun antibiótico específico”

“No tratamento da mamite isto vaise traducir en que os antibióticos vanse poder utilizar soamente para as situacións de máis urxencia e de forma específica. É dicir, vanse esixir antibiogramas e probas de laboratorio para identificar a bacteria e aplicarlle un tratamento específico. O mesmo coa concentración mínima inhibitoria do antibiótico. É dicir, esixirase un uso racional dos antibióticos, e nisto o veterinario terá un papel crucial, sendo o responsable en cada fase e cun control por parte da Administración sobre o que receita mediante a implantación da receita electrónica, que parece que en breve (presumiblemente setembro) xa será obrigatoria”, avanza Fernando Fariñas.

4) Prevención: A importancia da hixiene

Por último, un aspecto clave para a prevención da mamite, e de fácil aplicación polos gandeiros, é a hixiene e a redución do estrés nos animais. A este respecto, lembra que “gran parte das mamites prodúcense por contaminación ambiental, como vacas que paren en ambientes con sucidade e humidade, ou tetoeiras mal desinfectadas, o que desemboca en mamites, favorecido pola mala inmunidade da glándula mamaria”.

Igualmente, destaca “a importancia do manexo dos animais, e en concreto a redución do estrés (por falta de espazo, competencia pola comida, ambientes ruidosos ou temperaturas elevadas), xa que está claramente ligado ao funcionamento do sistema inmunitario da vaca”.

Conclusión: Necesidade dunha estratexia con varias ferramentas

Como conclusión, Fernando Fariñas considera que, en base aos resultados, a abordaxe da mamite en vacún debería ser unha estratexia onde se empreguen diversas ferramentas. “É dicir, non é suficiente coa vacinación e co tratamento con antibióticos, aplicados de forma racional, senón que se debería reforzar a prevención con medidas de hixiene, desinfección, control do estrés, boa alimentación e bo manexo, realizando no posible unha boa selección xenética dos animais con máis capacidade inmunolóxica. E seguramente con esta estratexia de tratamento integral obteremos mellores resultados no tratamento e prevención da mamite que os que obtemos neste momento”, conclúe o director do Instituto de Inmunoloxía Clínica e Enfermidades Infecciosas de Málaga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información