Como reduce as emisións de amoníaco unha granxa de Holanda?

Coñecemos o caso dunha gandería de vacún de leite holandesa que conseguiu reducir as súas emisións de amoníaco a base de aplicar medidas concretas no manexo. O control das emisións traduciuse nun aforro e unha maior rendibilidade da granxa

Como reduce as emisións de amoníaco unha granxa de Holanda?

Vista da granxa de Rudie Freriks situada nunha pequena aldea de Holanda.

Rudie Freriks é un gandeiro holandés que conseguiu reducir as emisións de amoníaco da súa granxa de vacún de leite nos últimos catro anos a base de aplicar medidas específicas nos procedementos que levaba a cabo. Con estas actuacións conseguiu que a súa granxa fose máis eficaz sen necesidade dunha gran inversión, como recoñece.

No 2011, cando decidiu participar nun proxecto, asesorado pola Universidade de Wageningen, para reducir as emisións de amoníaco, Rudie tiña na súa explotación 80 vacas e 35 animais de recría e dispoñía dunhas 37 hectáreas de terra ( 32,5 ha de herba e 4,9 ha de millo). A súa produción de leite daquelas situábase nos 720.000 quilos de leite ó ano.

Situada en Luttenberg, unha pequena aldea na provincia de Overijssel, ó leste dos Países Baixos, o futuro da granxa de Rudie estaba condicionado polas emisións de amoníaco, xa que a lexislación holandesa puxo especial interese na preservación dos espazos naturais protexidos baixo a Rede 2000. “Se reducía con medidas de control as emisións de amoníaco non tería que investir na miña granxa”, xustifica o gandeiro. Pero máis alá da redución das emisións, outro dos obxectivos de Rudie era que a súa granxa seguise a ser rendible.

Onde se producen as emisións de amoníaco na granxa?

“Se queres controlar as emisións de amoníaco, o primeiro é coñecer de onde proceden na túa explotación, e eu gastei tempo niso”, explica o gandeiro. As principais fontes onde se concentra o amoníaco son na granxa e nos xurros. Pero tamén nos campos e na produción das súas forraxes.

Na granxa producíanse unhas emisións de amoníaco de 3,93 quilos por tonelada de leite

Dado que a súa intención non pasaba por reformas nas instalacións e xa empregaba un equipo de baixas emisións para inxectar os xurros, procurou unha estratexia para reducir o amoníaco nos seus campos.

Fontes-de-amoniaco_explotacion-Holanda-

Fontes onde se localiza o amoníaco na explotación.

 

As emisións totais da granxa no comezo do programa eran de 2.891 quilos ou de 3,93 kg por tonelada de leite. Unha vez que se coñece as emisións de amoníaco que se producen na granxa, o gandeiro comeza a traballar nunha redución potencial das emisións. Inicialmente estipula unha redución do 12% das emisións, aínda que o seu obxectivo era lograr conseguir un 20% menos de emisións de amoníaco.

Para conseguir esta redución das emisións, Rudie incidiu en controlar catro factores na súa granxa:

-Incrementar a idade das súas vacas de leite en medio ano. Para iso reduciu o número da recría, pasando de 7 a 5 por cada 10 vacas en muxido. Tamén procurou facer que as súas vacas de leite fosen máis eficientes. Con isto pretendía reducir un 5% as emisións.

-Controlar o aporte de enerxía e proteína na ración. A clave estaba en conseguir máis enerxía coa mesma proteína para que a ración fose máis eficiente o que se traduciría nun 5% menos de emisións de amoníaco.

-Reducir a proteína da ración da recría que suporía o 2% menos de emisións.

-Ademais, na súa primeira estimación, o gandeiro procuraba mellorar a produtividade das súas pradeiras, aínda que probablemente non tivese efectos adicionais. Rudie contemplaba esta mellora, xa que o ano anterior fora especialmente malo para a recollida de forraxes posto que só recollera 7 toneladas de herba seca por hectárea logo dunha primavera e dun verán moi húmidos. O gandeiro marcaba este obxectivo tamén para garantir a viabilidade da súa explotación.

A urea, un indicador sensible ás emisións de amoníaco

Á hora de levar á práctica estes obxectivos de redución do amoníaco, Rudie detectou que precisaban contar con algún indicador diario no que ir vendo como se traducían na explotación os cambios que se ían facendo, sen ter que agardar un ano para comparar os datos. “Logo de tanto tempo xa non sabes o que fixeches e o que puido ser positivo ou negativo”, apunta.

Por iso, a pesar de que contaba xa con programas cos que recoller diversos datos da súa explotación, a urea, a proteína que a vaca non utiliza para o seu mantemento e que se descompón en amoníaco, resultaba un bo indicador dos cambios, sobre todo, daqueles introducidos na ración. Así, controlando a urea podía valorar tanto os cambios da ración na saúde da vaca e ver se estaba sendo efectiva ó tempo que lle permitía valorar as reducións de amoníaco que se producían.

Indicadores-reduccion-amoniaco-Explotacion-Holanda-

Recompilación dos datos de produción de leite, graxa, proteína, urea e amoníaco na granxa.

A analítica dos seus resultados permitiulle ó gandeiro establecer que, se os valores de urea se atopaban entre 15 e 20 o resto dos valores, como a produción de leite e as calidades da mesma, tamén se mantiñan estables. Porén, nalgúns períodos nos que o amoníaco se reduciu ata valores de 11 e 10 as súas vacas deixaron de producir tanto leite e o nivel de proteína tamén diminuíu.

Medidas a aplicar para reducilas emisións

Ao longo destes catro anos algunhas das medidas que Rudie levou a cabo na súa granxa para reducir o amoníaco foron evoluindo.

No primeiro ano, os cambios centráronse en:

– Mellorar a eficiencia da alimentación da recría centrándose en aportar a proteína precisa para que non se malgastase -ao ser excretada polas feces e polos ouriños- e se incrementase a taxa de amoníaco.

– Incrementar a produción de herba, xa dende o primeiro corte.

– Cambiou a composición da ración, reducindo a porcentaxe de proteína e mellorando a súa dixestibilidade.

– Tamén adecuou a alimentación das vacas secas, centrada en palla e en concentrado.

Xa nos seguintes dous anos, o gandeiro continuou a facer modificacións que afectaron sobre todo á ración:

-Optou por empregar un plan de fertilización. Aínda que xa planificaba os seus abonados, este plan permitiulle organizalos en base ás estacións e conseguindo en cada época que se traducise en conseguir unha redución do amoníaco.

-Reduciu a fertilización na primavera para conseguir reducir tamén a proteína bruta que estaba a incrementar os valores de amoníaco, ó producirse un exceso de proteína da herba primavera na dieta das súas vacas.

-Na ración, concentrouse en controlar a proteína bruta para que non houbese picos de urea.

-Comezou a limitar menos o pastoreo das súas vacas.

Estes cambios tamén lle permitiron incrementar o número de vacas en muxido, pasando a 96, dez máis ca ó principio do programa e incrementar a súa produción. Mentres os cambios na ración non afectaron nin á graxa nin á proteína, as emisións de amoníaco reducíronse.

-Tamén apostou por mellorar a eficiencia da súa gandería mellorando a fertilidade e reducindo a porcentaxe de recría.

Os efectos da redución na explotación

Logo da recompilación de datos e poñer en práctica as distintas medidas para a redución do amoníaco, Rudie tamén avaliou os custos que o programa e as accións levadas a cabo tiveran na súa explotación para valorar cales son as máis efectivas e rendibles. Na seguinte gráfica detállase o custo de cada unha delas e a eficiencia no aforro de emisións de amoníaco.

Efectos-economicos-reducion-amoniaco-en-explotacion-Holanda-

Gastos e ingresos que conlevaron as medidas para reducir as emisións de amoníaco.

Reducir as emisións nas instalacións é unha das actuacións coa que se consegue maior efecto sobre o amoníaco, aínda que tamén supón un importante investimento e foi unha das que Rudie descartou dende un principio. Porén, as accións desenvolvidas na súa explotación convertéronse non só nun xeito de reducir as emisións senón, nalgúns casos, tamén foi o modo de aumentar os ingresos. É o caso, por exemplo, da redución da recría, unha medida coa que sumou beneficios e restou emisións. Outra das medidas que máis beneficios deixaron foi o incremento do tempo de pastoreo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información