Como previr e controlar o black rot en viñedo?

O black rot é unha das enfermidades fúnxicas, xunto co mildiu e o oídio, que máis danos causan en viticultura. Nuria de Prado Ordás, da Estación de Avisos Agrícolas de Carracedelo, explica como previr e controlar este fungo

Publicidade
Como previr e controlar o black rot en viñedo?

Black rot en folla

O black rot é unha dos pesadelos para moitos viticultores cando se xuntan as condicións de humidade e temperaturas altas. Do mesmo xeito que o mildiu e o oídio, esta enfermidade fúnxica procede de Estados Unidos e chegou a Francia a mediados do século XIX canda os patróns americanos resistentes á filoxera.

Para coñecer cales son os últimos avances na loita contra o black rot, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) reuniu o pasado 18 de abril en Arnoia (Ourense) a destacados expertos na materia, como Nuria de Prado Ordás, técnica da Estación de Avisos Agrícolas de Carracedelo (O Bierzo), un centro dependente da Consellería de Agricultura e Gandaría da Junta de Castela e León.

No seu relatorio, “Síntomas e estratexias de tratamento do black rot ou podremia negra da viña”, Nuria de Prado deu as claves para previr e tratar esta enfermidade, “que en España afecta as rexións vitícolas con máis humidade, como Galicia”.

A que partes afecta o Black Rot?

Como punto de partida, o Blak Rot comeza afectando a follas, con manchas de cor marrón claro e de tipo poligonal, e logo aparecen pequenos puntos negros dentro das manchas.

“Ás veces estas manchas chegan a necrosar zonas enteiras da folla, e tamén pode afectar a pámpanos e pedúnculos das inflorescencias e, do mesmo xeito que coa folla, se o raquis está infectado polo fungo a inflorescencia acábase necrosando e morre”, precisa a técnica da Estación de Carracedelo.

Tamén pode afectar a acio, tardando entre 2 e 3 semanas desde a infección, ata que se manifesta nos bagos, producindo a súa podredume e deshidratación. Estes bagos momificados, de cor violeta nas variedades tintas e marrón nas brancas, se acaban na cuba provocan tamén problemas de vinificación.

Danos de black rot en acio. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Danos de black rot en acio. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Cales son as condicións favorables para o Black Rot?

A temperatura óptima para o desenvolvemento do Black Rot son 27 graos e humidade ambiental, para que os esporas do fungo xermolen e comecen a desenvolverse e a provocar unha nova infección. “Con 6 horas de humidade a 26,5 graos son suficientes, e por baixo ou por encima desa temperatura o fungo precisa máis horas de humidade para completar o seu ciclo”, explica Nuria de Prado. Así, entre 10 e 21ºC, precísanse períodos de humidade máis longos para que ocorra a infección (24 horas e 7 horas respectivamente)

O desenvolvemento do Black Rot paralízae con menos de 7 graos ou por encima de 32 graos de temperatura.

Condicións de humidade e de temperatura para o desenvolvemento do Black Rot en viñedo:

TEMPERATURA (ºc):

HORAS DE HUMIDADE

EN FOLLA:

7.0

Non hai infección

10.0

24

13.0

12

15.5

9

18.5

8

21.0

7

24.0

7

26.5

6

29.0

9

32.0

12

Fonte: R. A. Spotts, Ohio State University

¿Black Rot ou mildiu larvado?

O Black rot pódese confundir co mildiu larvado, que se produce cando o fungo non produce esporulación ao penetrar a pel do bago novo, que ao madurar reteno no seu interior. Os síntomas son parecidos a black rot: bagos que podrecen, engurran, murchan e a mesma coloración. As infeccións de black rot en acio tamén chegan a producir puntos negros sobre as uvas momificadas. Entón é posible distinguir unha uva infectada de mildiu larvado doutra infectada de black rot, pero ao principio da infección, cando aínda non apareceron os puntos negros, é imposible.

As condicións para o desenvolvemento de mildiu larvado e de black rot son parecidas: precipitacións ou humidade elevada e entre 10 e 30 graos de temperatura, aínda que a óptima para o xermolo dos esporanxios é de 22 a 25 graos.

“A única diferenza fundamental é a temperatura: para desenvolverse mildiu a temperatura mínima para a infección primaria é de 11 graos e en Blak Rot é de 15 graos. Pero para unha infección secundaria xa son moi parecidas”, aclara Nuria de Prado.

Un exemplo: O ataque de Black Rot aos viñedos do Bierzo no 2006

Black Rot en pecíolo.

Black Rot en pecíolo.

O verán de 2006 é lembrado polos viticultores do Bierzo como o ano no que sufriron un dos ataques de BLACK Rot máis fortes, provocando perdas nas colleitas de uva de entre o 20 e o 30%.

“Na segunda quincena de maio rexistrouse unha primeira infección que afectou sobre todo as follas da vide. Posteriormente, nas zonas de fondo de val, afectou tamén a pámpanos, pedúnculos de folla e de inflorescencias; é dicir, afectou a todas a partes verdes das plantas. E na segunda semana de xuño, como seguía habendo condicións favorables para o fungo -treboadas con precipitacións de 20 litros por metro cadrado nun día e temperaturas de bochorno, e pouca oscilación térmica-, padecemos un segundo ataque que afectou sobre todo a acio”, explica a técnica da Estación de Avisos Agrícolas de Carracedelo.

Medidas de prevención e control do Black Rot en Viñedo:

1) Medidas culturais de prevención:

-A máis eficaz para reducir inoculo é eliminar acios momificados na poda de inverno. Así, recoméndase labrar a viña para enterralos xusto antes da agromada para enterrar calquera resto de tecido enfermo do ano anterior. “É unha boa medida para baixar presión de praga e que teñamos menos infeccións á primavera seguinte”, destaca Nuria de Prado.

 “Hai que enterrar os acios momificados”

-Airear o máximo posible a viña e que os acios estean o máis asollados posibles. Para iso recoméndase realizar poda en verde, desnetado, colocación correcta da espaldeira para evitar o sombreo de pámpanos e acios.

-Bo equilibrio entre o patrón e a altura da espaldeira. “No Bierzo plantábase con patrón 1103 Paulsen, vigoroso e tolerante a seca, pero na nosa comarca chove e iso daba lugar a pámpanos moi longos, con problemas de falta de aireación. Agora mantemos o 1103 Paulsen pero cambiamos a espaldeiras máis altas, onde os pámpanos poden colocarse sen amorearse, de 2 metros de altura, non de 1,5 metros como en Ribera del Duero”, precisa a técnica da Junta de Castela e León.

O resultado é que con espaldeiras máis altas e realizando esfollados na zona dos acios, redúcese de forma notable a incidencia de todas as enfermidades fúnxicas, e do Black Rot en particular.

2) Medidas de control con funxicidas químicos:

As materias activas autorizadas polo Ministerio de Agricultura a día de hoxe son as seguintes:

http://www.mapama.gob.es/es/agricultura/temas/sanidad-vegetal/productos-fitosanitarios/registro/productos/forexi.asp?e=0&plagEfecto=32

Como recomendación, Nuria de Prado aconsella “aplicar os funxicidas antes de que se produza a infección, porque se desenvolve en moi pouco tempo”.

Así, con choiva as esporas saltan a outras partes da vide ou da viña e xerminan, propagando a infección. “Isto prodúcese en 7 ou 10 horas. O crecemento do micelio prodúcese nuns 8 días, en caso de follas, e en acios poden tardar ata 28 días. Neste caso teriamos que aplicar funxicidas curativos, pero que serían efectivos só os primeiros 3 días, son efectivos funxicidas curativos fronte a Black Rot se se aplican antes da infección ou como moi tarde 3 días despois”, subliña a técnica da Estación de Avisos Agrarios de Carracedelo.

“Os funxicidas curativos son efectivos fronte a Black Rot se se aplican antes da infección ou como moi tarde 3 días despois”

Ademais dos curativos, tamén están dispoñibles os funxicidas antiesporulantes, como os triazois, -”funxicidas preventivos e sobre todo curativos, e que funcionan bastante ben”- ou as estrobilurinas, derivadas de fungos, e que inhiben a respiración mitrocondrial dos fungos. “Con todo, xeran resistencias facilmente, polo que é recomendable alternar a familia química de funxicidas que aplicamos”, advirte Nuria de Prado.

Por último, existen no mercado outros funxicidas que actúan por contacto e que teñen carácter preventivo, como o mancoceb ou outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información