Como lle pode afectar o Brexit aos gandeiros e á industria láctea británica?

Antes de marchar, o Reino Unido era o terceiro produtor de leite da UE. Trala saída e mentres as negociacións arancelarias non conclúen, a incertidume apodérase dos gandeiros de Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte. Falamos cos investigadores do AHDB Martina Dorigo e Mark Topliff sobre a situación

Martina Dorigo, durante a súa visita a Lugo a mediados de xaneiro

Martina Dorigo, durante a súa visita a Lugo.

Martina Dorigo é unha das especialistas en producción de leite do Agriculture and Horticulture Development Board (AHDB) do Reino Unido e forma parte do proxecto europeo Dairy for future, que comparten os institutos de investigación das principais zonas leiteiras atlánticas, que analizan os problemas comúns nunha área onde se produce un de cada cinco litros muxidos na UE.

Martina visitou Galicia xunto ao seu compañeiro Mark Topliff o pasado mes de xaneiro para participar nunha das sesións de traballo desta iniciativa conxunta que busca mellorar a eficiencia e a sostibilidade económica, social e medioambiental das granxas leiteiras e da que forman parte 10 rexións do arco atlántico europeo, entre elas Galicia.

Aproveitamos para falar con eles de cuestións como a produción de leite no Reino Unido ou a situación tralo Brexit, unha vez que o pasado 31 de xaneiro se consumou a saída británica da UE.

Récord de produción das últimas tres décadas

O Reino Unido alcanzará nesta campaña (o cómputo non se realiza por ano natural, senón de 1 de abril a 31 de marzo, coincidindo co ano fiscal) a súa producción máxima en 29 anos, chegando practicamente aos 15 millóns de toneladas. Desde a campaña 90/91 non se producía tanto leite nas granxas de Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as catro nacións que conforman o Reino Unido.

A previsión é que esta campaña se peche cuns 15 millóns de toneladas, a cifra máis alta en case tres décadas despois dun incremento do 2% o pasado ano

Pero a cifra está aínda por baixo da produción histórica do país. No ano 1983, antes da entrada en vigor das cotas lácteas, no Reino Unido producíronse 17 millóns de toneladas. Vinte anos despois, na campaña 2004/2005 a cantidade producida foi de 14 millóns pero a partir dese momento a produción de leite no país sufriu un descenso en picado até tocar fondo no 2009/2010 con 12,8 millóns. Desde entón a produción leiteira logrou remontar e o Reino Unido produciu na campaña 2014/2015, a última de vixencia das cotas lácteas, 14,4 millóns de toneladas de leite, que aínda así era un millón e medio menos da cota que tiña asignada.

O Reino Unido conta con 13.000 granxas leiteiras con case 1,9 millóns de vacas e no seu conxunto a agricultura e a gandería ocupan o 69% da terra cultivable

Antes da súa marcha do clube comunitario, o Reino Unido era o terceiro produtor de leite da UE, despois de Alemaña e Francia, pero mentres estes dous países vían reducida a súa produción no 2019 (un 0,3 e un 0,5% respectivamente), o Reino Unido incrementaba a súa un 1,9%.

Detrás do incremento na produción de leite no último ano nas illas británicas atópase unha climatoloxía benévola que fixo que as variacións estacionais fosen menores, pero tamén as expectativas creadas polo Brexit, que animaron aos gandeiros a producir máis agardando poder cubrir co seu leite a demanda interna hoxe satisfeita coa importación de produtos lácteos doutros países. E a pesares da incertidume xerada polas dificultades do Goberno británico para sacar adiante o Brexit, no 2019 o prezo do leite en orixe foi o máis estable na última década.

“Non sabemos como será o escenario post-Brexit”

Campaña da asociación de gandeiros do Reino Unido a favor do consumo de produtos nacionais

Campaña da asociación de gandeiros do Reino Unido a favor do consumo de produtos nacionais

A economía do Reino Unido é a segunda máis grande de Europa trala alemana e a quinta do mundo. O pasado 31 de xaneiro abandonaba a UE. Atopámonos agora nun período de transición até o final de 2020 mentres que o Reino Unido e as autoridades da Unión Europea negocian acordos adicionais. As novas reglas entrarán en vixencia o 1 de xaneiro de 2021.

A curto prazo, medio e longo prazo a grande incógnita é saber como lle vai afectar o Brexit ao sector leiteiro británico, pero o certo é que a produción do país no último ano incrementouse notablemente ante as expectativas positivas que a saída da UE xerou entre os granxeiros británicos.

Na vida diaria das granxas tampouco é un asunto demasiado importante porque o Reino Unido non depende tanto das importacións ou exportacións de leite como si ocorre con outros produtos

“Realmente non sabemos como será o escenario post-Brexit nin como lle pode afectar á produción de leite mentres non conclúan as negociacións que se levarán a cabo ao longo deste ano 2020″, explica Martina.”As negociacións esperamos que comecen en marzo. Sospeitamos que a agricultura vai ser un dos focos máis importantes desta negociación, pero realmente non sabemos, nada está decidido de momento. Estase a traballar para preparar aos granxeiros ante os diferentes escenarios posibles para que poidan enfrontar as distintas situacións que poidan xurdir, pero non sabemos que situación vai ser a máis probable ou non. Con todo, na vida diaria das granxas tampouco é un asunto demasiado importante. O Reino Unido non depende moito das importacións ou exportacións de leite. Para outros sectores como o da carne, tanto para os produtores de cordeiro como de tenreira, si que vai ter maiores consecuencias porque son maioritariamente exportadores”, detalla.

Restrinxir as importacións

O seu compañeiro Mark Topliff intúe sen embargo certas oportunidades para os produtores de leite británicos trala saída da UE. “En función de como sexan os acordos comerciais posteriores ao Brexit pode haber oportunidades, dependendo sobre todo do nivel das tarifas que se apliquen ás importacións e exportacións. Pero hai unha posibilidade de exportar máis productos lácteos desde Reino Unido e posiblemente substituir as importacións. Moitas das importacións de productos lácteos veñen de Irlanda así que dependendo dos aranceis que se fixen haberá unha redución nesas importacións e unha substitución por produción interna”, afirma.

Pero aínda que a maioría do sector lácteo británico de Inglaterra, Gales e Escocia estea a salvo e mesmo poida verse favorecido polo Brexit, os riscos para os produtores de Irlanda do Norte son maiores. “Pode ser un asunto a ter en conta, porque o leite producido en Irlanda do Norte é procesado na súa maior parte na República de Irlanda e logo vendido no Reino Unido”, explica Martina.

Os máis prexudicados polo Brexit serían os produtores do Ulster, xa que a meirande parte do seu leite é transformado na República de Irlanda e logo vendido en Gran Bretaña

Creada en 1995 e anteriormente coñecida como United Dairy Farmers, Dale Farm é a cooperativa láctea más grande do Reino Unido, formada por 1.300 gandeiros de Irlanda do Norte, Inglaterra e Escocia. Con sede en Irlanda do Norte, Dale Farm ten presenza tamén en Gran Bretaña, con bases en Inglaterra e Escocia. A través das marcas Dale Farm, Spelga, Dromona, Mullins, Fivemiletown, Loseley e Rowan Glen, a cooperativa produce leite, queixo, manteiga, produtos para untar, postres e xeados, que se venden en máis de 45 países de todo o mundo. No Reino Unido tamén ten moita presenza a cooperativa sueco-danesa Arla Foods, así como a compañía familiar francesa Lactalis ou a alemá Müller, que dominan o mercado de produtos lácteos británico.

A oportunidade de buscar novos mercados

A maioría das exportacións de produtos lácteos do Reino Unido diríxense actualmente á UE pero o sector lácteo británico tamén aspira tralo Brexit a outros mercados. “En China, o sueste asiático e Oriente Medio os consumidores teñen un apetito crecente polos produtos lácteos que non se fabrican localmente e outras oportunidades poderían incluir Canadá e Australia, onde os gustos dos consumidores son moi similares aos nosos aquí no Reino Unido”, afirma a patronal láctea británica, Dairy UK, unha organización formada polas industrias procesadores que representa tanto a cooperativas propiedade de agricultores e gandeiros como a compañías lácteas privadas. Os seus integrantes recollen e procesan aproximadamente o 85% do leite producido no Reino Unido.

Actualmente o Reino Unido ten un déficit comercial para todos os seus produtos lácteos clave, coa excepción do leite en po, principal produto lácteo exportado polo Reino Unido. O queixo representa o maior valor de importación, seguido da manteiga. Nos dous casos, son necesarias as importacións, que proceden sobre todo de Alemaña, Francia, Irlanda, Bélxica e Dinamarca, para satisfacer a demanda interna do país.

A maioría das exportacións de lácteos do Reino Unido dirixíanse á UE pero a industria transformadora británica aspira agora acordos comerciais con China, Canadá, Australia e países do sueste asiático e Oriente Medio

“A medida que saímos da UE, a cadea de suministro do Reino Unido deberá reevaluar a súa visión da demanda dos consumidores tanto a nivel nacional como internacional. Isto pode requerir un axuste na utilización do leite para garantir que estamos producindo os productos correctos para os consumidores correctos”, xustifican as industrias representadas por Dairy UK.

“Penso que China supón unha oportunidade de abrir un mercado novo ao que até agora o Reino Unido non chegara, pero máis para produtos lácteos elaborados que para leite líquido en si”, opina Mark. “A medida que aumenta a proporción de leite utilizada para produtos manufacturados, en comparación co mercado de líquidos, a importancia dos sólidos lácteos será cada vez máis evidente”, prognostican as industrias.

Leite de proximidade

Tamén se agarda que os cambios nas preferencias do consumidor cara á produción sostible impulsen cambios en termos de sistemas de produción. A expectativa é que isto conducirá a unha maior demanda interna de leite ecolóxico, do producido a base de pastos e tamén do que teña orixe local.

“Os produtores non deben centrarse só na produción de leite senón nas calidades e o valor nutricional para que se lles recoñeza esa calidade aos produtores de leite. Os produtores tenden a igualar o leite todo o ano pero o leite ten variacións estacionais e quizais o consumidor acepte esas variacións estacionais do leite e estea disposto a pagar por elas”, opina Mark Topliff.

En Gran Bretaña e Irlanda do Norte, segue existindo a figura dos leiteiros, produtores que entregan leite fresco e outros produtos lácteos directamente ás casas da xente. A entrega a domicilio de leite é só unha pequena parte do mercado británico, pero aínda representa unha costume arraigada en centos de miles de fogares todos os días. Calcúlase que ao redor do 3% do leite fresco do Reino Unido é entregado directamente na porta dos consumidores por produtores lácteos.

O leite que se consome no Reino Unido é pasteurizado e calcúlase que ao redor do 3% é entregado directamente na porta dos consumidores por produtores lácteos locais

O leite que se vende no país é pasteurizado e o consumo de leite líquido supón a metade da produción do Reino Unido, uns 7 millóns de toneladas anuais. Programas históricos e de grande tradición como o Programa de Leite Escolar, contribuiu á concienciación sobre a inxesta e o valor nutricional do leite en idade infantil. Milleiros de nenos e nenas británicos seguen tomando leite no colexio unha vez ao día do mesmo xeito que se leva facendo durante décadas.

En canto ao queixo, aínda que existe unha enorme variedade, con 700 tipos e marcas diferentes, o Chedar é o queixo favorito dos británicos, representando a metade de todas as vendas de queixo a nivel nacional. A industria queixeira británica emprega uns 3 millóns de toneladas de leite ao ano para facer queixos, unha cantidade insuficiente, polo que as importacións de queixo doutros países europeos son moi importantes na balanza comercial de produtos lácteos británica.

“Irlanda e Escocia teñen servizos específicos para afrontar o problema de sucesión nas granxas, que é o grande reto en toda a faixa altántica europea”

Hugh Harbison, terceira xeración que atende a granxa familiar con 160 cabezas en Aghadowey, xunto ao seu pai

Hugh Harbison, terceira xeración na ganderia familiar de 160 vacas en Aghadowey, xunto ao seu pai

A agricultura e a gandeiría ocupan preto do 69% da terra cultivable do Reino Unido, onde se producen ao redor do 60% dos alimentos que se consomen no país (para conservar a seguridade alimentaria do país a actividade agrícola está altamente subsidiada polo Estado e os agricultores británicos reciben o quinto subsidio máis grande en Europa). Os principais produtos agrícolas son a remolacha, as patacas, o trigo e a cebada. En gandería destaca a cría de gando ovino y bovino, sendo o Reino Unido non só un gran produtor de leite e derivados, senón tamén de carne.

O sector agrogandeiro está altamente mecanizado para reducir ao mínimo a necesidade de man de obra pero a falla de relevo é outro dos factores que se repite no Reino Unido, aínda que común no conxunto da Europa atlántica, como destaca Martina.

A sucesión nas explotacións é o gran problema da produción leiteira en toda a franxa altántica europea, onde a metade das granxas non ten plans de relevo

“A sucesión foi recoñecido como o novo problema en todas as rexións da faixa atlántica. Non temos datos de todos os países pero o promedio é que polo menos o 50% das granxas non teñen plans de relevo. E é un grave problema porque as novas xeracións deixan a vida nas explotacións e se non hai unha sucesión as granxas, tarde ou cedo, terán que pechar”, afirma.

Esta especialista británica considera que a falta de relevo xeracional “é un problema común e non hai grandes diferencias dunhas rexións a outras”. A diferenza, di, “é que algunhas rexións teñen implementado plans de axuda destinados a resolver os problemas de sucesión, como por exemplo en Irlanda ou en Escocia, que teñen servizos específicos para iso, mentres outras áreas non teñen un servizo de asesoramento axeitado para preparar estes plans de sucesión”, lamenta.

Segundo os datos aportados no encontro do programa Dairy for future celebrado en Lugo no mes de xaneiro, en Galicia só o 24% das explotacións leiteiras ten relevo xeracional claro

Segundo os datos aportados no encontro do programa Dairy for future celebrado en Lugo no mes de xaneiro, en Galicia só o 24% das explotacións leiteiras ten un sucesor, fronte ao 53% que non ten relevo e a outro 23% que non ten clara a sucesión. No caso de telo, a media de idade do sucesor sería de 33,5 anos e a metade non dispón máis que de formación básica.

Redución de emisións

Xunto coa falta de relevo, as novas esixencias medioambientais son un dos principais retos aos que se enfronta o sector leiteiro, non só no Reino Unido, senón en todos os países da Unión Europea. “Sabemos que a produción leiteira, pero tamén a agricultura, terá que prestar moita maior atención ao medio ambiente porque as preocupacións ambientais impulsarán cada vez máis as decisións dos consumidores en relación á elección de alimentos”, asegura Martina.

Cuna da revolución industrial, o Reino Unido é o oitavo produtor mundial de gases de efecto invernadoiro. Como asinante do Protocolo de Kyoto o Goberno británico levou a cabo un programa específico de reducción das emisións, incrementado considerablemente desde finais do século XX as instalacións de enerxías renovables, en particular da enerxía eólica e solar.

Pero as reducións tamén se deron no sector agrogandeiro. Desde o 1990 as emisións agrícolas do Reino Unido diminuiron un 16%, segundo os datos do Departmento de Medio Ambiente, Alimentación e Asuntos Rurais do Goberno Británico (Defra) e o país convertíase en xuño de 2019 na primeira gran economía mundial en establecer o obxectivo de alcanzar o cero neto das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) para 2050.

O Goberno británico fixou como obxectivo lograr unha gandeiría con balance de nitróxeno cero para 2050

“Eu non diría que se trata dun problema pero o medio ambiente é certo que se está convertendo nun asunto cada vez máis importante. A sustentabilidade ambiental vai ser un gran asunto, especialmente para os consumidores, así que a sustentabilidade ambiental das granxas será un dos puntos centrais no futuro xunto coa aceptación social da produción de leite e o benestar animal. No Reino Unido xa hai establecidos altos estándares de benestar animal. O benestar animal e o medio ambiente son un asunto a ter en conta pero probablemente estea tratado como un problema maior do que realmente é e de feito lévase feito moito traballo xa nese campo”, asegura Martina.

As emisións de explotacións agrogandeiras ascenden actualmente a preto do 10% das emisións de GEI do Reino Unido. Pero en forte contraste co resto da economía, só unha décima parte é dióxido de carbono. Por contra, máis da metade das emisións de GEI agrícolas son metano (CH4) e case o 40% son óxido nitroso (N2O). Reducir estas emisións é máis difícil que diminuir dióxido de carbono, porque resultan de complexos procesos naturais do solo e dos microbios animais, pero os gandeiros británicos son mesmo máis ambiciosos que o establecido polo Goberno.

Downing Street ten un plan co obxectivo de conseguir nitróxeno cero para 2050, pero a organización de granxeiros do Reino Unido (National Farmers Union) estableceu uns obxectivos para logralo 10 anos antes, en 2040. “Está relacionado coas emisións de carbono, pero non hai que esquecer tampouco as emisións de amoniaco, que vai ser outro dos asuntos importantes no futuro. O Goberno, tendo en conta as emisións de amoniaco, propuxo o que é coñecido como a Estratexia do Aire Limpo, que estará centrada en reducir as emisións de amoniaco marcando os distintos pasos e etapas que os gandeiros deberán cumprir neste camiño pero non están aínda establecidos porque comezará a partir de 2025”, aclara Martina.

Convivencia de distintos sistemas produtivos

Vacas volvendo do pasto nunha explotación no Reino Unido

Vacas volvendo do pasto nunha explotación no Reino Unido

O 60% da produción de leite de Reino Unido rexístrase en Inglaterra, seguido de Irlanda do Norte (20%), mentres o 20% restante repártese entre Gales e Escocia. Sen embargo, nos últimos anos o Ulster, Gales e Escocia foron gañando importancia na produción total de leite do país fronte a unha Inglaterra que perde protagonismo progresivamente.

Nos catro países que conforman o Reino Unido (Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte) conviven sistemas de pastoreo con outros máis intensivos. “A produción de leite no Reino Unido é bastante variada, temos granxas nas que predomina o pastoreo e outras nas que as vacas están estabuladas, pero en todas o sistema de produción de leite está moi baseado nas forraxes, mesmo nas granxas que teñen as vacas dentro, que aínda así tamén teñen a súa dieta moi baseada nas forraxes”, explica Martina Dorigo.

O foco principal no Reino Unido non está posto en aumentar a produción de leite senón en que veña máis da forraxe

E niso se está a traballar no Reino Unido como gran reto, conseguir aumentar a produción de leite en base a forraxes e non aumentando o uso de concentrados. “Unha das cousas que estamos intentando, tendo en conta que somos un país moi centrado na produción de pasto, é tratar de aumentar o máximo posible a produción de leite que se obtén da alimentación con forraxe e despois completar a alimentación coa cantidade de concentrado necesaria para elevar a marxe de beneficio. Polo tanto, o foco principal no Reino Unido non está posto en aumentar a produción de leite senón en que esta produción veña máis da forraxe. E poder facer iso depende do tipo de granxas”, indica.

Redución no número de explotacións

O número de explotacións leiteiras contabilizadas polo Departmento de Medio Ambiente, Alimentación e Asuntos Rurais do Goberno Británico é dunhas 13.000. O cómputo inclúe todas as granxas con cando menos unha vaca de máis de 2 años con descendencia. Sen embargo, o AHDB considera que case o 40% desas explotacións teñen menos de 10 vacas, o que significa que é pouco probable que sexan granxas leiteiras comerciais, polo que reduce a cifra de productores lácteos representativos en activo a 8.800.

A produtividade das vacas británicas incrementouse un 30% desde o ano 2000 e, con 8.100 litros ao ano por cabeza, supera o rendemento logrado en Alemaña ou Francia

“Houbo un descenso constante nos últimos anos no número de granxas pero o tamaño das que continúan aumenta e esa tendencia vai seguir, descendendo o número de explotacións pero aumentando o seu tamaño”, indica Mark Topliff.

O rendemento produtivo por cabeza no Reino Unido é de 8.100 litros por vaca e ano, por enriba do de países como Francia (7.000) e Alemaña (7.700) e moi superior ao de Irlanda (5.600). A evolución positiva deste parámetro, que se incrementou nun 30% desde os 6.200 litros do ano 2000, explicaría en grande medida a recuperación da produción láctea no país nos últimos cinco anos malia a perda de explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información