Como mellorar a rendibilidade no manexo das vacas de carne

O director técnico de Alltech, Josep Roquet, que participou na reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, ofreceu unha serie de recomendacións prácticas para mellorar a eficiencia nas ganderías de carne

Como mellorar a rendibilidade no manexo das vacas de carne

O manexo da alimentación e da reprodución pode mellorar os números das ganderías de carne.

Os números revelan que as ganderías de vacún de carne teñen marxe para mellorar o manexo dos animais, de xeito que aumente a rendibilidade da granxa. O director técnico de Alltech, Josep Roquet, interviu recentemente na reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, onde explicou recomendacións prácticas para a mellora do manexo das vacas de campo. Roquet é ademais gandeiro de vacún de carne en Cataluña, onde xestiona unha gandería de 100 vacas cruzadas das razas pardo alpina e charolesa,

A primeira cuestión a ter en conta pasa por fixar obxectivos de produción. Algúns dos obxectivos a ter en conta son os seguintes:

“Mercar un bo touro é un investimento, non facelo é un gasto, é tirar cos cartos”

– Un parto por vaca e ano. “Cando lle preguntas a un gandeiro, normalmente diche que está nesas cifras, pero se miras os papeis, ao final a maioría están nun 75-80% de animais con partos cada ano”, sinala Josep Roquet. Pasar dun intervalo de partos de 518 días a 405 días repercutiría nun aumento de beneficios de 90 euros por xato producido.

– Máis do 90% de xatos destetados, xa que é posible que algún morra.

– Minimizar a presenza de animais improdutivos na explotación. Se unha vaca non queda preñada de xeito recurrente, hai que desbotala.

“Se nas explotacións de leite os partos se fan ós dous anos, non hai motivo para que nas de carne a media estea nos tres anos”

– Adiantar o primeiro parto. Se nas explotacións de leite, pódese facer ós dous anos, non hai motivo para que nas de carne se ronden os tres anos no primeiro parto. Cada día de adianto do primeiro parto, supón unha repercusión de 23 céntimos / día. Pasar de 36 meses a 27 meses suporía unha mellora de 63 euros.

– Lograr o máximo valor do xato ó destete, ben por quilos, ben por calidade. A xenética é neste aspecto fundamental. “O custo dun touro é de 2 céntimos por quilo canal producido. Paga a pena investir en boa xenética” -aconsella o director técnico de Alltech-. “Unha mellora do 1% no rendemento canal devolve ata 7 céntimos por quilo de carne; en tanto que unha maior eficiencia de convertir penso en carne supón melloras de ata 15 céntimos por quilo”, subliña.

En definitiva, Roquet conclúe que “mercar un bo touro é un investimento; non facelo é un gasto, é tirar cos cartos”.

Josep Roquet.

Josep Roquet.

Manexo da alimentación e da reprodución

Repasamos algunhas das cuestións prácticas que abordou o director técnico de Alltech na súa intervención. Roquet aporta unha serie de consellos, se ben tamén advirte de que “a nutrición non son matemáticas”. “A vaca é a que di se se están facendo ben as cousas ou non”, conclúe.

“A nutrición non son matemáticas. A vaca é a que di se se están facendo ben as cousas”

– As prioridades do organismo son manter as constantes vitais, o sistema inmunitario, o crecemento e a lactación. En último termo quedan a reprodución e o engorde. Quedarse preñada, por tanto, é das últimas prioridades dunha vaca, así que se non está ben alimentada, non quedará.

– Unha vaca en preparto e parida precisa maior alimentación. Na maioría das explotacións dáselles a mesma alimentación á vaca seca que a unha vaca parida ou en preparto.

– As vacas gordas teñen un custo elevado, xa que teñen unhas necesidades de alimentación un 20% superiores. O peso dos xatos no nacemento será ademais máis baixo, cuns xatos débiles, pois a vaca quitaralle azúcares ó feto.

– Non tratar igual a vaca seca que a parida ou a punto de parir. Estes dous últimos grupos, alimentados cunha ración de proteína superior a 900 gramos por día, terán só un 0,6% de terneros débiles e menores índices de diarrea nos seus xatos. Se se lles aportan menos de 680 gramos de proteína, a porcentaxe de xatos débiles medra ata o 9,5%.

– Ás vacas secas, en cambio, convén aportarlles outra ración, pois unha vaca seca gorda será síntoma de problemas.

– Se a vaca presenta boa condición ó parto, a partir dos 60 días estará lista para cubrir nun 90% dos casos.

Xestión das parideiras

– O periodo máis importante da alimentación da vaca é no mes ou mes e medio previo ó parto, así coma nos tres meses de post-parto, pois o animal ten altas necesidades de nutrientes para criar ó xato e para manter unha boa condición, coa perspectiva de lograr cubrila o antes posible.

– É importante a atención ós glúcidos no preparto. En pastos de primaveira, hai moitos azucres, polo que convén limitar o tempo de acceso a pastos para evitar que o xato teña excesivo peso ó nacemento, o que pode xerar problemas nos partos. Tamén hai a posibilidade de suministrarlle palla á vaca antes do seu acceso ós pastos.

– Dos 3 ós 6 meses post-parto, é un periodo menos importante. Se temos vacas gordas no rabaño, será o intre de correxilo.

Agrupamento de partos. Por que agrupalos?

A IXP Ternera Gallega avoga desde hai anos polo agrupamento de partos, orientando unha parte cara o outono, se ben cun éxito limitado entre as ganderías. Desde a perspectiva de Roquet, o agrupamento de partos tamén resulta aconsellable, xa que aporta unha serie de vantaxes.

– Para o manexo da alimentación, o máis sinxelo é ter lotes de vacas, co obxectivo de proporcionarlles en cada momento a dieta que precisan. A división por lotes tamén facilita o manexo dos touros.

O agrupamento por lotes debe ir acompañado dun diagnóstico de xestación ó cabo dun mes. No caso das vacas que non estean preñadas e que xa sexan vellas ou tiveran fallos anteriores, a decisión debe pasar por cebalas e vendelas para sacrificio.

– Permite programar os partos en función da comida dispoñible no campo, antes da máxima dispoñibilidade de pastos.

– Concentración da atención nos partos só en determinados meses.

– Permite programar vacinacións, que é mellor facelas antes do parto, e desparasitacións.

– Tamén ter a venda dos animais na época de maior prezo.

Uso de suplementos minerais
Os estudos de Alltech con vacas de carne revelan que a eficacia reprodutiva dos animais en inseminación artificial mellora de xeito sensible naqueles que reciben suplementos minerais, pois fronte ó 56% de vacas preñadas no lote sen suplementos, logrouse un 75% no lote con suplementos.

En Galicia, as análises de Alltech comprobaron as deficiencias de selenio nos animais, se ben noutros minerais coma zinc ou cobre, non se detectan carencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información