¿Como loitan en Francia contra a Vespa Velutina?

¿Como loitan en Francia contra a Vespa Velutina?

O presidente de AGA, Xosé Torres

Os apicultores franceses son pioneiros na loita en Europa contra a invasión da Vespa Velutina, pois Francia foi o país de entrada no continente desta especie invasora, alá polo ano 2004, a través dun cargamento de madeira procedente de China e que arribou ao porto de Burdeos.

Neste sentido, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) presentou o pasado mes en Arzúa na xornada técnica do Dia do Apicultor unha ponencia de Loïc Leray, vicepresidente da Unión Nacional de Apicultura Francesa-UNAF

O actual presidente de AGA, Xosé Torres, foi o encargado de presentar a ponencia, xa que o apicultor francés non puido asistir por motivos de saúde.

Para comezar a súa intervención, Xosé Torres apoiouse nun documento publicado pola asociación francesa na revista Abeilles et fleurs en marzo do 2017, con completa información recollida durante os doce anos que o tártago asiático leva colonizando practicamente toda Francia.  O documento explica que a ausencia de depredadores e o gran poder reprodutivo favoreceron esta rápida expansión, xunto coa tardía actuación dos poderes públicos, que apoiándose en criterios como a elevada mortaldade das raíñas que hibernan ou considerando só o trampeo nas proximidades dos apiarios, non lle deron a importancia necesaria. Esta praga supón un perigo para as abellas, os polinizadores e tamén para as persoas, pero facer da destrución de niños a prioridade da loita é un fracaso.

En Francia o trampeo de raíñas e a localización de niños primarios son as mellores estratexias de loita

O trampeo de raíñas en determinados períodos e a través de varios sectores, non só o apícola, e a localización dos niños primarios son as mellores medidas , segundo os apicultores franceses, para combater esta praga. Analizando os estragos que provocan nas colmeas, destaca o feito de que o tártago ataca primeiro as colmeas débiles e os apiarios pequenos. Ademais, parece que prefiren o ámbito urbano debido a unhas condicións de clima máis favorables, o uso de menos químicos que no campo, a existencia de moitos puntos de auga e abrigos para protexerse. Pero non son só as abellas as afectadas, senón que, en xeral, a biodiversidade, tanto de insectos como da fauna que se alimenta deles, e tamén as persoas.

Sobre as solucións ante esta situación, dende a UNAF destacan como máis efectivas o trampeo primaveral e a deslocalización a partir de agosto das colmeas. A regulación legal da problemática polo Estado francés está moi lonxe das necesidades reais para obter resultados, pero o feito de que estea considerado agora pola Unión Europea  como especie exótica invasora poderá mellorar a situación.

As esixencias da UNAF perante a administración baséanse no establecemento dun plan de control obrigatorio validado tamén polo sector apícola, a existencia dun soporte financeiro estatal para a destrución dos niños, a autorización para utilizar SO2 na  súa eliminación, recoñecemento da captura primaveral de raíñas como medida de control e as feromonas como prioridade na investigación.

A primavera é a fase clave para atrapar as raíñas

O trampeo debe ser xeneralizado, pois realizado a nivel individual é insuficiente , e controlado a través dunha normativa que asegure un correcto uso. Non hai estudos sobre o impacto do tártago de patas amarelas nas especies locais, pero as observacións realizadas pola UNAF amosan que o impacto deste seguramente é moito maior que o provocado polo trampeo.

En febreiro, comezan a aparecer as primeiras fundadoras, polo que convén colocar trampas próximas ós antigos niños. A primavera é a fase clave para atrapar as raíñas e romper o ciclo de colonización, así como localizar os niños primarios para a súa destrución. No verán aparecen os niños secundarios e o trampeo dificúltase, xa que a Vespa velutina vai en busca de proteína e o atraente azucrado xa non resulta efectivo. No outono volve ser eficaz o trampeo para reducir a presión nas colmeas e atrapar novamente as raíñas.

Coa caída da folla pódense localizar os niños que convén destruír inmediatamente ou, se non é posible, trampear nas súas proximidades. No inverno non é conveniente trampear se non hai presenza de tártagos nas colmeas, xa que pode ser prexudicial para outros insectos.

Como protección das colmeas, os apicultores franceses consideran máis efectivo colocar un caldeiro preto das colmeas con atraente no seu interior

En canto á protección dos apiarios hai moitos sistemas, con resultados variables. Pola experiencia da UNAF, o máis efectivo e selectivo é colocar un caldeiro preto das colmeas con atraente no seu interior e cunha saída para insectos pequenos. Ademais, resulta imprescindible colocar redutores nas piqueiras das colmeas a partir de agosto.

Para rematar, o presidente de AGA comentou un artigo sobre o investigador Eric Darrouzet, da Universidade de Tours, que opina que tanto a retirada de niños como o trampeo son métodos necesarios e complementarios. En concreto sobre o trampeo, Darrouzet advirte de que non se debe realizar o trampeo sen tomar algunhas medidas para mellorar a selectividade.

En Francia están estudando trampas a base de feromonas pero desgraciadamente a investigación é demasiado lenta e non hai ningún resultado concreto neste momento. Ante a pregunta de se pensa que as nosas abellas poderán cambiar o seu comportamento e aprender a loitar contra esta especie invasora, Darrouzet respondeu que é pouco probable que nun futuro próximo as abellas desenvolvan estratexias de control efectivas, polo que a idea é que sexan as persoas as que deben permanecer activas na protección das abellas.

NOTA: Texto resumo publicado na web da Asociación Galega de Apicultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *