Como lle afectaría ó agro un acordo comercial da UE con Estados Unidos?

As normas europeas en seguridade alimentaria e benestar animal aumentan os custos de produción dos gandeiros da UE, o que dificultaría competir con exportacións de Estados Unidos. Un informe da COAG prevé que as vendas norteamericanas de lácteos se multipliquen por 10 en Europa, así como aumentos maiores nas exportacións de carne de ave e porcino

Como lle afectaría ó agro un acordo comercial da UE con Estados Unidos?

O sector avícola vería multiplicadas as importacións, segundo a Coag.

A gandería galega e do resto da UE ten que cumprir unhas estrictas normativas en seguridade alimentaria e benestar animal que non teñen equivalencia en Estados Unidos. De producirse un acordo de libre comercio entre a UE e Norteamérica, o chamado TTIP, as granxas europeas terían que competir cos seus homólogos norteamericanos, que teñen uns menores custos de produción polas inferiores esixencias normativas.

Un informe da organización agraria COAG, editado por Amigos da Terra, prevé que as exportacións de lácteos norteamericanos aumentaría en Europa ata 10 veces. Peor sería a situación para a carne de porcino, que multiplicaría por 40 a cifra actual de importacións, ou para a carne de aves, segundo o mesmo informe, que se difundiu onte. A boa noticia, as negociacións para chegar ó acordo comercial están agora mesmo rachadas.

Problema tamén para o consumidor
Un aumento das exportacións norteamericanas constituiría un problema dobre. Non só para os gandeiros. Tamén para os consumidores. Un exemplo. En Galicia e no resto da UE, está prohibido o uso de fariñas cárnicas para alimentación animal do vacún, o leite non pode superar as 400.000 células somáticas -un índice de calidade hixiénica-, e está prohibido o uso de hormonas para aumentar a produción láctea.

En Estados Unidos, pódense usar fariñas cárnicas, as células somáticas poden chegar a 750.000 e permítese o uso dunha hormona para aumentar a produción de leite que pode ter efectos perxudiciais sobre a saúde humana. Outro dato, as aflatoxinas, un fungo que provoca serias enfermidades, teñen autorizada unha presenza dez veces maior no leite norteamericano.

Aumento das exportacións

O acordo comercial con Estados Unidos, segundo advirte a COAG, implicaría o levantamento das barreiras non arancelarias ós produtos norteamericanos. É dicir, carne ou produtos lácteos que se produciron con métodos non autorizados na UE e que, na actualidade, non teñen permitida a súa entrada en Europa, poderían entón importarse e competir cos alimentos europeos, que deberían seguir cumprindo a normativa de seguridade alimentaria e de benestar animal da UE.

O informe da COAG sinala como principais sectores afectados ó da carne de aves e de porcino, así coma ós produtos lácteos, se ben tamén recoñece que España podería aumentar significativamente a súa exportación de queixos de calidade a Estados Unidos.

En sectores como o vacún de carne, podería haber tamén un forte incremento da entrada de carne refrixerada ou conxelada, segundo o informe da COAG, se ben, ó tratarse dun produto que competiría por prezo, o sector non agarda en principio un impacto forte sobre a produción galega de calidade, amparada por Ternera Gallega.

Para outros sectores, como o viño, o principal problema sería o uso de denominacións semixenéricas en Estados Unidos que en Europa están protexidas. En España veríanse afectadas as denominacións de orixe Málaga e Jerez.

As intoxicacións alimentarias pola bacteria ‘E.coli’, 53 veces máis frecuentes en USA

A menor seguridade alimentaria dos produtos norteamericanos plásmase en cifras concretas. Os casos por intoxicacións alimentarias pola bacteria E.coli son 54 veces máis frecuentes en Estados Unidos que na UE, segundo a análise comparativa dos datos oficiais que se recollen no informe da COAG.

En concreto, en Estados Unidos rexístranse 82,5 casos por cada 100.000 habitantes, en tanto na UE prodúcense 1,5 casos por 100.000 habitantes. A intoxicación por E.coli adoita darse, entre outros factores, polo consumo de carne picada contaminada pola toxina que produce a bacteria. O informe da COAG valora que a contaminación deberíase a un peor manexo do produto e ós menores requerimentos en seguridade alimentaria da industria agroalimentaria dos Estados Unidos. “É un exemplo que ilustra os perigos dun posible acordo entre a UE e Estados Unidos para o modelo agroalimentario da UE”, conclúe o secretario xeral da COAG, Miguel Blanco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información