Como facer máis sostibles as producións vitícolas?

Ó amparo do proxecto internacional Vinovert, que busca garantir a sustentabilidade da actividade vitivinícola, déronse a coñecer este martes en Cambados varias estratexias que procuran reducir o impacto ambiental deste sector

Publicidade
Como facer máis sostibles as producións vitícolas?

A xornada pechouse cun debate no que participaron tódolos ponentes asistentes.

As instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados, acolleron o martes desta semana unha xornada técnica centrada en estratexias para acadar unha viticultura sostible. Na sesión presentáronse algúns dos traballos que se desenvolveron no proxecto internacional “Vinovert, Viños, Competitividade, Políticas Medioambientais e Sanitarias de Empresas-Acompañamento cara a posta en marcha de metodoloxías”.

Neste proxecto participan un total de 17 entidades, entre as que figuran a adega de Cambados e a Universidade de Compostela, e está financiado polo Programa Interreg Sudoe da UE.

A redución do uso dos tratamentos é un dos eixos para facer máis sostible a viticultura pero para logralo estanse a procurar distintas vías que permitan que esta actividade siga a ser rendible ó par que respectuosa co medio. “Precisamos de altura de miras para saber cara onde vai a viticultura e mellorar a competitividade do sector en materia ambiental. Temos que ser capaces de traballar con intelixencia para adaptarnos”, reivindicou ó comezo da xornada Juan Vázquez, director xeral da adega Martín Codax e presidente do Clúster Alimentario de Galicia.

Unha das vías nas que se traballa para facer da viticultura unha actividade máis sostible é en conseguir variedades resistentes ás principais enfermidades do viñedo como o mildio, oídio ou a botrite e poder así reducir o emprego de fitosanitarios.

“A diferenza do que acontece con outras producións agrícolas, na viña non se levan a cabo programas específicos de melloras e recambios varietais”, reflexiona a investigadora do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Alimentaria de Cataluña (Irta), Felicidad de Herralde.

Estanse a facer cruzamentos con variedades americanas e asiáticas resistentes a mildio e oídio

O que se está a facer, en España aínda dun xeito inicial a diferenza doutros países europeos, son programas de cruzamentos con variedades americanas e asiáticas que son xa resistentes de xeito natural a estes fungos. “Xa hai un traballo xenético sobre estas variedades que axudan a facer os cruzamentos”, especifica Herralde.

En España, estase a traballar nesta liña dende o 2013 con traballos como o desenvolvido no Instituto Murciano de Investigación e Desenvolvemento Agrario e Alimentario (Imida) polo grupo de investigación liderado por Leonor Ruíz, coa variedade Monastrell.

Tamén hai iniciativas privadas como a desenvolvida polo grupo VRIAACC, formado polas adegas catalás Albet i Noya, Alta Alella e Celler Piñol, para buscar variedades adaptadas ó cambio climático. “Empregar estas variedades non significa que xa non sexa preciso aplicar tratamentos, senón que se reduce o número de doses necesarias”, puntualiza Herralde.

Outra das liñas que se contempla para facer a viticultura máis sostible pasa por reducir o uso dos pesticidas. Neste senso, tamén se está a analizar a viabilidade técnica e económica de reducir estes tratamentos. No Parque Tecnolóxico do Viño (Vitec) levaron a cabo unha investigación que incluíu estudos en parcelas de Bordeus, Galicia e Cataluña onde comparaban prácticas ecolóxicas, ou cun uso reducido de tratamentos, con aquelas, situadas na mesma zona, que facían un uso máis intenso.

O 25% das pérdidas da colleita están relacionadas con enfermidades, pero o 75% débese a outros factores

Entre as conclusións que permiten extraer os datos recabados e analizados ata o momento, xa que están a procesar aínda parte dos datos do 2018, apuntan a que hai marxe para reducir o uso de fitosanitarios e que a actividade sexa aínda viable. “O 25% das perdidas da colleita están relacionadas directamente con enfermidades, pero o 75% restante débese a outros factores como poden ser as xeadas”, explica o investigador Carlos Calvo.

De feito, o uso de tratamentos herbicidas ou pesticidas está cada vez máis no punto de mira tamén polos residuos que poden deixar tanto na uva e no viño como no solo. Dende a Universidade de Santiago, o investigador Isaac Rodríguez concretou na xornada como as técnicas de análise permiten detectar cada vez mellor os residuos que poida haber polo que incidiu una importancia de analizar os solos e coñecer a persistencia destes compostos antes de comezar a aplicar os tratamentos nunha nova campaña.

Redución do uso de herbicidas

No marco do proxecto Vinovert, tamén se procuraron estratexias para reducir o uso de herbicidas como no caso dos traballos do Clúster da Vinha e do Vinho do Douro (Advid), onde conta con 6.000 hectáreas de viñedo, en pendente e socalcos, e precisan reducir o número de tratamentos que aplican pola erosión que poden provocar nestas condicións.

Nun terreo onde resulta case inviable atallar a herba con métodos mecanizados están recorrendo ó emprego de cabalos, así como, a cortar a herba directamente naquelas zonas nas que é posible. Tamén están en contactos para empregar herbicidas que teñan unha menor pegada ambiental ou adaptar protocolos que noutros países funcionaran. “Se a herba non interfire no desenvolvemento da viña mesmo pode ser factible deixala porque favorece que haxa especies que poden serlle beneficiosas”, indica a directora técnica do Advid, Cristina de Carlos.

Concienciar ós viticultores

Na xornada tamén se deu conta da importancia que ten a implicación dos viticultores neste esforzo por acadar unha viticultura máis sostible. Neste senso, Vázquez destacou o empeño dos produtores por “deixar ós seus fillos unha terra senón igual, mellor da que eles teñen”.

Nesa liña, na adega están a desenvolver ensaios de viticultura ecolóxica nunha parcela ademais de impulsar accións para lograr prácticas cada vez máis sostibles ofrecendo ó produtor información detallada dos seus tratamentos. En concreto, levaron a cabo o envío dun balance dos tratamentos que aplicaba cada viticultor e do que representaba en comparación co resto dos membros da cooperativa. Unha experiencia coa que xa constataron cambios e unha redución dos tratamentos, como concretou Miguel Tubío, director técnico da adega.

A resposta do consumidor

Á marxe da produción, no proxecto Vinovert, tamén se estudou a resposta do consumidor ante un tipo de viticultura máis sostible. O equipo liderado por José María Gil, director do Centro de Investigación en Economía y Desarrollo Agroalimentario (Creda) desenvolveu enquisas para detectar ata que punto o consumidor valora esta produción respectuosa co medio ambiente.

Manuel Rodríguez: “Aínda temos que seguir convencendo á sociedade do noso compromiso co medio cando somo líderes en moitos procesos”

“Buscábamos que a xente nos dixese como é e non como lle gustaría ser”, detalla Gil. Así, realizaron cuestionarios, experiencias nas que observaban as reaccións da xente e mesmo poxas de viño. Con todo, e aínda por rematar a investigación, o consumidor parece disposto inicialmente a asumir un prezo maior por aqueles produtos ecolóxicos aínda que logo de probalos non sempre se mantén o seu compromiso.

A clausura da xornada correu a cargo do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez Vázquez, que reivindicou o traballo e esforzos realizados pola viticultura en particular, e polo sector agrogandeiro galego en xeral, á hora de apostar pola sostibilidade. “Aínda temos que seguir convencendo á sociedade do noso compromiso co medio ambiente cando somos líderes en moitos procesos respectuosos adiantándonos anos a este tipo de cuestións”, conclúe Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información