Como facer máis rendibles as vacas de descarte?

O Ciam desenvolve varios estudos para conseguir aumentar a calidade das vacas de descarte nas ganderías. O pastoreo é unha das claves para conseguir,en determinadas condicións, elevadas ganancias de peso a baixo custo, pero hai outros aspectos a ter en conta

Como facer máis rendibles as vacas de descarte?

En moitas ganderías de leite, onde é frecuente que se dea unha reposición elevada dos animais en produción, o gando de descarte remata fraco e no mercado cotízase á baixa. Para facer máis rendibles estas vacas é fundamental sometelas a un proceso de engorde.

A diferenza de prezo dunha vaca Frisoa dunha categoría P1 (pobre) e unha cunha clasificación O4 ou O5 (clasificada como boa) oscila entre os 415 euros que se pagan de media pola primeira e os 1.570 euros que pode acadar a segunda. Aínda que, nas vacas de categoría extra, cun cebo óptimo, o prezo por quilo chega a superar os 5 euros.

Partindo desta base, dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) levaron a cabo varios estudos para conseguir incrementar a calidade das canais e da carne das vacas de desvelle das ganderías. Os resultados destas investigacións foron presentados na V Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes que se celebrou o pasado mes en Mazaricos.

A IXP Vaca Galega/Boi Galego é unha oportunidade para establecer un novo nicho de negocio para as vacas de descarte

“Para mellorar a venda, as vacas deben someterse a un proceso de engorde, incrementando o peso do canal e o prezo por quilo”, apunta Santiago Crecente, investigador da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Para estas vacas de descarte, a IXP Vaca Galega/Boi Galego preséntase como unha oportunidade de negocio, xa que hoxe en día o cebo de vacún maior é testemuñal.

Como mellorar a calidade do canal?

Valorizacion-vacas-descarte-

Buscan conseguir que as vacas de descarte acaden boas categorías no canto de venderse como P1.

Unha das maneiras para mellorar a calidade do canal é que o animal estea en pastoreo durante os meses de primavera, consumindo pasto de elevada calidade.

Isto é recomendable sobre todo cando os animais parten cunha deficiente condición corporal, pois experimentan o coñecido como ‘crecemento compensatorio’, que permite unha rápida ganancia de peso exclusivamente con pasto, como evidencian os datos de dous estudos realizados no Ciam. Nestes casos, levar as vacas ó pasto conseguiu que o valor dos seus canais se incrementasen en máis de 300 euros.

Así, nun dos estudos realizados incluíron 12 vacas Frisoas e 9 de Rubia Galega, separadas en 3 grupos homoxéneos en peso e conformación. As vacas permaneceron no pasto 120 días, entre marzo e xullo. Os primeiros días, tiñan unha carga de 4,5 vacas por hectárea, e nos últimos 60 reduciuse a 2,25 vacas por hectárea.

taboa-efecto-do-pastoreo-en-vacas-de-descarte-

Efectos do pastoreo sobre o canal.

 

Neste caso, ter as vacas en pastoreo durante 4 meses supuxo un incremento do peso, pasando dos 247 quilos en canal ós 333 quilos, pero tamén aumentou a graxa por canal de forma significativa, pasando dun 5% a un 13%. Isto tamén se traduciu nun maior prezo por quilo, duns 1,85 euros a uns 2,4 euros, o que supuxo uns 343 euros de media máis en canal.

Engordar vacas soamente con pasto permitiu que o valor dos seu canais se incrementase en máis de 300 euros

Os datos son similares noutro estudo realizado tamén polo Ciam pero neste caso con 8 vacas Frisoas, de 4 a 7 anos, e 20 animais de Rubia Galega cunha idade de entre 5 e 6 anos. As vacas estiveron en pastoreo entre os meses de abril e agosto un total de 85 días e avaliáronse tamén os resultados ós 50 días.

O rendemento do canal pasou do 48% ó 52% xa nos 50 primeiros días, aínda que despois non houbo variacións ós 85 días. En cambio, o peso do canal antes de estar en pastoreo era de 241 quilos. Nos 50 primeiros días pasou a 293 quilos e ós 85 días estaba nos 322 quilos de media. Estas variacións supuxeron un incremento do prezo nuns 328 euros, dos 445 euros sen pastoreo ós 773 euros de media logo de 85 días no pasto.

Unha das dietas que probaron baseábase en silo de millo e penso.

Unha das dietas que probaron baseábase en silo de millo e penso.

Pasto e dietas forraxeiras de alta enerxía para conseguir unha carne mellor

Ademais de conseguir canais de maior peso, se o que se pretende é obter canais e carne de alta calidade, é necesario conseguir un elevado estado de engraxamento. Para isto, no Ciam probaron dúas dietas forraxeiras de alta enerxía combinadas cun período inicial de 60 días en pastoreo.

Para este estudo dividiron os animais en dous grupos segundo a condición corporal do animal fora alta (CA) ou baixa (CB) para tamén comprobar a evolución do animal dependendo de cal fose a súa condición inicial. En canto ás dietas, unha baseouse en silo de millo e penso e a outra foi a base de herba seca e pastone, un silo elaborado con mazarocas de millo aínda sen madurar.

Probaron dúas dietas: unha con silo de millo e penso e outra con herba seca e pastone

Con este tipo de dietas que implica menos días de pastoreo, conseguiron incrementar o peso e o prezo polo que se vende o animal. O obxectivo nestes casos era alcanzar unha clasificación mínima de O4, considerada como boa.

A continuación, recollemos os resultados destes estudos, onde se aprecia tanto o incremento de peso que teñen os animais con este tipo de dietas como o custe da alimentación e as ganancias que deixan ó gandeiro, que oscilan entre os 115 e os 290 euros dependendo do tipo de alimentación e das características nas que se atopara o animal. Así, a dieta a base de silo de millo e penso é a que máis beneficios reporta a gandería.

Dietas-enerxeticas-para-vacas-de-descarte-Ciam-

Resultados das dúas dietas de alto valor enerxético probadas no Ciam.

Deste xeito, unha vez demostrada a eficacia destas dietas, o reto pasa por axustar a ración para que os gastos sexan asumibles e rendibles para as ganderías. “Será necesario limitar a cantidade de concentrado para diminuír os custos”, puntualiza Santiago Crecente.

Tamén neste ámbito xa teñen investigado, o aporte que constitúe o penso e a fariña de millo sobre a calidade final que presenta o animal e a súa carne. De feito, comprobaron que nun rabaño de 16 vacas Frisoas, de entre 5 e 10 anos de idade, alimentadas un lote con penso altamente enerxético e outras con fariña de millo e que pasaron 170 días do cebo no pasto, a evolución das vacas alimentadas con penso foi mellor.

Así, o penso permitiu que alcanzasen un peso de sacrificio de 960 quilos fronte ós 859 logrados coa fariña e tamén un maior espesor de graxa subcutánea, de 0,64 centímetros fronte ós 0,36 das vacas alimentadas con fariña de millo. Aínda que o prezo do concentrado é tamén case o dobre do da fariña de millo, o concentrado a base de penso supuxo para as ganderías maiores beneficios, xa que tamén consegue un grado de engraxamento superior, que confire calidade á carne.

Valorizacion-dieta-de-penso-vacas-descarte-

Comparativa entre os resultados que ofrece o penso e a fariña de millo.

Aínda que os tempos que se manexan nos distintos estudos referidos son máis curtos, a modo de conclusión, o investigador sinala que se precisa un período mínimo de 6 meses de cebo para obter un canal de alta calidade, e que os prezos de venta deberán ir á alza para que o sistema sexa rendible, algo que se espera que suceda coa implantación da nova IXP.

Xunto cos traballos referidos, na actualidade, no Ciam continúan nestas liñas de investigación e traballan en novos ensaios de cebo para determinar o efecto que ten o castrado e o tipo de alimentación para obter carne de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información