Como detectar se a máquina de muxido está a danar a saúde do ubre?

Resumo do relatorio de Demetrio Herrera, de Q-llet, no último congreso de Anembe. En “A máquina de muxido: un paso máis alá da revisión estática e dinámica” analiza como evitar problemas de mamite e de lesións nos tetos.

Como detectar se a máquina de muxido está a danar a saúde do ubre?

Foto: José Luis Míguez Vázquez, veterinario de Seragro

A mamite segue sendo o principal problema de saúde na gran maioría das granxas de vacún de leite, provocando unha importante perda de rendibilidade para os gandeiros. Neste sentido, a máquina de muxido xoga un papel fundamental no contaxio de infeccións intramamarias.

De que maneira a máquina de muxido pode predispoñer ás vacas para sufrir mamite?

Problemas de mantemento

É vital a substitución das tetoeiras seguindo as recomendacións do fabricante se queremos manter a saúde do ubre. Como norma xeral, as tetoeiras de caucho deberían cambiarse cada 2.500 muxidos e as de silicona cada 5.000.

E é que debido á acción corrosiva da solucións empregadas no lavado da máquina de muxido e para o efecto mecánico de apertura e peche producido pola pulsación, as tetoeiras van perdendo elasticidade á vez que se aplanan lateralmente, modificando a forza de compresión na fase de masaxe sobre a punta do teto e alongando o tempo de muxido.

 “As tetoeiras de caucho deberían cambiarse cada 2.500 muxidos”

Como resultado increméntase o risco de hiperkeratose. Ademais, co envellecemento, vanse formando poros ou gretas microscópicas na parede da tetoeira en contacto co teto, difíciles de hixienizar cos ciclos de lavado e que son colonizadas por bacterias, incrementando así a exposición dos tetos e o risco de novas infeccións intramamarias.

Ademais das tetoeiras, é fundamental para un funcionamento óptimo manter en bo estado as partes básicas, como pulsadores, reguladores, colectores, tubos curtos de pulsación e de leite.

Problemas de refluxo de leite cara ás mamilas

Os problemas de refluxo de leite cara os tetos ou impactos de leite, que poden transportar bacterias e colonizar o ubre, penetrando a través da canle do teto. Trátase dunha das principais causas de novas infeccións intramamarias.

A principal razón son os desprazamentos das tetoeiras durante o muxido, debido fundamentalmente a un baleiro de muxido demasiado baixo ou a un déficit de reserva sen carga do sistema, que conduce á inestabilidade sen carga durante o muxido. A correcta aliñación e aplomo da unidade de muxido sobre os tetos xoga tamén un papel fundamental para previr .

Este problema sucede sobre todo ao principio do muxido, se non hai unha estimulación adecuada, ou ao final do munguido, na fase de baixo fluxo ou sobremoxido. Isto débese a que a medida que deixa de fluír leite desde a cisterna, a mamila estírase e perde contacto coas paredes da tetoeira, favorecendo así as escorregaduras.

Outros factores que inflúen na escorregadura das tetoeiras son o sobreuso e o deseño das mesmas.

Distintas lesións nos tetos debidas a problemas coa máquina de muxido: 

lesions_pezon_teto_

Problemas relacionados coa saúde dos tetos

Avaliar a saúde dos tetos dános unha idea de se realmente temos un problema coa máquina de muxir, sendo o grao de hiperkeratose da punta do teto o método de avaliación máis utilizado.

Para medir se as tetoeiras están a provocar un problema na saúde do ubre podemos chequear os tetos durante o primeiro minuto despois do munguido en 80 vacas ou no 20% da granxa, o que sexa maior, e debemos facelo en diferentes estados de lactación para asegurarnos unha poboación significativa.

O obxectivo que nos debemos marcar é ter menos dun 20% dos tetos rugosos ou moi rugosos e menos do 10% como moi rugosos.

A curto prazo, tamén podemos determinar o grao de saúde do teto e de confort da vaca durante o muxido avaliando o grao de conxestión (tetos azuis) e os aneis na base do teto.

 “Debemos marcarnos ter menos dun 20% dos tetos rugosos ou moi rugosos”

E é que a conxestión das paredes e da punta do teto diminúe o fluxo de munguido e atrasa o peche da canle entre muxidos.

Doutra banda, os aneis na base do teto son un síntoma claro de falta de benestar animal cando muximos e leva á conxestión das paredes do teto. Isto provoca que se oclúa o paso do leite desde a cisterna do ubre ao teto, dificultando así un correcto baleirado do ubre.

Que esperamos entón dun bo funcionamento da máquina de muxido?

O principio básico é munguir o leite dispoñible no ubre de forma rápida, completa e minimizando o dano os tetos e o discomfort animal. Pero é certo que non todo se pode conseguir e que priorizar un obxectivo pode levar a prexudicar outro. Por tanto, temos que atopar un punto de equilibrio entre saúde do teto e velocidade de muxido para cada granxa en particular, e segundo as súas prioridades.

Neste sentido, no seguinte cadro resúmense os principais factores que afectan o benestar do animal durante o muxido e á saúde do teto, por unha banda, e á velocidade ou fluxo de muxido por outra banda, de maior a menor importancia:

SAÚDE DO TETO E CONFORT DURANTE O MUXIDO

VELOCIDADE DE MUXIDO OU FLUXO DE LEITE

Encaixe da tetoeira ou dimensións da tetoeira respecto aos tetos da granxa.  Baleiro medio no colector.
Baleiro medio do colector Configuración dos pulsadores
Duración do muxido Forza de comprensión da tetoeira
Forza de compresión da tetoeira
Configuración dos pulsadores (duración fase B e D).

Próximo artigo: Como regular a máquina de muxido e tendencias de futuro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información