“Comecei a sentirme valorado como gandeiro cando empezamos a comercializar nós a carne”

Luís Rodríguez ten, xunto coa súa muller, Esther Torreira, unha gandería en Agolada na que hai 8 anos comezaron a encargarse do despece e distribución da carne. O trato directo co consumidor é un dos aspectos que máis aprecia e o motiva para seguir apostando pola crianza en ecolóxico, que reivindica

“Comecei a sentirme valorado como gandeiro cando empezamos a comercializar nós a carne”

Luis Rodríguez con algunhas das vacas limiás que ten na gandería.

Chotoiba é a gandería de vacún de carne en ecolóxico que Luís Rodríguez e Esther Torreira teñen na parroquia de As Trabancas, en Agolada (Pontevedra). Este nome, que alude á chousa onde se asenta a gandería, foise facendo un oco no mercado nos últimos 8 anos, pois a propia granxa encárgase de comercializar a carne dos tenreiros de Rubia Galega e Limiá que cría. “Comecei a sentirme valorado como gandeiro cando comezamos a comercializar nós a carne”, sinala Luís.

“Atopas que o cliente valora o esforzo que fas por ofrecer carne de calidade criada dun xeito respectuoso”

Así, combinan os labores na gandería co procesado e distribución da carne por case toda Galicia. “Antes atendiamos o gando ata que o carniceiro viña polos becerros e todo remataba aí. Agora atopas que o cliente valora o esforzo que fas por ofrecer carne de calidade criada dun xeito respectuoso”, subliña o gandeiro.

A venda directa, unha opción de facer rendible o ecolóxico

Comezaron a comercializar e procesar a carne logo dun acordo cun carniceiro da zona, certificando en ecolóxico. “Os inicios ó amparo deste carniceiro foron moi ben e deseguido conseguimos darlle saída a toda a carne que ibamos tendo”, recorda Luís. En outubre fará dous anos que optaron por dispoñer da súa propia sala de despece, situada no centro de Agolada, onde entre os dous, e coa colaboración puntual doutra persoa, preparan os pedidos.

Chotoiba-Sala-despece_-

Teñen unha sala de despece no centro de Agolada onde preparan a carne.

O traballo en Chotoiba repártese agora en atender o gando e realizar dous despeces ó mes. Sacrifican os animais no matadoiro de Vila de Cruces, que conta coa distinción para ecolóxico, e logo a carne permanece entre 10 ou 15 días madurando. Luis e Esther adoitan sacrificar 3 ou 4 becerros cada vez, en función da demanda, con 12 meses e arredor de 190 quilos.

Unha vez despezada a carne, preparan lotes de 5 quilos con partes para asar, guisar, carne picada, costeletas e filetes. O lote inclúe un quilo de cada tipo de carne, que chega envasada ó baleiro e nunha caixa isotérmica ó consumidor. Estes lotes comercialízanos a 13 euros o quilo, pero tamén teñen pedidos de despeces concretos, onde valoran a encarga e contan cunha tarifa de prezos.

Unha vez á semana encárganse do reparto da zona da Coruña e Lugo e outro día céntranse no sur de Galicia. Tamén distribúen fóra de Galicia, mediante un servizo de mensaxería, a zonas como Madrid, Segovia ou Cataluña. “Nestas zonas é xente que nos coñece a través de familiares que nos mercan en Galicia e que nos piden que lle enviemos”, explica Luís.

“A maioría dos clientes están comprometidos coa gandeiría en ecolóxico ou queren mercarlle ó produtor”

A súa clientela son tanto tendas especializadas como particulares que optan por encargos directos. “A maior parte dos nosos clientes están comprometidos con este xeito de entender a gandeiría en ecolóxico, pero tamén hai quen o fai porque quere mercarlle a pequenos produtores”, recoñece Luís.

A comercialización directa da carne foi unha das maneiras que procuraron para conseguir que a produción en ecolóxico lles resultara rendible. “Estar en ecolóxico comezou a me angustiar porque producías en ecolóxico pero non había vendas en ecolóxico e os prezos que che ofrecían eran mesmo máis baixos que en convencional”, recorda Esther.

Chotoiba-gando-limia-vacas-_-

A facilidade de parto e de crianza dos becerros fai que prefiran as vacas limiás.

A gandería recoñece que mesmo barallou deixar de producir en ecolóxico polos prezos do penso, “aínda que nós queríamos seguir traballando deste xeito porque é a nosa maneira de entender a gandería e a nosa maneira de pensar dende fai moitos anos”, matizan.

Luis e Esther levan certificando en ecolóxico dende o 2003. “Ó comezo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, dende a Administración non había nin información, dicían que o de producir en ecolóxico era cousa de hippies”, recorda Luís.

Pechar o ciclo

Outra das alternativas que valoraron en Chotoiba nos primeiros tempos en ecolóxico foi o de pechar o ciclo de produción. Para iso comezaron a producir os seus propios cereais.

Durante anos cultivaron millo, trigo, centeo e mesmo chícharos forraxeiros en ecolóxico para elaborar o seu propio penso. Adquiriron un muíño no que semanalmente se encargaban de moer os cereais. Pero dende hai 4 anos deixaron de producir deste xeito.

Chegaron a producir o seu propio cereal. Sementaron millo, chícharo, trigo e centeo e encargábanse  de facer eles a mestura

O que máis desanimou a Luís e fixo que deixase de producir o penso foi o escaso apoio que recibiu por parte das entidades e administracións. “Deberían de favorecer ós pequenos produtores que optamos por pechar o ciclo e, no canto diso, parece que só buscan apoiar ós grandes e ós intereses económicos”, critica. Agora merca o penso, como facía no comezo, e produce os forraxes de herba seca e silo de herba.

Pese a iso, en Chotoiba sempre apostaron por diferenciarse e probar cousas novas. Así, tamén optaron por producir xurros ecolóxicos a base de ortigas para empregar no abonado dos campos xunto co esterco dos xatos. “É moi laborioso e ó ter que aplicalo cunha sulfatadora, a xente xa pensa que empregas algo químico, aínda que nós teñamos a conciencia tranquila”, explica o gandeiro.

As vacas limiás tenas sempre nunha parcela cos xatos.

As vacas limiás tenas sempre nunha parcela dunhas 23 hectáreas onde permanecen tamén os xatos e o touro.

Trocar as Rubias polas Limiás

A granxa conta cun rebaño duns 140 animais, unhas 87 vacas e entre 40 ou 50 xatos de distintas idades. Comezaron con Rubia Galega e hai 6 anos chegaron as Limiás, procedentes dunha gandería de Samos que pechaba.

Trouxeron un lote de 26 animais no que tamén se incluía un boi, que aínda continúa na gandería. “Segue tendo moi boas formas e aquí segue, aínda que trouxen outro de Fontefiz coa intención de cambialo, pero por agora temos os dous de sementais”, indica o gandeiro. É un exemplo da filosofía que impera en Chotoiba, onde non todo se basea na produtividade e a rendibilidade económica.

Os problemas no parto e dos xatos de Rubia Galega motivan que Luís decida apostar cada vez máis pola Limiá

Os primeiros tempos das vacas limiás na gandería resultaron complicados. Nos primeiros días escapáronlles 3 vacas e unha delas tardaron máis de 20 días en conseguir recuperala. “Tiñámola localizada pero non quería saber nada de tratar con xente. Despois entereime de que sufriran maltrato no traslado e comprendín a súa reacción”, comenta.

Nestes anos, Luís fíxose cada vez máis partidario da crianza da vaca Limiá ata o punto de comezar a reducir o número de rubias, aínda que seguen a ser maioría no rebaño.

O gandeiro apunta ós problemas nos partos e ás dificultades dos xatos cando nacen como puntos febles da Rubia fronte á Limiá. Así, xa non ten touro de Rubia Galega, aínda que segue inseminando algunhas vacas con sementais desta raza. “Busco algo de satisfacción co traballo e non atopar problemas tódolos días. Trátase de procurar un benestar tanto para os animais coma para min”, reivindica o gandeiro.

Chotoiba-Rubia-Galega-

A maioría do rebaño é de Rubia Galega.

Aínda que o rendemento dos xatos de Limiá é inferior ós de Rubia Galega, para Luís compénsalle. “Os de Limiá acabados de nacer xa os tes mamando e ós outros cústalles máis comezar a mamar e adoitan ter máis problemas na crianza”, compara.

“Quixeron mellorar tanto a morfoloxía que a Rubia Galega perdeu o seu instinto de nai e a súa esencia. Xa non queda nada daquela vaca que antes traballaba, sacaba becerros e daba leite”, reprocha o gandeiro. A iso súmase que tamén estean a ter máis problemas no verán coa mosca, provocándolles mamite.

Dos primeiros en empregar fincas do Banco de Terras

Luís é partidario de que o gando pase o maior tempo posible fóra, no pasto. Tódalas mañás, coa axuda dun operario, revisa o gando e agrupa os tenreiros rubios que están coas nais para darlles herba seca e cereal. Só lle dá penso ós tenreiros ou, en casos, moi puntuais a determinadas vacas.

Chotoiba-becerros-rubios-buscando-nais--

Os xatos saen na procura das nais para ir mamar, ata que os destetan ós 8 meses.

Pola tarde volve xuntar os becerros coas nais, para que pasen boa parte do día e a noite con elas. “No verán preferímolos ter recollidos nas horas centrais do día e abrímoslles máis pola fresca, o resto do ano pasan case todo o día coas nais”, explica.

A gandería ten o gando repartido en tres lotes, por unha banda as rubias en xestación, por outra as vacas con xatos e outro grupo coas limiás, que ten sempre nunha mesma parcela dunhas 23 hectáreas. “Como me escaparon ó principio prefiro telas aquí porque están ben e non teño que andalas cambiando”, indica o gandeiro.

Os outros dous lotes van rotando polas distintas fincas. Contan cunhas 45 hectáreas en propiedade, ás que se suman outras 18 do Banco de Terras. “Fomos dos primeiros en alugar ó Banco de Terras. Daquelas había unha gran desinformación que fixo que houbese moita desconfianza por parte dos veciños”, recorda.

Pasaron de pagar arredor de 30 euros por hectárea nos primeiros anos a máis de 200 na actualidade no Banco de Terras

Luís tamén recrimina o incremento das tarifas que experimentaron nos últimos anos. Agora están a pagar máis de 200 euros por hectárea fronte os arredor de 30 euros de aluguer que abonaron nos primeiros anos. “Collimos as fincas totalmente abandonadas, cheas de toxeiras e tivemos que preparalas e agora póñennos estes alugueres. Queren que sexamos europeos, pero estes prezos superan ós do resto de Europa. Noutros países coma Francia hai outra organización do territorio e os gandeiros non teñen estas limitacións”, protesta o gandeiro.

Nesta zona tamén están tendo unha importante incidencia do lobo sobre a gandería. “Hai algo máis dun ano estivemos 4 ou 5 meses tendo ataques do lobo case tódolos meses”, comenta.

Na maioría das incursións do lobo, as baixas son de tenreiros pero tamén chegaron a matarlle unha vaca limiá que atacaron durante o parto. “Eu non estou en contra do lobo no monte pero si de quen quere telo e que se alimente coméndonos o gando”, reivindica, á vez que aboga por empregar comedeiros selectivos no monte.

Galería de imaxes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información