A colleita de uva en Galicia supera as previsións e remata con 63,9 millóns de quilos

A produción de uva nas cinco Denominacións de Orixe medrou un 4,4% nesta campaña. Excelente colleita en cantidade en Monterrei, cunha suba do 94%; seguida de Valdeorras (+14,6%) e de Ribeira Sacra (+12,18%). Pola contra, baixou a produción na DO. Ribeiro (-4,6%) e en Rías Baixas (-2,0%).

Publicidade
Fonte: Elaboración propia a partir dos datos proporcionados polos consellos reguladores. *Datos aínda non definitivos, pero que poderían variar levemente

Fonte: Elaboración propia a partir dos datos proporcionados polos consellos reguladores. *Datos aínda non definitivos, pero que poderían variar levemente

A vendima 2018 nas cinco denominacións de orixe de Galicia rematou cunha colleita mellor do agardada, tanto en calidade como en cantidade. En total, recolléronse 63,93 millóns de quilos de uva, o que supón un 4,32% máis que a produción acadada o pasado ano (61,28 millóns de quilos).

A previsións antes da vendima que manexaban adegas, viticultores e a propia Consellería de Medio Rural apuntaban a que se acadasen os 61 millóns de quilos, debido principalmente ao tempo frío o chuvioso da primavera, que aumentou a incidencia das enfermidades fúnxicas, sobre todo do mildeu.

Sen embargo, o tempo seco e solleiro do verán e da primeira quincena de outubro, xunto aos excelentes datos da Denominación de Orixe Monterrei, que aumentou a súa colleita nun 94%, fixeron que esta sexa a segunda mellor colleita do século en cantidade, só por detrás dos 77,8 quilos vendimados no ano 2011.

O sector precisaba esta recuperación tras un ano 2017 moi difícil debido ás xeadas de primavera, sobre todo en Monterrei, Valdeorras e Ribeiro, e que complicou a moitas adegas manter unha demanda crecente dos viños galegos.

Detallamos os resultados da vendima 2018 nas 5 Denominacións de Orixe de Galicia:

Rías Baixas: 38,5 millóns de quilos de uva, un 2% menos que o pasado ano

Na Denominación de Orixe Rías Baixas, e a falta de confirmación oficial, o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, declaraba onte a Europa Press que este ano acadarase unha produción de 38,5 millóns de quilos de uva, unha cifra lixeiramente por debaixo dos 39,3 colleitados o pasado ano. Isto supón un descenso do 2,04%.

A calidade da uva foi “moi boa”, favorecida por un verán solleiro e seco e uns meses de setembro e outubro que favoreceron as labores da vendima.

Ribeiro: Baixa a produción un 4,57% pero aumenta a de Treixadura

Na Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia, a vendima rematou oficialmente o 10 de outubro. A colleita ascendeu a 8,98 millóns de quilos de uva, o que supón un 4,57% menos que os 9,4 millóns colleitados en 2017. A cifra queda lonxe dos 14,2 millóns de quilos de 2015 ou dos 11,6 do ano 2016.

Ademáis da calidade da uva recollida, o dato positivo é que a produción da variedade Treixadura, a principal dos viños do Ribeiro, sube ata os 4,2 millóns de quilos de uva, por riba dos 3,6 millóns do ano pasado Noutras variedades preferentes, a Torrontés baixa e queda en 478.786 kilos,; a godello suma 320.950 kilos, cen mil menos que no 2017 e a albariño queda en 275.540 kilos. Nas autorizadas, a Palomino segue en caída libre: Se no 2015 se recolleron 5,9 millóns de quilos no Ribeiro este ano foron 2,7 millóns de quilos.

Nas variedades tintas, a garnacha segue en cabeza, con 249.000 kilos, seguida da mencía con 164.400, caíño longo e brancellao con 75.000 kilos en cada caso.

DO. Monterrei: Unha colleita histórica

A Denominación de Orixe Monterrei acadou a súa maior colleita histórica con 5.591.823 quilos de uva recollidos  nas 566 hectáreas de viñedos que se extenden nos municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val. “Os resultados son excelentes tanto en termos cualitativos como cuantitativos”, destaca a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva.

Nesta tempada acadaron o máximo histórico da denominación superando en case un millón de quilos a campaña do 2015 que, ata o de agora, fora a máis exitosa. Naquela campaña acadáranse os 4.730.522 quilos de uva colleitadas. Así, este ano incrementouse nun 17% a produción con respecto ás mellores cifras rexistradas pola denominación ata o momento.

E con respecto ao ano pasado, no que esta DO foi a máis afectada polas xeadas de abril, o incremento é o 94,10%: 5,59 millóns de quilos de uva fronte a 2,88.

Valdeorras: A uva amparada polo Consello Regulador medra un 14,6%

Na Denominación de Orixe Valdeorras concluíu a vendima 2018 cun total de case 4,7 millóns de quilos de de uva colleitados. En relación ao ano pasado, a cifra de quilos de uva amparados ascende nun 14,6 %.

Por variedades, sitúase á cabeza en cantidade a uva godello (con máis de 2,6 millóns de quilos), seguida da mencía, con máis de 1,4 millóns de quilos. En terceiro lugar atópase a garnacha tintoreira, con máis de 357.000 quilos.

De palomino fino (jerez) recolléronse máis de 170.000 quilos e de sousón un total de 44.000. Tras estas variedades, aparecen a tempranillo (case 19.000 quilos), a albarello (máis de 13.000 quilos), e a merenzao (preto de 6.000 quilos).

Nas últimas posicións sitúanse a treixadura (máis de 2.100 quilos), dona branca (case 1.500 quilos), a negreda ou mouratón (746 quilos), a caíño tinta (683 quilos) e o grao negro (80 quilos).

DO. Ribeira Sacra: Case un 11% máis de uva coa Mencía como a variedade raíña

A vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra rematou este ano con 6,17 millóns de quilos ucva amparados polo Consello Regulador, o que supón un 10,90% máis que os 5,3 millóns colleitados no 2017. A maior parte correspondeu á variedade mencía (5,20 millóns de quilos de uva), seguida da Godello (303.009 kgs) e a Garnacha (282.751 kgs).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información