A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A colleita de 2016 da D.O. Valdeorras presentarase en Santiago o vindeiro 6 de marzo

Publicidade
A colleita de 2016 da D.O. Valdeorras presentarase en Santiago o vindeiro 6 de marzo

Francisco García, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras

Aposta pola formación e intensificación das accións de promoción dos viños da zona foron os eixos que marcaron os contidos do Pleno Extraordinario que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras celebrou este luns en Vilamartín. Como acción inminente máis salientable, destaca a presentación da añada 2016, que se celebrará no marco dun acto público en Compostela o vindeiro 6 de marzo, conducido polo actor Javier Veiga. Neste acto, agárdase reunir a destacados representantes do eido institucional, económico-empresarial, social e político de Galicia.

Xunto a isto, outra das accións que foi sometida a consideración do Pleno foi a posible participación dos viños da zona na prestixiosa feira Hong Kong International Wine. Se finalmente se concreta a participación neste foro, trataríase da primeira ocasión na que os brancos e tintos de Valdeorras se exhiban neste foro. Esta acción promocional sumariase á presenza xa confirmada dos viños valdeorreses nas edicións deste ano de Prowein (Alemaña), London Wine (Reino Unido) e Fenavín (España).

En paralelo, outra das accións que se están a desenvolver desde o Consello Regulador é a elaboración dunha guía de adegas e viños da zona, que servirá como ferramenta divulgativa do potencial vinícola do territorio amparado. Adicionalmente, traballarase na actualización dos videos corporativos das bodegas que conforman a D.O.

E, na liña de optimizar a comunicación coas bodegas integrantes da denominación, o Consello Regulador valorou hoxe a implantación dun sistema informático, tipo intranet, para facilitar o intercambio de información e documentos. “Axilizar a xestión e os trámites habituais do organismo e favorecer que a información flúa en ambos os sentidos dun xeito rápido e eficaz”, sería –en palabras do presidente do organismo- o obxectivo deste sistema informático.

Convenio coa Galicia Business School

Ademais da intensificación das accións promocionais, o presidente do Consello Regulador, Francisco García, detallou ante o Pleno o contido dun convenio de colaboración que vai asinarse proximamente coa recén creada Galicia Business School, co obxecto de achegar –mediante unhas condicións preferentes- diferentes contidos formativos para os membros do eido vitivinícola de Valdeorras.

Paralelamente, o Consello Regulador porá en marcha diferentes accións formativas dirixidas aos membros do sector produtivo da comarca, entre os que salienta a impartición de cursos de poda, cata ou comercio exterior. Está previsto que algúns destes cursos se desenvolvan en colaboración co Inorde.

Finalmente, outro dos puntos do día que se abordou hoxe no Pleno extraordinario foi a intención de aprobar un convenio colectivo para os traballadores do Consello Regulador, que se adapte ás súas especificidades, xa que na actualidade non existe ningún. Neste sentido, tal e como destacou o presidente, “ben se elixirá o convenio que mellor se adecúe a eles entre os existentes, tales como o de despacho de oficinas ou oficinas técnicas, ou ben se creará un ex novo que se inspire nos existentes nunha das zonas produtivas máis importantes do país: A Rioxa”.

Sobreseímento da causa polos supostos gastos impropios efectuados desde a tarxeta de crédito do presidente da D.O. Valdeorras

Por outra parte, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 do Barco de Valdeorras decretou, con data 15 de febreiro de 2017, o sobreseímento da causa relacionada cos gastos impropios efectuados desde a tarxeta do presidente do Consello Regulador, Francisco García, logo de efectuar recentemente as dilixencias previas, por non “aparecer xustificada a perpetración de delito”. Contra este decreto de sobreseímento provisional, cabe recurso de reforma e subsidiario de apelación por parte dos denunciantes.

Francisco García expresou a súa satisfacción tras coñecer o contido deste decreto, que lle foi notificado hoxe, e lembrou unha vez máis, que el foi o primeiro en denunciar perante o cuartel da Garda Civil da Rúa os feitos e, acto seguido, reintegrou o importe total dos gastos denunciados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información