Coidados e tratamentos a aplicar nas maceiras durante estes días

Publicidade
Coidados e tratamentos a aplicar nas maceiras durante estes días

É preciso dar un tratamento contra o verme da mazá.

A Xunta de Galicia ven de publicar esta semana o Boletín Agrometeorolóxico no que ofrece unhas recomendacións sobre os coidados e tratamentos a aplicar nas maceiras durante estes días.

Situación das pragas e enfermidades:

En canto ás pragas e enfermidades que máis afectan a estas froiteiras, a situación neste momento é a seguinte:

Pulgón verde (Aphis pomi):

Obsérvase un incremento na incidencia deste pulgón, con moitos gromos atacados. Estamos en período crítico de ataque deste pulgón. Contrariamente ó caso do pulgón cincento, este áfido completa o seu ciclo vital na propia maceira (especie homoécica).

Non é tan perigoso como o anterior, xa que non provoca deformacións nin nos gromos nin nos froitos. Nas novas plantacións, onde se está a facer poda de formación, é conveniente mantelo baixo control.

Debemos evitar todas as medidas culturais que favorezan o desenvolvemento de pulgóns en xeral, como son o abonado nitroxenado e poda excesivos, a rega sen control, etc; é dicir, todo o que favoreza o crecemento excesivo das nosas maceiras.

Pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum):

Incidencia alta. Estamos en pleno o período crítico para a maceira, que vai de maio a agosto. As maceiras enxeratadas nos patróns clonais MM (Malling Merton) son resistentes a esta praga, así como os patróns GENEVE.

Pulgón cincento (Disaphys plantaginea):

Menor incidencia deste pulgón, xa que está rematando o seu ciclo.

Verme da mazá (Cydia pomonella):

Cydia pomonella é un lepidóptero cuxo verme fai galerías no interior do froito de maceiras e pereiras. Tamén ataca ás nogueiras, marmeleiros e albaricoqueiros. Xa se superou o limiar de tolerancia en todas as estacións de control de Galicia polo que é necesario aplicar un tratamento.

verme_maza

Escolítidos (Xyleborus sp.):

Hai constancia de focos puntuais na provincia de Lugo, tanto na Mariña Luguesa como no sur en Chantada-Monforte. Son insectos barrenadores da madeira nas árbores máis débiles, pero non necesariamente enfermas, aínda que pode acabar provocando infeccións fúnxicas neles.

Para o seu control é importante favorecer o vigor da árbore, abonando axeitadamente. Se o foco afecta a poucas árbores, sanealos durante o inverno, eliminando as pólas afectadas e queimándoas, xa que so o lume pode destruír os insectos que se atopan nas galerías.

O Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia confírmou a presencia do escolítido Xyleborus dispar nas mostras de pólas enviadas, nas que se aprecian importantes danos de galerías.

De cara ó vindeiro ano deberíase realizar un seguimento da súa evolución (control de voo).

En canto ás enfermidades fúnxicas, os técnicos da Consellería de Medio Rural lembran a necesidade de manter unha boa aireación nas plantacións froiteiras para minimizar os efectos dos fungos nas mesmas. Para elo, debemos manexar moi ben parámetros como: poda, fertilización axeitada, marco de plantación…

Moteado (Venturia inaequalis):

Estamos rematando a época máis crítica para que se produzan as infeccións primarias. A partir do mes de xullo, poden aparecer as infeccións secundarias, sempre que se dean as condicións axeitadas. Detectáronse infeccións primarias no mes de xuño.

As choiva estes días, xunto coas temperaturas suaves, poden provocar o desenvolvemento de novos ciclos da enfermidade. Para evitar que estes den lugar a infeccións secundarias, debemos dar un tratamento funxicida.

Recomendacións

Maceiras de mesa e sidra:

O feito de ter superado o limiar de tolerancia do Verme da mazá (Cydia pomonella) en todas as estacións (Sada, Ortigueira e Chantada) fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida-larvicida para esta praga que está na primeira xeneración das dúas que ten no ano.

Para acadar unha boa actividade insecticida, compre efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requirindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela. Este tratamento tamén terá eficacia contra o pulgón verde.

Ademais, a este tratamento insecticida, debemos engadirlle un funxicida sistémico.

É preciso recalcar que debemos ter en conta a duración da efectividade do produto usado, segundo utilicemos un produto ou outro. Así, en agricultura convencional e integrada, nas que se emprega insecticidas de síntese, en xeral os formulados usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días, mentres que en agricultura ecolóxica, na que os produtos non son os mesmos que no caso anterior, é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa).

Recoméndase alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información