A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir no seu último aviso fitosanitario publicado este venres que é imprescindible comprobar os síntomas de Mildeu nas viñas e renovar as aplicacións se hai esporulación nos fungos antigos, se aparecen novos, ou se a viña ten historial ou hai condicións favorables.
O persoal técnico sinala que nas visitas realizadas esta semana aos viñedos non se detectaron novas manchas de ‘aceite’, aínda que si avances a partir de síntomas antigos, e subliña que a lixeira melloría do tempo, con suba das temperaturas e elevada humidade, suporá unha situación de máis risco. Por este motivo, a técnica Rosa Pérez destaca que é necesario fixarse moi ben nos acios, altamente sensibles nestes momentos, pois a estas alturas da campaña os síntomas soen aparecer uns días máis tarde que nas follas.
É imprescindible segar a cuberta vexetal
Como consello, ademais da necesaria vixilancia e tratamento, dende a EFA advirten que despois da floración, e tanto pensando no Mildeu como na botrite, é preciso cortar o exceso de vexetación das viñas, mantendo sempre a cuberta vexetal ben segada como algo imprescindible para evitar retencións de humidade.
En canto ao resto das patoloxías na viña, aconséllase manter un nivel alto de vixilancia para o Oídio, para a botrite e para o Black Rot. Con respecto á botrite, indícase que no caso de ter que renovar a intervención antimildeu é conveniente tamén elixir funxicidas que leven na súa composición unha materia activa con efectos contra a enfermidade.
E, dado que comeza un período de elevada sensibilidade do acio ao fungo de Black Rot, tamén principios activos contra este, aínda que só en parcelas con presenza contrastada da enfermidade.