Codeira incorpora a raza fleckvieh para aumentar proteína e graxa do leite

A cooperativa de Portomarín traballa conxuntamente con Dairylac para mellorar a calidade da materia prima. Proxecta tamén cambios nos pensos para favorecer a lonxevidade e benestar dos animais

Codeira incorpora a raza fleckvieh para aumentar proteína e graxa do leite

Vaca de raza fleckvieh. / Imaxe: Genetic Austria.

Hai uns anos, os socios da cooperativa Codeira (Portomarín, Lugo) esforzáronse en mellorar a xenética dos seus rabaños de frisoas para acadar un maior porcentaxe de materia graxa no leite. O investimento foi en parte en balde, pois as industrias non lles remuneraron esa mellora na graxa. Agora o escenario é outro. Codeira participa do proxecto industrial de Dairylac, que busca traballar en liñas de produtos (queixos, alimentos infantís, manteca, etc.) para as que son básicas as calidades en materia graxa, proteína e bacteroloxía.

Co obxectivo de mellorar os parámetros de graxa e proteína do seu leite, as granxas socias de Codeira están comezando a incorporar a raza fleckvieh nos seus rabaños. É unha raza orixinaria de Austria da que esperan unha produción dun 3,70 de proteína e un 4,20 de graxa, o que supera con amplitude os estándares actuais de 3,20 de proteína e 3,80 de graxa.

A vaca fleckvieh en intensivo acada unha lonxevidade media de 8 partos, moi superior ós pouco máis de 3 da frisoa

“Xa estabamos estudando a mellora da calidade do leite, pois unha produción de calidade sempre ten demanda, pero agora que estamos en Dairylac, a calidade é básica para competir e ademais temos a garantía de que esa calidade váisenos remunerar”, explica o presidente de Codeira, Iván García.

Melloras
A decisión de promover o uso da raza fleckvieh tomouse tras analizar conxuntamente con Dairylac diversas alternativas. “Hai outras razas coas que se conseguen altas calidades do leite, pero á hora de decantarnos pola fleckvieh fixámonos no conxunto de beneficios da explotación”, salienta García. “A fleckvieh ten unha lonxevidade en intensivo de 8 partos, cando a media da frisoa estabulada está en pouco máis de 3. A maiores, os machos de fleckvieh son máis valorados para cebadoiros e as vacas de desvelle tamén teñen un prezo superior ás frisoas”, enumera.

Coa nova raza, a perspectiva pasa tamén por lograr unha redución das racións de penso, o que redundará nunha baixada dos custos de alimentación. “Trátase dun animal que aproveita ben a forraxe e que está moi ben adaptado ó pastoreo”, conta o presidente de Codeira.

En contra da fleckvieh, en comparación coa frisoa, xoga o seu menor volume de produción, con cifras por lactación que poden acadar os 9.000 litros, pero sen chegar ós picos de produción da raza frisoa.

Con todo, en Codeira fixeron números e concluíron que compensa o cambio. Xa hai granxas con animais de fleckvieh e espérase que boa parte dos socios se sumen á renovación do rabaño. A cooperativa proxecta a importación de xovencas de Austria, país do que é orixinaria a raza, e xa está a traballar con seme de fleckvieh para obter cruces coas frisoas actuais das explotacións.

Outra parte das granxas espérase que sigan traballando coa raza frisoa, pero tamén na liña de aumentar calidades, tanto en graxa e proteína como en bacteroloxía.

Aumento de Omega 3 no leite

A mellora da alimentación dos animais é outro aspecto no que está traballando Codeira, conxuntamente con Dairylac. A cooperativa proxecta cambios na formulación dos pensos para aumentar no leite o contido de Omega 3, un ácido graxo beneficioso para a saúde humana. Un segundo obxectivo co penso sitúase en aumentar a lonxevidade e benestar dos animais.

“Para a formulación dos nosos pensos, xa viñamos empregando só materias primas nobles, ata o punto de que percibimos que coa nosa alimentación as vacas están mellor”, explica o presidente da cooperativa. “A idea é seguir avanzando nesa liña. Sentímonos moi respaldados neste aspecto e noutros polo equipo de Dairylac e en breve esperamos concretar as melloras que implantaremos”.

A planta de piensos de Codeira procesa na actualidade unhas 400 toneladas mensuais, con perspectivas de aumentar produción nos próximos meses. Elabora formulacións estándar e a demanda e, ademais de traballar para explotacións de vacún, está especializada en cabalos de competición. En breve, conta de comezar a comercializar copos de cebada, un alimento con demanda para cabalos e para cebadoiros de xatos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información