Cobideza reclamará ás industrias polos prezos pactados

A cooperativa dezá acorda en asemblea iniciar a reclamación polos pagos dende o 2005 ó 2013 como primeiro comprador. Na xuntanza abordou outros temas como a eficiencia enerxética nas granxas ou a futura PAC

Cobideza reclamará ás industrias polos prezos pactados

Instante da asamblea celebrada na sede da cooperativa en Cercio (Lalín).

A cooperativa Cobideza acordou iniciar as reclamacións ás industrias lácteas polos prezos pactados á baixa, logo da sentenza da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. A decisión, tomada durante a asemblea extraordinaria, celebrada onte na sede da cooperativa en Cercio (Lalín), foi apoiada pola maioría dos socios asistentes.

A denuncia tramitarase a través do equipo xurídico de Unións Agrarias e abrangue os pagos pendentes do período 2005 ó 2013, etapa na que a cooperativa exerceu como primeiro comprador. Mentres, dende o 2000 ata o 2005 realizouse unha facturación individual, polo que serán os propios gandeiros os que deban presentar as reclamacións. “Ábrese unha etapa de traballo de recompilación de datos antes de poder dar unha estimación do que deben as empresas ós gandeiros”, explica Román Santalla, presidente da cooperativa.

Tal e como informou o secretario xeral de Unións, Roberto García, durante a charla informativa na cooperativa, os gandeiros afectados poderán tramitar as reclamacións a través de Unións, que se encargará de todo o procedemento. García aclarou que, no caso de non conseguir un fallo favorable para os afectados, os gastos asumiraos a entidade. Mentres, de conseguir os cobros pendentes, ós afiliados cobraráselle un 10% da contía percibida e no caso dos non afiliados será un 20%.

A nova PAC

No transcurso da asemblea tamén se abordaron outros temas como a futura PAC 2021-2027. O secretario xeral de Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), Lorenzo Ramos, insistiu na importancia de que as novas políticas agrarias europeas estean orientadas a unha dobre vía de financiamento, asentadas nuns prezos máis xustos para os produtores e un orzamento axeitado por parte dos estados membros. Esta dobre vía pretende reconducir a concepción actual, máis orientada cara o pago de subvencións, a modo de compensacións.

“Os gandeiros e produtores estamos tendo cada días máis esixencias en materia ambiental ou sanitaria, que asumimos e respectamos, pero non podemos seguir cos mesmos prezos á baixa porque iso conduce ó abandono das pequenas e medianas explotacións”, reprocha Santalla. Nesta mesma liña, Roberto García tamén recriminou a decisión da Xunta de destinar a outros fins os fondos do PDR previstos para o desenvolvemento agrario de zonas de montaña.

Eficiencia enerxética

Outro dos temas que se abordou durante a xornada foi a eficiencia enerxética nas granxas, xa que os custes eléctricos supoñen unha importante contía. Entre outras cuestións incidiuse na importancia de saber ler ben os recibos para poder axustar ó máximo as contratacións ás necesidades das ganderías.

Tamén se abordou o emprego de enerxías renovables nas ganderías, non só como unha alternativa sostible para o autoconsumo, senón como unha vía para xerar ingresos ó vender a enerxía sobrante, un aspecto que aínda está pendente do desenvolver xuridicamente. “As ganderías non podemos perder a oportunidade que nos brindan enerxías renovables como a fotovoltaica ou a eólica”, apunta Santalla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información