Cobideza, novos pasos na transformación industrial do leite

A cooperativa puxo en marcha unha queixería cunha produción pequena pero que se quere significar no mercado pola calidade. O leite procede só de vacas en pastoreo

Cobideza, novos pasos na transformación industrial do leite

O proxecto da queixería de Cobideza iniciouse esta primavera e agora xa comezou a producir co amparo das DO Arzúa Ulloa e Tetilla.

Coincidindo co fin da cota láctea e cun aumento xeral na produción de leite, en abril pasado, a cooperativa Cobideza puxo en marcha en Silleda unha pequena queixería centrada na produción de queixo con denominación de orixe Arzúa-Ulloa e Tetilla. O proxecto, que era unha vella ilusión da directiva da agrupación, arrancou co obxectivo de posicionarse no mercado cun queixo de calidade, para o que se emprega só leite de vacas en pastoreo e cunha alimentación orientada á produción queixeira.

O volume que moverá a iniciativa será pequeno, en torno a 6.000-8.000 queixos ó mes, pero desde a cooperativa destacan tamén á queixería como un paso máis na implicación dos gandeiros na transformación industrial do seu leite.

cobideza 2

A cooperativa Cobideza, con sede central en Cercio (Lalín), viña desde hai anos estudando posibilidades para introducirse na produción de queixos. Logo de ver varias opcións, chegou finalmente a un acordo coa asociación Semana Verde para alugar as instalacións da queixería da asociación por un periodo de 10 anos, prorrogable. O proxecto arrancou esta primavera cuns obxectivos claros. “Tratamos de facer un queixo adaptado ó gusto dos consumidores, que estea moi rico, a un prezo razonable e que se diferencie por algo no mercado”, explica o presidente da cooperativa, Román Santalla.

Características
Ese algo co que se quere posicionar o queixo de Cobideza é a materia prima, que procede en exclusiva de vacas en pastoreo e cunha alimentación orientada á produción queixeira. “Estamos a ver que o leite de vacas en pastoreo dálle ó queixo unhas características especiais, tanto de apariencia, cunha cor máis marela, como de sabor”-apunta Santalla-. “Seleccionamos ademais explotacións que teñen bos índices de proteína e graxa, e estamos enfocándonos a coidar a alimentación do gando, complementando o pastoreo con bo silo de millo, moi axeitado para a produción queixeira, e con boas forraxes”.

cobideza 3

Cobideza conta en principio cunha vintena de explotacións socias autorizadas a entregar leite para a queixería, se ben agarda ir ampliando as granxas que poderán aportar a súa produción. Os primeiros meses da iniciativa centráronse en probas para ir mellorando o produto. Para eso contaron coa axuda de expertos queixeiros e tamén coas opinións dos socios. “Chegamos á conclusión de que imos apostar por un queixo máis marelo do habitual, que é algo que se relaciona co uso do leite de vacas en pastoreo, e por un queixo cun punto de cremosidade, que é algo que lle gusta ós consumidores”, sinala o presidente da cooperativa.

Mercado
A produción da queixería de Cobideza, na que traballan catro persoas, enfócase a mercados de proximidade, principalmente Galicia. “O mercado do queixo está saturado, pero pensamos que podemos facernos un oco en tendas e pequenos supermercados, sen desbotar acordos con algunha cadea de supermercados”, valora Santalla. Os produtos de Cobideza xa poden atoparse en establecementos de cidades como Pontevedra ou Santiago e a cooperativa confía en ir ampliando mercados progresivamente. Tampouco descarta nun futuro buscar vías de comercialización fóra de Galicia, caso de Madrid.

De cara ó 2016, os obxectivos da cooperativa pasan por consolidarse no mercado e por ultimar a reforma e posta ó día da queixería, unha liña de traballos que iniciou na primavera e que seguirá no próximo exercicio.

Aposta pola integración e transformación
A cooperativa Cobideza aglutina a arredor de 150 explotacións lácteas da comarca do Deza, principalmente de Lalín, Vila de Cruces, Agolada e Silleda. Desde o 2013, mantén contratos estables para a entrega do leite con Reny Picot e a maiores participa como cooperativa socia do proxecto de Clesa. Forma parte tamén da cooperativa de segundo grao Xuncoga.

O presidente de Cobideza, Román Santalla, é de sempre un firme defensor da integración cooperativa e da participación dos gandeiros nos proxectos de transformación industrial do leite, unha liña na que a propia cooperativa aporta agora o seu gran de area coa posta en marcha da queixería.

cobideza 4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información