Cobideza e Mopán inician unha etapa de colaboración, previa a unha posible fusión

As cooperativas comezan a compartir maquinaria de cara ó inicio da campaña e tamén afrontarán compras conxuntas

Cobideza e Mopán inician unha etapa de colaboración, previa a unha posible fusión

Asistentes á reunión celebrada nas instalacións de Mopán.

As cooperativas Cobideza (Deza) e Mopán (Monterroso) inician unha nova etapa de colaboración centrada, sobre todo, en compartir maquinaria, de cara o comezo da campaña, e nas compras dos pensos de forma conxunta. Así llo transmitiron membros das dúas directivas ós socios da cooperativa Mopán, nunha reunión celebrada en días pasados.

Este acordo, pendente de formalizar nos próximos días, segundo apuntan dende Cobideza, é un paso máis logo de que hai tres meses comezaran xa as primeiras colaboracións en tema de fertilizantes. Trátase dunha colaboración que barallan ampliar ata formalizar unha fusión nos próximos meses, sempre e cando os socios de ambas entidades respalden a proposta.

Polo de agora, estes acordos permítenlle a Mopán continuar a ofrecer servizos ós seus máis de 70 socios en activo -dos 120 que conforman a sociedade-, que manexan unha produción duns 500.000 litros de leite. A entidade atópase en concurso de acreedores, derivado dos impagos de Casa Macán -industria da que é accionista- e de Lácteos Ortegal durante 2 meses e medio hai case dous anos, o que afectou directamente á solvencia da cooperativa, como indican dende a directiva.

“Se sacamos adiante a fusión, estariamos falando dunha cooperativa que abarca toda a zona centro de Galicia e que competiría con Clun e Aira” (Román Santalla)

“Este acordo é moi bo porque permítenos ofrecerlle servizos ós socios e dispoñer de liquidez para afrontar temas como a almacenaxe”, comenta José Manuel López Vázquez, presidente de Mopán. “A colaboración é un xeito de que os gandeiros non se vexan resentidos por estar nesta situación”, valora pola súa banda Román Santalla, presidente de Cobideza.

Dende as dúas directivas coincidien en sinalar que ambas entidades teñen un xeito de traballar moi similar, polo que non descartan que unha vez que remate o proceso de concurso de acreedores, dado que a cooperativa non ten cargas, podería afrontarse a fusión. É un proceso que, se se cumpren os prazos iniciais estipulados polo administrador concursal, podería tomar forma de cara os meses de xullo e setembro.

“De sermos capaces de sacar adiante a fusión, estaríamos ante unha cooperativa que abarca a zona centro de Galicia: A Estrada, Forcarei, Silleda, Lalín, Vila de Cruces, Agolada, Monterroso e Antas de Ulla. Sería un proxecto que compite directamente con Clun e Aira”, apunta Santalla.

Quexeria-traballadores

Traballadores da queixería Dona Cobiña, de Cobideza, en Agolada.

Nova inversión na queixería

Por outra banda, Cobideza ten previsto facer neste ano unha nova inversión de 75.000 euros na súa queixería Dona Cobiña, situada en Agolada. Segundo indicaron dende a cooperativa, este investimento pretende potenciar a produción de queixo, gañando en calidade e seguridade alimentaria. Agardan recibir aproximadamente o 50% do importe da Deputación de Pontevedra, a través dunha liña de axudas dirixida a cooperativas agrogandeiras.

A cooperativa tamén ten previsto impulsar neste 2019 a elaboración dos seus produtos ecolóxicos, incorporando novas referencias como son a Tetilla ou o requeixo ecolóxicos, que sairán nos próximos días ó mercado. Asimesmo, están á espera dunha auditoría do Consello Regulador Arzúa –Ulloa para poder comezar a elaborar e comercializar esta denominación de orixe con leite ecolóxico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información