“Coas variedades Agria e Fina a produción da IXP podería triplicarse”

Entrevista a Julio López, presidente da IXP Pataca de Galicia. Avanza que “este ano esperamos solicitar á UE a inscrición da Fina de Carballo e da Agria na IXP”.

Publicidade
“Coas variedades Agria e Fina a produción da IXP podería triplicarse”

Logo da IXP Pataca de Galicia.

Julio Gómez Fernández é o presidente da IXP Pataca de Galicia, que neste ano chega ao seu XXVI aniversario. Un dos retos que se marca é aumentar a produción acollida a este distintivo de calidade, xa que na actualidade non chega ao 10% da que se produce na comarca da Limia, a principal produtora de Galicia. Neste sentido, confía en que a inclusión da variedade Agria -actualmente só está permitida a Kennebec- e en menor medida da Fina de Carballo, permitirá até triplicar a produción acollida á IXP Pataca de Galicia.

¿Que características diferenciais presenta para o consumidor a pataca amparada pola IXP?En primeiro lugar a garantía de orixe, de que foi cultivada de forma esmerada e seguindo prácticas tradicionais, nas subzonas amparadas pola IXP.

En segundo lugar cumpre os parámetros de calidade como son a ausencia na práctica de defectos, enfermidades, podredume…etc. ao ser a nosa normativa moito máis restritiva que a Norma Nacional de Pataca -pola que se rexe o mercado de pataca en España-, o que garante una maior calidade e un maior rendemento.

Ademáis, o calibre da Pataca de Galicia está entre 45 mm e 80 mm, inda que normalmente se presenta entre 60 a 80 milímetros, uns tamaños máis axeitados e máis aproveitables.

Por último, ofrecémoslle ao consumidor unha garantía de calidade culinaria, xa que a materia seca é superior ao 18 % -a maior materia seca, máis rendemento- e os azúcares redutores son inferiores ao 4 %, xa que cantidades altas de azúcares fan que as patacas non fritan, quédanse escuras e brandas, e chegan a ter sabor doce.

“A pataca comercializada baixo a IXP mantense estable dende hai anos”

Cal é a evolución da cantidade de pataca amparada pola IXP nos últimos 5 anos?          Nos últimos anos a producción estimada pasou de 11,8 millóns de quilos na campaña 2010/2011 a 8,13 millóns na campaña 2014/2015, o que supón un descenso do 31%. En canto á superficie cultivada amparada pola IXP pasou de 364 hectáreas en 2010 a 232 en 2015.

Sen embargo, a producción comercializada tivo menos oscilacións nos últimos anos, manténdose entre 4 e 5 millóns de kilos en función da colleita. A presente campaña aínda está sen rematar.

Que porcentaxe representa a pataca amparada baixo a IXP sobre o total de produción de pataca en Galicia e na Limia?
En canto a Limia se refire este ano a colleita de pataca rondou uns 120.000.000 Kg, de todalas variedades, representando a variedade Kennebec un 30-35 % desta produción, o Consello Regulador controla o 25% desta variedade. É dicir, arredor do 8% da pataca producida da Limia comercialízase baixo a IXP.

Cales son os principais mercados da pataca amparada baixo a IXP?
Os principais mercados da pataca amparada pola I.X.P. Pataca de Galicia son Madrid e Barcelona, inda que podemos encontralas en tódalas cidades de España, e por suposto en Galicia.

“O prezo da pataca amparada pola IXP mantense estable entre os 16 e os 20 céntimos”

¿Cal é a evolución do prezo pagado aos produtores pola pataca amparada baixo a IXP nos últimos 5 anos?
Nos ultimos anos o prezo da pataca amparada pola IXP de contrato mantivose estable entre 16/20 céntimos de euro, o que non sucede coa a pataca de venda libre.

Algúns produtores demandan un maior prezo para a pataca amparada baixo a IXP para que lles compense económicamente….
Por suposto que seria moi desexable, pero o Consello Regulador non pode entrar en temas de prezos entre productores e almacenistas pois atentaría contra a libre competencia.

“Os agricultores non se incorporan á IXP porque a variedade Kennebec, é menos produtiva e máis delicada”

¿Cales son as razóns polas que os produtores de pataca non incorporan a súa produción a Pataca de Galicia?
A principal razón e que a variedade Kennebec necesita uns maiores coidados durante o seu cultivo, recolleita e almacenaxe, ao ser máis delicada e un pouco menos produtiva que outras, polo que require máis esforzo e coidado.

E non existe un bo diferencial de prezos, polo que moitos agricultores decántanse por cultivar outras variedades.

¿Que exixencias establece Pataca de Galicia para os produtores en canto a rendemento por hectárea e fertilización?
Son os parámetros que establece o prego de condicións, en canto a rendemento por hectárea de pataca comercializada son 22.000 quilogramos para secado e 35.000 quilogramos para regadío.

mapa_galicia_ixp_pataca

Zonas xeográficas da IXP Pataca de Galicia.

Estes límites poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador, por iniciativa propia ou por petición en tempo e forma dos produtores interesados, despois das oportunas comprobacións. No caso de que tal modificación se produza, non poderá superar en máis do 25% os límites establecidos

O Consello Regulador poderá recomendar prácticas de fertilización e os tipos de fertilizantes que se utilicen, de xeito que se respecte o uso dos fertilizantes orgánicos como fertilización de fondo e que a relación C/N sexa equilibrada. Tamén poderá establecer recomendacións sobre tratamentos fitosanitarios.

“Nesta campaña esperamos solicitar á Bruxelas a inclusión das variedades Agria e Fina de Carballo na IXP”

¿Tense previsto ampliar a IXP a outras variedades de pataca, a parte da Kennebec?
Lévase traballando dous anos nun estudio técnico para poder introducir as variedades Agria e a Fina de Carballo (variedade autóctona), esperando que nesta campaña se poidan rematar os traballos e solicitar a Bruxelas a súa inclusión dentro da I.X.P

¿En que medida afectará a inclusión das variedades Agria e Fina de Carballo?
A variedade Agria é moi cultivada na Limia, e podería supor duplicar e incluso triplicar as cantidades actuais, a curto prazo. A Fina de Carballo, é moi apreciada na zona de Bergantiños e na Coruña, se ben as cantidades producidas neste momento son pequenas, pero ao estar incluída dentro da IXP debería aumentar o seu cultivo.

¿Cales son os plans da IXP Pataca de Galicia para este ano?
Ademais dos traballos principais de control e certificación, e dos traballos administrativos e de promoción, pódense citar os seguintes:

Continuar coa relación do estudio técnico para poder introducir as variedades Agria e a Fina de Carballo (variedade autóctona), en “Pataca de Galicia”.

Por último, continuaremos impartindo charlas nos colexios das zonas amparadas, facilitando aos nenos o libro dos Bolechas sobre Pataca de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información