Clun reúne en Ribadeo a máis de 80 socias con motivo do Día da Muller

Publicidade
Clun reúne en Ribadeo a máis de 80 socias con motivo do Día da Muller

Participantes no acto celebrado en Ribadeo.

Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) conmemorou o Día Internacional da Muller celebrando un acto en Ribadeo baixo o lema “O éxito da diversidade no rural”. Máis de 80 socias participaron na sesión, que coincidiu coa clausura dos talleres de Comunicación Motivadora impartidos pola ‘coaching’ (adestradora) Marcela Parga nas 3 sedes de CLUN entre febreiro e marzo.

O acto celebrouse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Vilaframil, en Ribadeo. Na sesión participou, ademais, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez, o presidente de Clun, José Ángel Blanco Purriños, a vicepresidenta de Clun e coordinadora do grupo de Clun para o empoderamento feminino no rural Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez Rodríguez, e o director xeral de Clun, Rafael Prieto.

Un exemplo a seguir

Na xornada participaron como relatoras a gandeira e socia de CLUN, Joaquina Abad Villares, e Isabel García Santar, de Terras da Mariña, unha cooperativa dedicada ao cultivo de fabas de Lourenzá e fabas verdinas, dous produtos amparados pola IXP Faba de Lourenzá. Ambas compartiron as súas experiencias e valoraron o éxito da diversidade no medio rural.

Pola súa parte, a ‘coaching’ Marcela Parga, avogada e mediadora para España da International Coaching Community, pechou os Talleres de Comunicación Motivadora, nos que se abordou o feito comunicativo e as ferramentas necesarias para comunicarse con seguridade.

Parga tamén analizou a evolución ao longo dos anos de Mulleres de Seu, que agora conta con máis de 150 socias gandeiras. Parga recordou a súa experiencia de formadora das socias cooperativistas desde os inicios do grupo no 2013. “Sodes todo un exemplo a seguir de empoderamento, esforzo, constancia e ilusión. Parabéns”, indicou Marcela Parga, animando ás presentes a continuar avanzando na súa formación.

A coordinadora de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, agradeceulles a tódalas socias o seu traballo e a súa participación salientando a importancia da educación emocional no empoderamento da muller do rural. Segundo indicou, “o obxectivo é acoller iniciativas, inquedanzas e experiencias de todos os puntos da xeografía e de todas as nosas socias, para conseguir unha ampla representación que responda aos intereses de todas; e que Mulleres de Seu sexa o paraugas que cubra o camiño da corresponsabilidade real, non só na Cooperativa, senón no agro e en tódolos ámbitos de relación de CLUN”, detallou. Así mesmo, avanzou futuras liñas de traballo e colaboración, entre elas coa Consellería do Medio Rural.

Carmen Rodríguez quixo facer referencia ás mulleres que lles serven de inspiración no día a día e no traballo con Mulleres de Seu, como a atleta galega Ana Peleteiro, nova imaxe de Leite Únicla, marca de Clun. “Ana é unha muller valente, brava, galega e empoderada. É unha inspiración para o noso traballo e é un auténtico orgullo contar co seu apoio”, indicou.

A vicepresidenta de CLUN tamén quixo lembrar o impulso para seguir no camiño do traballo que significan recoñecementos como a recente concesión das Medallas Emilia Pardo Bazán ou o premio Agader da Xunta de Galicia, ademais do premio de Cooperativas Agroalimentarias de España, entre outros.

Xa por último, o presidente de Clun, José Ángel Blanco, pechou o encontro felicitando a Mulleres de Seu por todas as súas iniciativas e por ser “o eixo fundamental das actuacións da cooperativa en materia de responsabilidade social”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información