CLUN reafirma ante 700 socios a súa aposta polo mercado exterior e pola integración cooperativa

CLUN reafirma ante 700 socios a súa aposta polo mercado exterior e pola integración cooperativa

I Encontro de Clun celebrado en Santiago

CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) celebrou este mediodía o seu I Encontro en Santiago de Compostela, coa participación de máis de 700 socios. A reunión tivo como obxectivo compartir cos socios a estratexia cooperativa e empresarial e dar a coñecer as principais cifras de negocio.

A cooperativa de segundo grao CLUN naceu en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego.

O director xeral da cooperativa, José Luís Antuña, manifestou que Galicia ten condicións para consolidarse como a principal potencia láctea de España con papel relevante na Unión Europea nun contexto de competencia aberta e animou a buscar masa crítica para crear alianzas que xeren valor.   Antuña, que agradeceu aos socios, familias, consello reitor, traballadores e técnicos “o seu inmenso esforzo colectivo”, asegurou que “estamos abertos ao futuro, ao crecemento e á integración se ten sentido para a mellora de todos e cada un de vós”. “Ser máis grandes, innovadores, competitivos, rendibles e felices vivindo e traballando no campo e para o campo é a nosa meta”, apuntou.

Pola súa banda, o presidente de CLUN, José Ángel Branco, lembrou que CLUN é o proxecto dun gran equipo que suma valores e activos de tres cooperativas de referencia en Galicia, que marca o camiño do cooperativismo do século XXI e que encontros como este “contribúen a fomentar o orgullo de pertenza ao medio rural e a estimular o traballo colectivo dos nosos socios”. “Somos o maior proxecto galego de integración cooperativa e estamos a facer as cousas ben como proban os recoñecementos que xa recibimos, froito do traballo, esforzo e implicación de todos vós”, destacou.

Unha facturación conxunta de 230 millóns de euros en 2017

3.500 socios de máis de 30 municipios do centro e norte de Galicia e máis de 400 traballadores conforman na actualidade CLUN, que facturou o pasado ano 125 millóns de euros; ademais de 76 millóns de Feiraco Lácteos e os 27 millóns de Acolat-Clesa. En total, 230 millóns de euros.

A cooperativa transformou 160 millóns de litros e produciu 200.000 toneladas de alimentación animal. A súa cifra de investimentos ascendeu en 2017 a máis de 5,5 millóns de euros, tanto en maquinaria de última xeración, como en melloras no Centro de Alimentación de Vacún de Ribadeo (CAVI), novos envases, sistemas de información e novas tecnoloxías, ademais de destacados proxectos de I+D+i, como Cattlecare, Milkcoop, Tecopaga ou Gescarro

Marcas en mercados nacionais e internacionais co foco posto en África e Asia

CLUN comercializa produtos lácteos de Galicia baixo as marcas de Feiraco, leite Premium Únicla, iogures e sobremesas lácteas Clesa e os queixos Arquega.

Precisamente no capítulo de internacionalización, o sueste asiático e o norte de África consolídanse como primeiros mercados exteriores e focalizan o eixo de crecemento da cooperativa, desde que arrincou a súa actividade exportadora a través de Feiraco, nos segundo semestres de 2015 co final do réxime de cotas lácteas.

Desde CLUN consideran que “o escenario actual é favorable para a estratexia de internacionalización xa que Europa é o maior exportador de produtos lácteos no mundo e Galicia é unha do dez maiores rexións produtoras de leite do continente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información