As claves para controlar o oídio en viñedo

Publicidade
As claves para controlar o oídio en viñedo

Acio afectado polo oídio.

O oídio é unha das enfermidades fúnxicas máis comúns en viñedo e tamén, xunto ao mildiu, unha das que ocasiona máis perdas. Neste sentido, María Luz Cabodevila, da Unidade de Sanidade Vexetal da Estación de Avisos de Tarragona, pertencente á Generalitat de Catalunya, explicou recentemente en Galicia os últimos avances en tratamento e prevención do oídio.

A investigadora participou o pasado 18 de abril na xornada técnica sobre “Novas perspectivas no control do oídio e o black rot no viñedo”, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) no concello de Arnoia (Ourense).

Como punto de partida, María Luz Cabodevila subliñou que “o control do oídio non se pode basear soamente na utilización de produtos químicos, senón que se debe enfocar dentro dunha estratexia de xestión integrada de pragas, de forma que tamén se utilicen medidas preventivas de carácter agronómico, medidas de control non químico e, por suposto, debemos coñecer o patóxeno e a súa bioloxía”.

1) Un patóxeno que chegou de Estados Unidos e que presenta dúas formas

A este respecto, a técnica catalá lembrou que, como outras enfermidades fúngicas, o oídio chegou a Europa procedente de Estados Unidos, detectándose no ano 1845 en cultivos en Francia e en Gran Bretaña.

“Desde o punto de vista biolóxico o oídio pertence á clase dos ascomicetos, uns organismos que necesitan tecido vexetal vivo para sobrevivir, polo que o seu cultivo en laboratorio é difícil. En concreto, pertence ao xénero oidium, cubrindo a superficie do tecido vexetal que parasitan. Ademais, e a diferenza do mildiu, que penetra nas estruturas vexetais do tecido que parasita, o oídio é un ectoparásito; é dicir, o seu micelio cobre soamente a parte externa do tecido vexetal que parasita”, explica María Luz Cabodevila.

2) Dúas formas de invernar:

En cultivos leñosos, como a vide, o fungo do oídio hiberna de dúas formas.

-No interior das xemas na súa fase asexuada como micelio. É a forma máis habitual en España.

-Ou en fase asexuada, mediante estruturas resistentes ás baixas temperaturas. Rexístrase este tipo de hibernación en zonas de clima máis frío, como o norte de Europa ou de Estados Unidos.

OIDIO_CICLO

3) Condicións para o desenvolvemento do oídio:

CONDICIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DO OÍDIO

FENOLOGÍA DA VIÑA

FENOLOXÍA DA VIÑA

-O desenvolvemento do fungo depende da temperatura, humidade relativa e iluminación.

-O factor máis limitante é a temperatura.

-Non necesita auga líquida (choiva, orballo….etc.) para o seu xermolado.

-Comézase a desenvolver a partir dos 5 graos de temperatura.

A apertura das xemas da vide prodúcese a partir dos 10 graos. Con todo, o fungo do oídio empézase a desarrollar a partir dos 5 graos.

-Entre os 15 e os 20 ºC maior germinación de conidios.

-Entre 20 e 22 ºC maior esporulación.

-Entre 20 e 27 ºC é o rango óptimo para o desenvolvemento do oidio.

-Entre os 18 e os 22ºC prodúcese a floración no viñedo.

-Entre os 22 e 26 ºC cambio de cor de follas.

-A máis de 30 ºC inhíbese a xerminación de conidios.

-Temperaturas superiores a 40 graos son letais para o fungo.

-Humidades relativas altas, entre o 40 e o 80%, favorecen a xerminación de conidios.

-As choivas abundantes frean o seu desenvolvemento, polo que as infeccións máis severas de oídio rexístranse en climas secos.

-De 20 a 24 ºC comeza a maduración.

Cando empeza a saír da hibernación o oídio? “A partir dos 5 graos de temperatura en que o xilema da vide empeza a ter actividade e ábrense escamas da xema, o micelio vai colonizando a superficie dos gromos que van medrando”, explica María Luz Cabodevila.

Ademais, lembra que se a agromada detense por temperaturas baixas, sen embargo o micelio segue colonizando os tecidos vexetais. Son os coñecidos brotes bandeira nos que coloniza todo o gromo.

Para ter enerxía para medrar, o micelio do oídio crava uns apéndices nas células da superficie vexetal da folla. Estes “ganchos” teñen unha función alimenticia: o fungo nútrese do nitróxeno das células da vide e xera azucres para continuar crecendo e parasitando a planta.

Cando o micelio chega a unha madurez reprodutiva e o que xera é estruturas verticais, que serian os conidioforos, e na súa parte superior atópanse os conidios, que dispersan as esporas co vento, provocando as contaminacións secundarias.

“No momento en que a espora xermola, en condicións óptimas, de 20 a 22 graos, desde a primeira espora ata a xeración de novas esporas que provocan infeccións secundarias, pasan uns 5 días. Se as condicións ambientais son peores, con temperaturas 30 a 32 graos, tardaría 15 días. Por tanto, é un fungo cun crecemento moi rápido e capaz de resistir condicións adversas. A súa capacidade de infectar é máis rápida que a nosa capacidade de controlar, pois teriamos que esperar entre unha aplicación e outra. Por iso a clave son as medidas de prevención”, destaca a técnica da Unidade de Sanidade Vexetal da Estación de Avisos de Tarragona.

 “As condicións óptimas para o seu desenvolvemento son entre un 40 e un 80% de humidade e de 20 a 27 graos”

As condicións de desenvolvemento do odio cunha humidade relativa de entre 40 e 80%, sen necesidade de auga líquida como o mildiu para a súa xerminación, e unha temperatura de 20 a 27 graos. A partir de 30 graos prodúcense problemas para o seu desenvolvemento e con máis de 34 graos paralízase o seu desenvolvemento pois se inhibe a produción de esporas e a actividade do micelio. As choivas abundantes frean tamén o seu desenvolvemento pois desestruturan o micelio. Por iso, as infeccións máis severas de oídio rexístranse en climas secos.

Os primeiros ataques de oídio adóitanse rexistrar nas follas sombreadas ou no envés, pois as esporas de dispersión dos fungos son fotosensibles. En canto aos tecidos máis susceptibles as uvas sono desde o inicio de floración ata que o nivel azucres en uva chega a 8 ou 10 graos brix, pois a partir de aí as esporas do fungo non son capaces de xermolar. Porén, unha vez establecida a infección de oídio, o desenvolvemento do micelio continua ata que a uva alcanza os 15 brix. En sarmentos o ataque de oídio pódese producir ata o inicio de lignificación.

Os danos directos máis visibles que provoca o oídio no viñedo son unha redución da produción. Así, causa unha perda da capacidade fotosintética da planta, dificultades de respiración, pois os estomas da vide están colonizados polas esporas; callado pobre, freo do crecemento da pel das uvas con problemas posteriores de podremia..etc. Ademais, outros danos indirectos son mal agostamento do sarmento, ou acios con danos por botrite ou aspergillus..etc.

4) Medidas de prevención do oídio:

A) Medidas preventivas de carácter agronómico:

-Sistemas de condución da viña en emparrado ou espaldeira, no canto de en vaso, para lograr unha maior aireación, que a luz do sol chega a todos os acios. Labores que permitan evitar as zonas de sombra no cultivo: esfollado, desnetado, despampanado, poda en verde…

-Abonado nitroxenado equilibrado. “Resulta moi importante pois cando hai un exceso de nitróxeno no solo a vide necesita absorber máis auga, o que xera estruturas celulares máis febles, brotes máis tenros, que facilitan ao fungo a capacidade de colonización, que se fose un tecido máis lignificado”, asegura María Luz Cabodevila

-Control da rega: ao aumentar a humidade relativa da parcla créase un microclima perfecto para que o fungo prospere. A rega tamén dá lugar a máis masa foliar e a zonas sombreadas. Ademais, se temos moita masa foliar o produto fitosanitario queda máis nas follas e non chega á uva.

-Controlar plantas espontáneas susceptibles ao oídio, como a correola.

B) Medidas de control biolóxico:

“No odio da viña o control biolóxico é a estratexia máis feble”, subliña a técnica catalá. As recomendacións neste sentido son:

-Eliminar as partes afectadas para reducir a presenza de inóculo.

-Utilizar trampas de esporas, índices de risco..etc. para previr a súa presenza.

“En mildiu funcionan moi ben pero en odio é complicado porque se necesitan zonas homoxéneas”, precisa.

-En control biolóxico o único produto autorizado é o microorganismo CAPA AQ10 do Ampelomyces. A este respecto, María Luz Cabodevila explica que “hai moi poucos funxicidas que sexan tan cáusticos que consigan controlar as formas hibernantes do fungo. Sen embargo, o Ampelomyces si pode colonizar todos os ciclos do odio. Entra dentro da hifa do micelio do fungo do odio e xera antibóticos que desestructuran o micelio desde dentro. Pero para iso necesita humidades relativas superiores ao 85% e en viñedo son difíciles de obter”.

“Este microorganismo ten moi bos resultados porque parasita todo tipo de oídios, non só en viña, e tamén dá bos resultados en invernadoiro grazas a que se poden regular as condicións climáticas”, engade.

C) Medidas de control químico racional:

Debe ser o último recurso na loita contra o oídio e só se poden empregar produtos autorizados polo Ministerio de Agricultura.

Este é a listaxe de produtos autorizados contra o oídio en viñedo. 

A este respecto, a técnica da Unidade de Sanidade Vexetal da Estación de Avisos de Tarragona advirte de que “o problema é que desde a directiva usos sustentables revisáronse as materias activas e as máis tóxicas foron caendo, co que cada vez temos menos produtos que o mataban todo, aínda que é certo que cada Comunidade Autónoma pode realizar autorizacións excepcionais para zonas ou épocas concretas”.

Pódense empregar tres tipos de funxicidas contra o oídio:

-Sistémicos: Penetran no tecido vexetal da vide, con movemento desde a raíz ata as ramas, a través do xilema.

-Penetrantes: Entran no material vexetal foliar e de acios e expándense como unha mancha de aceite por esa zona, pero non protexen as novas brotacións.

-De contacto: Só protexen o que tocan.

“Os sistémicos e penetrantes resisten o lavado pola choiva, de forma que despois dunha hora de aplicalos xa estaría protexida a nosa viña aínda que chovese. Os de contacto, con choivas a partir de determinadas pluviometría, son lavados e habería que repetir o tratamento”, explica.

Un aspecto clave é alternar as materias activas para reducir a probabilidade de que se xeren fungos de mildiu resistentes.

D) Xofre:

É o produto químico tradicionalmente usado contra o oídio e que se segue usando polo seu baixo custo e polo seu efecto preventivo e curativo moi importante. Emprégase desde hai máis de 2.000 anos e desde 1885 xeneralizouse o seu uso en viña.

A este respecto, María Luz Cabodevila lembra que “o xofre é un produto de contacto, polo que é moi importante o tamaño das partículas, de forma que cando máis pequenas mellor cobertura lógrase na zona a protexer ou a erradicar de odio”.

O xofre ten un efecto tanto por contacto como tamén efecto vapor, con máis de 18 graos de temperatura ambiente, penetrando dentro do tecido vexetal, e xerando un efecto que se mantén durante 8 horas e cun punto álxido na terceira hora.

Recomendacións:

-A partir de 30 graos non utilizar xofre, pois provocaría fitotoxicidade.

-É importante non aplicalo con folla mollada de orballo, pois o xofre quedaría aglomerado en bóla e non se dispersaría.

-Unha boa luminosidade aumenta o efecto vapor, mentres que o vento reduce a súa eficacia.

-Recoméndase tratar con xofre de madrugada ou á tardiña.

-O xofre en po é máis tóxico para o aplicador que o mollable.

-Aplicacións de xofres espolvoreados a doses moi altas provocan problemas de araña amarela.

-Os xofres mollables pódense mesturar con outros produtos fitosanitarios, pero é necesario asesorarse para evitar incompatibilidades.

-En viticultura ecolóxica recoméndase un primeiro tratamento con xofre mollable e os outros tres con espolvoreo. En floración non se recomenda mollable porque pode favorecer a caída de flor.

-En convencional recoméndase realizar dous primeiros tratamentos con funxicida orgánico, porque aínda non chegamos a 18 graos de temperatura en campo para conseguir o efecto vapor.

E) Momentos para o tratamento:

As estratexias de tratamento débense planificar a principios de campaña, non improvisar. En condicións normais e variedades non especialmente sensibles os momentos de tratamento serían catro:

-Inicio de brotación, con entre 10 e 15 centímetros de lonxitude dos brotes.

-Inicio de floración.

-Con uva tamaño gran con tamaño guisante.

-De forma optativa, no inicio de envero. A partir de aí uva ten máis de 8 graos brix e non sería necesario tratar, pois é resistente o oídio.

Ademais, recoméndase tratar fila por fila, pois de saltar unha fila aumentariamos o inóculo de oídio na parcela.

F) Manexo para evitar resistencias:

-Alternar diversos tipos de funxicidas.

-Ler a etiqueta do produto.

-Respectar o número de aplicacións máximo. Se aplicamos de máis podemos xerar resistencias.

-Non reducir as doses, aplicar as recomendadas. “Unha das causas máis comúns de aparición de resistencias é utilizar produtos a doses máis baixas do que aconsella o fabricante”, advirte.

-Asegurar boa aplicación e mollado.

-Maquinaria en bo estado.

Una idea sobre “As claves para controlar o oídio en viñedo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información