Claves para afrontar con éxito o secado en vacún de leite

Manter as rutinas da vaca, reducir o nivel de produción o máximo posible, asegurar a hixiene ou evitar o estrés son algunhas das recomendacións da experta Susana Astiz Blanco para conseguir que o secado sexa menos traumático para as vacas

Claves para afrontar con éxito o secado en vacún de leite

O secado en vacún de leite en produción é un proceso habitual, pero que adoita supor certa incomodidade para as vacas e que pode desencadear tamén en problemas para a gandería, xa que se incrementa o risco de mastites. Por iso, é fundamental realizar un secado con garantías para proporcionar un mellor benestar ó animal e reducir riscos.

“É importante tratar de entender o secado dende o punto de vista da vaca”

“É importante tratar de entender o secado dende o punto de vista da vaca, posto que iso daranos as claves para facérllelo máis levadeiro”, indica Susana Astiz Blanco, científica titular no Departamento de Reprodución Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) en Madrid e presidenta do Colexio Europeo de Medicina Bovina (ECBHM).

A parte da incomodidade que poida supor o propio proceso para o animal, un dos motivos polos que o secado resulta molesto para as vacas é porque adoita romper a rutina, a previsión e a tranquilidade que teñen as vacas no seu día a día na gandería. As estratexias de secado acostuman provocar cambios nos hábitos da vaca que moitas veces causan frustración ou fame. “As vacas son animais ós que as alteracións nas súas previsións lles inducen estrés”, explica a experta.

A importancia do secado

Pese a que supoña cambios para a vaca, a especialista reivindica a importancia que ten o secado na granxa e para o animal. Un dos principais motivos polo que é vital levar a cabo esta práctica é porque axuda a preparar o animal para o próximo parto. “O secado é necesario para a rexeneración do ubre para a seguinte lactación e a para a produción de calostro”, apunta Astiz.

O secado deixa tamén outros beneficios para o animal e que repercuten no seu benestar ademais de ser unha medida preventiva e que aforra custos á gandería, ó contar con animais máis sans. Un deses beneficios é o crecemento do pezuño, que segundo apuntan distintas investigacións, adoita medrar entre 4-5 milímetros por mes durante o secado, chegando a contar cun casco de 10-12 milímetros. “En 60 días, o novo pezuño montouse”, concreta a especialista.

Os secado propicia a recuperación do ubre, a produción de calostro á par de mellorar os pezuños e o rume da vaca

Outra das vantaxes que proporciona o secado son as melloras que causa na fisioloxía rumial da vaca, ó cesar o estrés produtivo e os requerimentos enerxéticos tan elevados.

Cambios asociados ó secado

Ó mesmo tempo que o secado é unha práctica necesaria provoca cambios na rutina da vaca, que lle causan certa incomodidade. As propias pautas do secado, coa restrición do muxido, motiva unha gran acumulación de leite no ubre, que ocasiona malestar no animal, e se esta é moi grave, mesmo dor. “O incremento da produción nos últimos anos fixo que este factor sexa un dos máis estresantes no secado das nosas vacas. Na actualidade, o secado realízase cando aínda se produce moito leite”, explica Astiz.

Así, se botamos a vista atrás, comprobamos que, a medidos dos anos 70, o secado facíase cando a vaca se situaba nunha produción media de arredor de 10 quilos por día, cando se atopaba nos 300 días en muxido. Hoxe en día, se o secado se fai nese mesmo punto da fase de produción, as vacas adoitan atoparse pouco por debaixo dos 30 quilos de leite ó día, logo de acadar unha produción media no pico, próxima ós 45 quilos por día, segundo os datos manexados pola experta e que fan referencia ó ano 2012. Para situarnos en valores inferiores ós 10 quilos de leite ó día habería que agardar ós 700 días en produción.

Evolucion-de-la-produccion-de-leche-

Evolución da produción nas granxas de leite.

A acumulación dunha importante cantidade de leite no ubre provoca que a vaca queira ir muxirse constantemente. En ganderías con robot de muxido tense observado que as vacas permanecen á porta do robot ata 3 horas, unha vez que se comezou coas pautas de secado e se deixou de muxilas.

Síntomas da incomodidade das vacas co secado

Nesta fase, hai varios indicadores da dor no animal resultante da acumulación de leito no ubre, que é preciso ter en conta polo gandeiro para poder aliviar á vaca é, o mesmo tempo, atallar o seu malestar antes de que se produzan danos maiores no seu benestar. O inchazón do ubre é un dos primeiros indicadores de que o animal ten dor. Tamén os cambios de conduta de repouso ou o feito de se lamba os flancos. A redución de inxesta de materia seca, dos desprazamentos ou da interacción con outros animais son síntomas de que o animal está a ter dor.

É preciso saber identificar o grao de molestia que o secado lle está a producir á vaca para así valorar as medidas a tomar. Avaliar a reacción que se produce á palpación pode ser fundamental para determinar se o secado non lle está a producir reacción ou se, pola contra, está a ter unha resposta severa.

Reaccion-palpacion-ubre-vacas--secado-

Reacción á palpación do ubre durante o secado.

No proceso de secado, é habitual que tamén se modifique a alimentación e mesmo o acceso á auga das vacas, o que provoca cambios que se suman á incomodidade que o animal sente polo procedemento. A calidade da dieta inflúe directamente no promedio de vocalizacións emitidas polas vacas. Así, as vacas alimentadas a base de palla emiten arredor dun 60% máis vocalizacións que as alimentadas con silo de herba.

“As vacas sofren estrés social cando se reagrupan e cando se lle cambian as rutinas”

Ademais, é habitual que estas vacas pasen a un novo lote, o das vacas secas, onde se atopa con outros animais diferentes ós que habitualmente se relacionan. “As vacas sofren estrés social cando se reagrupan e cando se lle cambian as rutinas”, explica a experta.

O feito de variar o seu día a día, ó eliminar o muxido e variar a dieta ou o espazo e a compañía, supón estrés para o animal. “As vacas son animais sociais e xerárquicas, coñecen ós seus conxéneres, polo que ese cambio de ubicación tamén lles afecta”, concreta.

O secado é un dos momentos de maior risco para as infeccións intramamarias ó producirse a conxestión do ubre. Así, se o secado se realiza cunha alta produción de leite, ademais dos inconvenientes xa descritos, pode ocasionar que o animal teña dor, se produzan atrasos na baixada no tapón de queratina ou comece a pingar o leite, que habitualmente deriva nunha infección intramamaria.

Tasa-de-infeccion-intramamaria-secado-

Tasa de infección intramamaria no proceso de secado e durante a lactación.

Por otro lado, “hai que ter en conta ademais, que o secado prodúcese cando a vaca está xa próxima ó parto co que iso supón para o animal”, recorda a especialista. É un animal en estado de xestación moi avanzado, polo que, por exemplo a sua sensibilidade ó estrés por calor é especialmente acusado.

Claves para lograr un bo secado

“O máis importante á hora de afrontar o secado é ter moi presente as accións que incomodan á vaca, porque pode sufrir moito”, indica Astiz. A experta apunta algunhas claves a ter en conta á hora de realizar o secado, que poden mellorar o benestar do animal neste procedemento:

1. Facer un manexo tranquilo, rutinario e delicado.

2. Minimizar os cambios e coidar o efecto que estes teñen nas vacas. “É moi necesario tentar enseguida que a vaca teña novas rutinas e que se adapte a elas con facilidade para reducir o estres que estas modificacións lle provocan”, indica a experta.

3. É preciso reducir o nivel produtivo do ubre antes de comezar co secado, polo que é recomendable empregar estratexias que axuden a esta diminución. Para conseguir que descenda a produción de leite débense evitar prácticas como a redución drástica de alimento ou de auga.

4. Resulta positivo para o animal levar a cabo reagrupamentos, se é posible en subgrupos con aquelas vacas que xa conviva habitualmente para que noten o cambio o menos posible.

5. Ás veces aprovéitase o secado para levar a cabo outros controis para o animal. Porén, a experta recomenda evitar engadir máis prácticas estresantes ó momento do secado.

6. A hixiene debe ser aínda máis estrita nos patios de secado, posto que é un dos momentos de maior risco para infeccións mamarias coma a mastite.

7. Cómpre coidar a hixiene no derradeiro muxido antes de comezar co secado e aplicar seladores.

8. Ó igual que a experta desaconsella restrinxir o acceso á auga tamén é fundamental controlar o estrés por calor, xa que estas variacións poden ter consecuencias tanto para a vaca como para a cría nos meses posteriores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información