Claves para acadar un crecemento acelerado nas xovencas

Fernando Soberón, que participou na Xornada Técnica de Produción de Leite organizada por Africor Lugo, ofreceu unha serie de consellos sobre como adiantar con garantías o momento do primeiro parto das xatas de recría

Claves para acadar un crecemento acelerado nas xovencas

Fernando Soberón.

Está considerado un dos máximos expertos en recría a nivel internacional e sempre que vén a Galicia é seguido con moita atención. Son numerosos xa os gandeiros que están a poñer en práctica nas súas explotacións os consellos de Fernando Soberón para acelerar o medre das novillas, de xeito que comecen antes a dar leite e logren producións vitalicias maiores.

Co auditorio da falcultade de Veterinaria de Lugo ateigado de asistentes á Xornada Técnica sobre Produción de Leite, centrada na recría na súa decimoprimeira edición, este doutor en Ciencia Animal pola Universidade de Cornell (EEUU) comezou falando da importancia da epixenética e de como os distintos condicionantes da explotación, como por exemplo os aspectos ambientais, as instalacións, o manexo ou a nutrición poden afectar á carga xenética do animal tanto en sentido negativo como positivo, facendo que esa xata aproveite ou non toda a súa capacidade reprodutiva e desenvolva todo o potencial contido no seu ADN para producir leite.

“O costro cambia o metabolismo da xata e fai que sexa máis receptiva aos nutrientes, polo que medra máis”

Logo centrouse nas etapas críticas de desenvolvemento, durante os primeiros meses de vida das becerras, cando eses factores máis condicionan a vida futura do animal como vaca produtora de leite, polo que poñer o foco nestas primeiras etapas favorece tanto o éxito da recría como a propia rendibilidade futura da vaca produtora na explotación.

E detallou finalmente os seguintes pasos a dar para conseguir que esa xata nacida na explotación medre o máis rápido posible para que se incorpore canto antes a producir leite, reducindo deste xeito o tempo e o custo de recría. Defendeu que este “crecemento acelerado” multiplica ademais a capacidade produtiva da becerra na súa etapa de vaca adulta.

O primeiro: marcarse obxectivos
“É necesario marcarse metas e obxectivos no crecemento das xatas e cada cousa que facemos ten que ser un paso de cara ao obxectivo final, senón é probable que cheguemos a un destino non desexado”. Esa foi a primeira recomendación que Soberón lle deu aos gandeiros para encarar con éxito o proceso de recría porque “o primeiro que temos que saber é cal é a meta final e cada un dos pasos intermedios para poder medir se estamos cumprindo eses obxectivos”, dixo.

Por iso engadiu que non é suficiente con “obxectivos xenéricos” do estilo “que non morran as xatas, que luzan máis que as do veciño ou que custe o menos posible crialas”, senón que recomendou poñer números medibles a eses obxectivos en cada unha das etapas de crecemento da xata: postparto, destete, momento da inseminación e momento do parto.

“Calquera vaca que se vai da explotación antes de rematar a segunda lactación non acabou de pagar os custos de criala”

Dixo ademais que “teñen que ser metas adaptadas á situación de cada explotación”, polo que pediu “que cada gandeiro poña os seus propios obxectivos, realistas e cumpribles e cando logre eses suba un chanzo máis o nivel de esixencia con novos obxectivos para que a mellora sexa constante”.

Malia que insistiu en que non serve o mesmo obxectivo para todos, indicou que o reto para o gandeiro debería ser lograr unha novilla cunha boa condición corporal, de máis de 600 quilos de peso e 1,5 metros de altura, que estea parida e, polo tanto, producindo leite e comezando a amortizar o investimento empregado na súa crianza, antes dos dous anos de vida. “A maior parte dos gandeiros mide aínda o éxito da súa recría en que non lle enfermen as becerras, pero ese non pode ser o obxectivo final, a meta ten que ser que sexan boas vacas en produción”, concluíu.

“Todo comeza co costro”
Fernando Soberón centrouse no poder do costro como favorecedor do crecemento nas becerras. “Todo comeza co costro, pero non hai que usar o costro para que non morran as xatas, senón porque é o primeiro paso de todo o seu proceso de recría. O costro cambia o metabolismo do animal e fai que sexa máis receptivo aos nutrientes, polo que a xata medra máis”, asegurou.

É “un cambio de enfoque”, dixo, que hai que facer con respecto a pensar que a súa única función é a transmisión de inmunidade da nai á filla. “No costro hai 100 veces máis insulina e 155 veces máis hormona do crecemento (IGF) que no leite, así que o costro querémolo para produción, crecemento e reprodución, tamén axuda en enfermidade, pero non o queremos por iso, non o queremos simplemente por saúde”, remarcou.

“Canto maior é o crecemento da becerra antes do destete, maior será a súa produción de leite no seu primeiro parto”

Esta maior “eficiencia alimenticia” das becerras que toman costro fai que coa mesma inxesta de leite ca unha xata que non tomou costro logren até 6 quilos máis de peso ao destete, unha progresión que se nota tamén aos 80 días e que se arrastra durante toda a etapa de crecemento do animal até a súa idade adulta.

Insistiu nas recomendacións habituais á hora de subministrar o costro á xata recén nacida: “o máis posible, da maior calidade posible e o antes posible”. “É importante meter o costro antes de que se peche o intestino para aumentar a súa eficacia”, dixo, polo que recomendou catro litros nas dúas primeiras horas de vida. “A diferenza de que a becerra tome 2 ou 4 litros nas primeiras horas son 1.000 litros de leite máis de produción en 2 partos”, asegurou.

En canto á cantidade de costro inxerido afirmou tamén que “non inflúe tanto na saúde do animal como no crecemento e a lonxevidade da vaca”. “Para iso tamén serve o costro”, sentenciou, antes de asegurarlle a todos os gandeiros presentes que “calquera vaca que se vai das súas explotacións antes de rematar a segunda lactación non acabou de pagar os custos de criala e deulles perdas”.

Finalmente, remarcou a importancia da inxesta de nutrientes nestas primeiras horas de vida, asegurando que “se non cumprimos esta primeira etapa do costro todo o demais non funciona”. “Conseguir unha boa inxesta do costro é o primeiro obxectivo que temos que cumprir para mellorar a recría, pero unha vez logrado isto podemos enfocar o resto dos pasos”, continuou.

Máis leite nos 30 días despois do nacemento
No primeiro mes e medio de vida da xata é cando se produce a súa formación esquelética, algo que terá vital importancia na súa condición corporal e lonxevidade. Fernando Soberón afirmou que canto maior é o crecemento da becerra antes do destete, maior será a súa produción de leite na primeira lactación porque “ao aumentar o crecemento nos primeiros 30 días estamos mellorando o desenvolvemento do seu intestino e estamos aumentando polo tanto, do mesmo xeito que co costro, a súa capacidade de absorción de alimentos”, asegurou.

“As xatas que enferman e hai que tratar producen 500 quilos menos na primeira lactación”

Por iso, mostrouse partidario de aumentar as doses diarias de leite nas becerras, algo que está a facilitar a introdución de amamantadoras automáticas nas explotacións. “Nas xatas alimentadas deste xeito podemos subir a cantidade diaria de leite até os 12 litros, mentres que en caso de que mamen só 2 veces ao día o límite estaría en 9 litros, cun máximo de 4,5 litros por toma”, comparou. Desaconsellou asimesmo alimentar a recría co leite de descarte, pola súa menor calidade, e en caso de empregar leite en pó ou substituto, aconsellou os feitos con derivados lácteos polo seu maior contido en proteína.

Tamén quixo desligar maior inxesta con máis risco de enfermidade. “Diarrea non significa enfermidade, hai que empezar a separar eses dous conceptos”, remarcou. Neste sentido, argumentou que “se as xatas están mamando e, polo tanto, teñen unha dieta líquida a base de leite, é normal que as súas deposicións sexan líquidas” pero aclarou que “se non ten febre, non está decaída e non rexeita o alimento, non está enferma aínda que teña diarrea, pasa o mesmo que cos bebés humanos lactantes”, comparou, do mesmo xeito que “unha xata ceiva no prado coa nai mamando a demanda está branda pero non enferma”, dixo.

Vixiar a calidade do aire para evitar as infeccións subclínicas
Soberón puxo o énfase na necesidade de evitar enfermidades e infeccións respiratorias das becerras durante a recría, xa que explicou que diversos estudos realizados constataron que as xatas que enferman e hai que tratar producen 500 quilos de leite menos na primeira lactación, tanto porque deixan de medrar mentres están enfermas e, polo tanto, acadan un menor desenvolvemento ao parto, como tamén polas lesións crónicas que quedan nos pulmóns e que afectan á lonxevidade da vaca.

Gran asistencia de público ás xornadas.

Gran asistencia de público ás xornadas.

Neste sentido, advertiu que “a calidade do aire é moi importante para reducir as infeccións subclínicas” e dixo que “é necesario avaliar esa calidade do aire a 40-50 centímetros do chan, que é onde respira a becerra, e non á altura á que respira o gandeiro”.

Volveu insistir en separar os conceptos costro e saúde porque “o costro axuda á saúde, pero a saúde é independente do costro porque é necesario vixiar a saúde durante toda a vida do animal, non só nas primeiras horas, por iso hai que desligar estas dúas fases”, argumentou. “O costro é para o crecemento. Para a saúde, limpeza e desinfección”, dixo.

Comezar o destete aos 2 meses
Este experto fixou o momento de iniciar o destete nos 60 días de vida da xata, aínda que recomendou manter o leite entre dúas e catro semanas máis mentras a becerra non desenvolve por completo o rume. Do mesmo xeito, afirmou que “nutricionalmente non necesitamos poñerlle forraxe ás xatas lactantes, pero se non lles poñemos algo elas buscarán que levar á boca, como animais rumiantes que son, e acabarán comendo a cama”, así que mostrouse partidario de facilitarlles algún tipo de forraxe. “É máis para entretelas que como alimento, así que a calidade non importa, é máis, é incluso mellor que sexa de baixa calidade para que non interfira co penso, que é o que está desenvolvendo o rume”, defendeu.

Outro factor determinante nesta etapa de crecemento é a dispoñibilidade de auga. “Ten que estar limpa e dispoñible para que a xata poida estimular o consumo de materia seca porque auga e materia seca están intimamente relacionados”, dixo.

Desenvolvemento corporal
Partidario do crecemento acelerado nas novillas, Fernando Soberón aclarou que consiste “en que as xatas medren máis rápido, non estamos falando de engordalas, porque os efectos da gordura nas novillas é o mesmo que nas vacas adultas”. Por iso, considerou un desenvolvemento corporal axeitado “que as xatas medren proporcionadas, cun crecemento a través de músculo e non de graxa”.

“O custo final de recría dunha novilla está intimamente ligado ao momento da súa inseminación”

Do mesmo xeito, indicou que tralo destete é preciso manter na dieta un mínimo de proteína porque, do contrario, “o efecto do crecemento pérdese” e asegurou que isto ten beneficios tamén a nivel de produción, xa que “ao garantir a capacidade de xerar proteína durante a etapa de crecemento estamos estimulando o mesmo mecanismo biolóxico que máis tarde produce o leite no ubre”.

Por iso dixo que neste momento o concentrado xoga un papel moi importante como principal aporte de proteína e recomendouno granulado, pola maior facilidade para a inxesta, e cun contido mínimo de proteína por enriba do 20%.

Escoller o momento axeitado para a inseminación
Tamén considerou fundamental para concluir con éxito unha boa recría “inseminar as xatas no momento correcto”. “Temos que inseminar cando a novilla alcance o 55% do seu peso adulto para que no momento de parir estea ao 82% do seu peso maduro”, recomendou. “Se retrasamos a inseminación, a xata engorda porque a medida que avanza na súa idade deixa de xerar proteína, que produce mentres está medrando, e comeza a xerar graxa”, explicou.

Argumentou asimesmo que “o custo final de recría dunha becerra está intimamente ligado á data do seu primeiro parto, polo que canto antes paira menos leite terá que producir para pagarse a si mesma”, sentenciou.

“O 70% das ganderías non teñen sitio axeitado para as tenreiras”

Carlos Carbonell, nas xornadas de Africor.

Carlos Carbonell, nas xornadas de Africor.

Xunto a Fernando Soberón, tamén interviu na decimoprimeira Xornada Técnica de Produción de Leite para falar de recría Carlos Carbonell, técnico de campo de MSD Animal Health, que puxo o foco na necesidade de contar cunhas instalacións axeitadas para as becerras e as novillas.

“Dúas de cada tres ganderías non teñen un sitio axeitado para a recría e está demostrado que contar cun espazo inferior a 3 metros cadrados por tenreira incrementa moitísimo o risco de que enfermen, ao dificultar a detección e aumentar o risco de contaxio”, asegurou, polo que dixo que “hai que ter previsión e ampliar as instalacións antes de que teñamos xa o problema”.

“Se temos previsto incrementar o número de cabezas da nosa explotación e medrar a base de recriar debemos telo en conta antes de empezar o proceso e axeitar o espazo previamente ou atoparémonos inevitablemente cun amoreamento que pode botar por terra todo ese esforzo de crecemento”, engadiu.

Aconsellou tamén coidados especiais nas primeiras horas, como ter as xatas recén nacidas abrigadas e asegurarse de que toman o máximo costro posible. Outro momento que require especial atención é o destete, xa que “é un momento crítico no que todas as tenreiras o pasan mal”.

En canto ao uso de vacinas, insistiu en que “hai que vacinar animais sans, ben alimentados e fortes, porque vacinar animais débiles non funciona porque non se lle saca todo o rendemento ás vacinas”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información