Claves de manexo do viñedo para enfrontar o cambio climático

A Fundación Global Nature recolle distintas estratexias de adaptación para mitigar os efectos das variacións climáticas no viñedo en aspectos como o manexo do solo, a auga ou a xestión da planta

Publicidade
Claves de manexo do viñedo para enfrontar o cambio climático

Participantes nas xornadas sobre cambio climático e vitivinicultura celebradas en Monforte.

“O cambio climático chegou para quedar, pero o modo en que vos preparedes como viticultores fronte a estes cambios será fundamental para conseguir viñedos resilientes, que se adapten e resistan”. Esta é unha das conclusións de Jordi Domingo, un dos relatores que participaron nunha xornada técnica organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) en Monforte. A mensaxe sobre a necesidade de encarar o cambio climático foi o nexo común dos distintos relatores que, ao longo da sesión, abordaron plans de adaptación na vitivinicultura.

As vagas de calor, as choivas intensas, as xeadas tardías ou a escaseza de auga en momentos claves para o desenvolvemento da uva son algunhas das adversidades que o viñedo deberá afrontar derivadas do cambio climático. “Non existen receitas escritas, hai que analizar e entender os cambios e o viñedo”, indica Jordi Domingo, técnico da Fundación Global Nature, unha entidade sen ánimo de lucro que leva 25 anos traballando na conservación de hábitats e o desenvolvemento sustentable.

“Producirase un desaxuste entre a maduración tecnolóxica (azucres) e a fenólica (aromas)”, (Jordi Domingo, Fundación Global Nature)

Estas variacións climáticas traerán, ademais, cambios na calidade e as características dos viños. “Producirase un desaxuste entre a maduración tecnolóxica (azucres da uva) e a fenólica (perfil aromático), que arrastra cambios nas variedades, a cor, a acidez dos viños… o que nos dará viños diferentes” comenta Jordi Domingo.

O cambio climático abre tamén a posibilidade a novas enfermidades e pragas do viñedo asociadas. “Hai quen pode crer que co quecemento global e a escaseza de choivas acabaranse os seus problemas co mildiu, pero ábrese a posibilidade de que poidan ter outras afeccións como o mosquito verde”, indica o experto.

Sete áreas que ter en conta fronte ao cambio climático

Ante esta situación cambiante, Jordi Domingo expón unha serie de estratexias para afrontar o cambio climático no viñedo en diferentes áreas que son claves na vitivinicultura.

“Hai viticultores que pensan que evitarán problemas coma o mildio no futuro, pero aparecerán outros, como o mosquito verde”

1 – Manexo do solo

Un dos elementos que máis está a sufrir os efectos do cambio climático é o propio chan, ao que se suman prácticas que foron degradándoo, por iso Domingo incide en que é fundamental incrementar a materia orgánica dos chans e reducir a erosión.

Unha das maneiras de conseguilo é coas cubertas invernais. “Non hai ningunha boa razón para que, en España, en cultivos leñosos, como o viñedo, non haxa unha boa cuberta vexetal desde outubro ata abril”, reivindica Domingo. Entre as vantaxes que ofrecen estas cubertas, o técnico especifica que medran sen maior esforzo por parte do viticultor mentres o cultivo non está a producir, senón que está en repouso, polo que tampouco afectará ó seu desenvolvemento.

Á hora de falar de cubertas, Domingo trae exemplos de viñedos do Douro, en Portugal, con cubertas vexetais permanentes. Tamén en Alemaña optan por cubertas, neste caso con brasicáceas, como a colza, que ademais de xerar un importante aporte de materia orgánica, axudan na desinfección do chan.

A competencia coa vide pola auga é un dos argumentos que esgrimen os viticultores para rexeitar estas opcións, e neste sentido Domingo apela a que poden implantarse cubertas laterais, que ademais poden ser utilizadas para o control de pragas, como o mosquito verde, e que precisan un aporte mínimo de auga. Así o fan, por exemplo, en viñedos de Alacante, onde anualmente as precipitacións non superan os 250 litros por metro cadrado.

Outra das maneiras para coidar a materia orgánica é incorporar restos de poda ou de vinificación. Ante as desconfianzas de incluír poda, para evitar contaxios de enfermidades, o técnico recomenda compostar esta biomasa antes de achegala ao terreo. Ademais, os estercos tamén son fundamentais, aínda que máis difíciles de conseguir, para incrementar e mellorar a cantidade de materia orgánica.

Domingo incide en que “hai que concienciarse de que se non se aporta, iremos cada vez perdendo máis materia orgánica, o que provocará que o chan perda capacidade de retención da auga, así como de regular a incidencia do sol, de maneira que teremos chans inertes”, concreta o técnico.

2- Xestión da planta

“Debemos apostar por unha viticultura equilibrada para afrontar o cambio climático. A carreira pola produtividade que se instalou en moitos lugares de España non leva máis que ao esgotamento da terra”, comenta Jordi Domingo. Así, unha das claves é controlar a produción das plantas e o seu manexo, para o que o técnico recomenda:

Poda en verde. Con estas actuacións na vide, pódese equilibrar a superficie foliar e realizar aclareos en acios. “Aos viticultores cústalles tirar acios, pero ás veces é necesario. Temos visto que hai plantas que chegan á vendima sen follas, iso evidencia que esas cepas están esgotadas, por iso hai que atallalo antes”, concreta o experto.

Tamén son necesarias estas prácticas cando se produce unha brotación moi abundante durante a primavera. “Se non acoutamos este crecemento teremos acios que non nos interesan para vinificar e a vide sufrirá máis ante ondas de calor”, indica Domingo.

Poda tardía para pospor madurez. Así, canto máis tarde se poda a viña máis se atrasa o período crítico do acio a épocas que non sexan problemáticas.

Branqueado de viñas. Utilízase o caolín, do mesmo xeito que se usa en froiteiras, e co que se consegue reducir a temperatura. É unha práctica moi estendida polo Levante. Este tratamento permite reducir a temperatura ata 4 graos no acio. Ademais, esta aplicación funciona a modo de insecticida ecolóxico e utilízase como repelente para o mosquito verde.

Posicionamento das viñas en espaldeira para o sombreo. O técnico incide na importancia de controlar a produción de maneira que se realicen esfolles ou aclarados de acios. “Non só se trata de eliminar acios senón de seleccionar os que se deixan. Trátase de optimizar e quitar carga produtiva”, detalla.

– No manexo do viñedo, pódense aplicar distintas prácticas para evitar os efectos das xeadas. Así son coñecidos os lumes antixeadas, así como a plantación de sebes para evitar ventos que afecten ó viñedo.

3- Manexo da auga

A xestión da auga no viñedo é un dos retos que afrontará o sector. “A rega non nos vai a salvar do cambio climático senón que haberá que esforzarse por entender a rega e reter a auga”, apunta o técnico. Neste sentido, o manexo da auga está directamente relacionado co do chan, que axudará a conservar a auga. A clave está en manter a auga tanto no chan como na planta.

É fundamental controlar o estrés hídrico da uva, que pode afectar á produción. Aínda que este non sempre ten que ser algo negativo para o viñedo, xa que promovelo entre envero e colleita pode chegar a mellorar a calidade da uva. O experto avoga por contar con datos para a toma de decisións para a xestión da auga, así como a utilización de sistemas que optimicen o seu aproveitamento como a recollida de pluviais.

4-Selección varietal

A gran riqueza de variedades de vides ofrece un maior abanico de recursos fronte ao cambio climático. Neste panorama, as variedades locais son unha alternativa moi valorada, xa que se adaptan ao clima. Unha das medidas á hora de afrontar o cambio climático pasa por contar con variedades xeneticamente adaptadas, para o que a investigación é primordial.

5- Elaboración

O cambio climático non só pode mitigarse no viñedo, senón que os seus efectos tamén poden paliarse na elaboración dos viños. Técnicas como o coupage poden ser unha opción para corrixir aspectos xerados polas variacións climáticas.

Outra opción é recorrer á utilización de uva doutras zonas ou mesmo o emprego de fermentos que tamén poden atallar esas variacións motivadas polo clima, pero que darán uns viños máis fabricados en adega que no viñedo.

6- Políticas e seguros

Á hora de afrontar as consecuencias do cambio climático, Domingo incide na importancia de que as políticas e seguros se adapten a estas circunstancias cambiantes. De tal forma, é necesario que as coberturas das compañías de seguros se axusten a estas novas incidencias climáticas.

No caso das regulacións, o experto apunta a que tanto as Denominacións de Orixe(DO) como os Plans de Desenvolvemento Rural deben comezar a contemplar estes escenarios marcados polo cambio climático en aspectos como as especificacións e restricións que establecen, por exemplo, as DO.

7-Mercado

Na mesma liña que coas políticas e seguros, o experto tamén recomenda aproveitar os cambios que se están xerando no consumidor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información