As claves de Clun, o touro revelación 2017 con 5.036 puntos GICO

Clun é o touro revelación do ano 2017 en España, superando a mítica barreira dos 5.000 puntos GICO. Ademais, sitúase no posto 6 da listaxe dos mellores touros Interbull de Holanda. Mauricio de los Santos, responsable do departamento de xenética de Xenética Fontao, explica as claves deste touro chamado a producir as vacas do mañá.

As claves de Clun, o touro revelación 2017 con 5.036 puntos GICO

Pentagon K&L Pokemon Clun

Pentagon K&L Pokemon Clun é o touro revelación do ano 2017 en España, superando a mítica barreira dos 5.000 puntos GICO. Nas últimas probas de Conafe correspondentes a touros xenómicos logrou nada menos que 5.036 puntos, case douscentos máis que o situado en segunda posición.

Ademais, logrou o posto 6 da listaxe dos mellores touros Interbull de Holanda. Mauricio de los Santos, responsable do departamento de xenética de Xenética Fontao, explica as claves deste touro chamado a producir as vacas do mañá.

Como chegou Clun a Xenética Fontao?
Clun naceu o 1/8/2016, polo que ten actualmente 16 meses de idade. Foinos ofertado desde Holanda pouco despois do seu nacemento e decidimos facerlle a proba xenómica no noso sistema (GICO) polo seu atractivo e diferente pedigrí, fundamentalmente, e tamén por descender dunha interesante familia de vacas da que non había aínda en España nin un só membro.

Os resultados chegáronnos a finais de decembro de 2016: Clun era o primeiro touro que obtiña unha cifra GICO que superaba a mítica barreira dos 5.000 puntos e decidimos a súa adquisición como firme candidato a liderar o ranking xenómico español en futuras avaliacións, como así foi.

Por que decidiron pórlle este nome?
En honra ao movemento de unión ou fusión de diferentes cooperativas de Galicia, que estaba a ter lugar naqueles momentos.

Fálanos sobre o seu pedigrí e en que destacaron os seus proxenitores….
Clun goza dun pedigrí diferente e moi actual. O seu pai é Jetset (Doorman x Ermes x Ashlar), un recoñecido pai de touros na actualidade (só no TOP 10 xenómico español ten 3 fillos, o número 1 , Clun, o número 2, Donsimon e o número 6, Arno).

Ademais, a súa liña materna, Leida, tamén era orixinal en canto aos sementais presentes nela e non tiñamos ningún membro desta familia de vacas que parecía transmitir altas cifras xenómicas aos seus membros, en diferentes sistemas e con distintos sementais, o que indica o seu intenso poder de transmisión.

 “Clun axunta boas producións de leite con alta porcentaxe de proteína e moi boas ubres e patas”

En que caracteres é máis destacado Clun?
A súa liña paterna (Jetset) é coñecida por transmitir boas producións de leite con altas porcentaxes de proteína en canto a produción. Ubres, patas e tipo xeral moi destacado en canto a morfoloxía e  baixos RCS e alta lonxevidade en canto a rasgos de saúde son outros caracteres a destacar. É certo que os días abertos (fertilidade de fillas) e a velocidade de muxdo eran os seus puntos máis febles (tamén o eran do seu pai, Doorman), pero foron perfectamente equilibrados polos xenes achegados pola liña materna, a familia “Leida”, unha profunda familia de vacas holandesas emerxente nestes momentos e que transmite excelentes rasgos de saúde, como así foi no caso de Clun.

Clun axunta boas producións de leite con alta porcentaxe de proteína (+0,14%), moita calidade morfolóxica en xeral  e en ubres e patas en particular e, sobre todo, excelentes rasgos de saúde. De feito, Clun non soamente é Nº 1 GICO senón tamén lidera os rankings nacionais para RCS e  Lonxevidade.

Por todo iso cremos que Clun dará vacas que, ademais de boas producións de leite e proteína, terán excelentes ubres e patas e serán lonxevas, fértiles e con ubres moi saudables.

Para unha gandaría media en España, ¿En que aspectos máis palpables pode axudar a mellorar a súa rendibilidade?
Clun mellora aspectos con gran peso económico nunha explotación como poden ser os quilos de leite, e os seus niveis de proteína, a alta calidade de ubres e patas das súas fillas, que ao ser máis lonxevas, fértiles e con máis baixos RCS que a media, serán en si mesmas vacas máis rendibles e producirán máis lactacións con menos problemas.

Sorprendeuvos que debutase como número un en España e cun GICO tan alto?
En realidade non, pois sabiamos que unha cifra por encima de 5.000 GICO, como a que recibiu na súa primeira proba xenómica, sería moi,  moi difícil de igualar e, por suposto, de superar. Non tiñamos unha firmeza total, pero si unha gran confianza en que debutase como número 1, como así fixo nas pasadas probas de xuño e como confirmou con creces agora, nas de novembro.

“O seme de Clun vaise pór á venda en breve para todos os gandeiros galegos”

Que posibilidades hai de adquirir o seu seme e como é o procedemento? Hai dispoñibilidade de seme sexado?
As doses de Clun xa están no mercado e de feito os gandeiros xa están inseminando as súas vacas e facendo embrións co seu seme, co que xa temos xestacións en marcha en femias de alto valor xenómico.

clun-FONTAOO seme destes sementais tan destacados é en principio restrinxido para usalo sobre femias elite da raza co fin de conseguir rapidamente destacados fillos seus que poidan incorporarse ao centro de Xenética Fontao como sementais canto antes e fillas que poidan usarse nun futuro próximo como nais de sementais.

Despois desta primeira fase o seme de Clun (convencional) estará dispoñible para todos os gandeiros galegos que o queiran usar. Será, sen dúbida, unha das estrelas da próxima campaña de seme que se vai pór en marcha en breve. O seu seme será convencional, non estará dispoñible en seme sexado, polo momento.

Cales son os plans de futuro de Xenética Fontao para Clun?
Temos unha gran esperanza neste semental. Cremos que será moi bo acollido polos gandeiros galegos. É un touro cun pedigrí moi actual e coas características que se buscan nun touro punteiro de hoxe en día: leite, proteína, ubres, patas e rasgos de saúde, todo nun, xunto cun pedigrí diferente que lle fará ter limitada consanguinidade coa nosa poboación de vacas, o cal facilitará, se cabe aínda máis,  o seu amplo uso. Clun é un touro de hoxe en día para producir as vacas do mañá

“Clun é un touro de hoxe en día para producir as vacas do mañá”

Algo máis que queiras engadir?
Simplemente subliñar que CLUN non só obtén altos índices no sistema español (GICO) senón tamén noutros países, coas súas probas convertidas Interbull.

Así, en Holanda, cun NVI de 389 (índice composto holandés), sitúase no posto número 6 da listaxe dos mellores touros Interbull Holanda, o que xerou un gran interese polo seme de Clun para usar nalgúns dos máis importantes programas xenéticos europeos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información