Claves da futura regulación das Organizacións de Produtores de vacún de carne

Coñecemos as liñas principais do borrador de decreto para a creación de OPs , que establece para estas entidades un obxectivo principal de comercialización agrupada da carne

Claves da futura regulación das Organizacións de Produtores de vacún de carne

En Galicia existen varios proxectos en marcha para constituír organizacións de produtores de vacún de carne.

Ó igual que fixeron xa outros sectores produtivos como o lácteo ou o cunícola, os gandeiros de vacún de carne levan tempo procurando un marco legal que ampare e xestione as organizacións de produtores (OP), coas que conseguir unha maior capacidade de negociación para os gandeiros. A inestabilidade política dos últimos meses parece estar a condicionar a tramitación do borrador do real decreto polo que se rexirá a xestión destas OP, se ben desde o sector espérase que o decreto saia adiante en breve, unha vez constituído o novo Goberno.

Neste documento, tramitado xa hai meses, aséntanse as bases destas organizacións tanto para vacún como para caprino e ovino. En Galicia, comezaron xa a darse os primeiros pasos para se constituír organizacións de produtores de vacún, aínda que a falta dun marco legal aprobado ralentizou o proceso.

Requisitos mínimos das Organizacións de Produtores

O borrador do decreto detalla, entre outros temas, os requerimentos que deben cumprir as organizacións de produtores para ser consideradas como tal. Un dos principais requisitos é que estas organizacións só poden estar integradas por gandeiros de vacún de carne.

As agrupacións teñen que estar reguladas por estatutos e pensadas para concentrar a oferta e a comercialización da produción dos membros. De feito, tamén se estipula que o 100% da produción dos socios debe comercializarse a través da organización. Os gandeiros tampouco poderán figurar en varias Ops e deben pertencer á entidade por un período mínimo de 2 anos.

Os gandeiros teñen que comercializar toda a produción a través da organización

A maiores, tal e como recolle o documento, as organizacións teñen que procurar algunha das seguintes finalidades:

  • Garantir que se planifique a produción e se axuste á demanda, sobre todo en canto a cantidade e a calidade.
  • Optimizar os custes de produción e os beneficios das inversións relacionadas co medio ambiente e o benestar dos animais. Tamén deben de procurar estabilizar os prezos de produción.
  • Promover unha produción sostible, prácticas innovadoras e o coñecemento da evolución do mercado e a competitividade económica.
  • Fomentar o emprego de técnicas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal.
  • Procurar mellorar a calidade dos produtos, proporcionando asistencia técnica nas normas de produción, desenvolvendo carne ou derivados con denominación de orixe protexida ou cubertos por unha etiqueta de calidade.
  • Preservar a calidade do solo, a auga e a biodiversidade da paisaxe mediante a xestión dos subprodutos e os residuos. Tamén se contempla que estas organizacións poidan contribuir a un uso sostible dos recursos naturais e a mitigación do cambio climático.
  • Desenvolver iniciativas para a promoción e comercialización da carne.
  • Proporcionar asistencia técnica para a utilización de novos mercados de futuro e sistemas de seguro.

Un dos obxectivos é que as organizacións de produtores fomenten o traballo conxunto en tarefas básicas para as ganderías

Traballar en conxunto

Para conseguir algúns destes obxectivos, o borrador sinala que as organizacións afrontarán de forma conxunta algunhas das tarefas básicas para os produtores na comercialización da carne, como a transformación, a distribución mediante plataformas de venda ou transporte conxunto, o envasado, etiquetado ou a promoción e o control de calidade dos produtos.

Tamén se baralla que as organizacións dispoñan de instalacións e equipos que poidan empregar os socios. A xestión dos residuos ou a compra das materias primas son outros aspectos que se poden abordar en conxunto para conseguir unha maior rendibilidade.

Tamaño mínimo
Ademais de traballar de xeito conxunto, é preciso que estas organizacións agrupen un mínimo de produción a comercializar ó longo do ano. En concreto, no caso das Ops de vacún de carne, os cebadeiros deben dispor de alomenos 15.000 becerros.

Esta cantidade redúcese a 1.500 animais no caso das denominacións de calidade, nas que se inclúen dende indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe protexidas, especialidades tradicionais garantizadas, gandería ecolóxica e gandería integrada.

O volume mínino de produción no caso de ganderías de reprodución para produción de carne e mixtas sitúase en 15.000 unidades de gando maior (UGM) e no caso das categorías de calidade o número redúcese a 2.500 UGM presentes na gandería.

Producion-minima-comercializable-das-organizacions-de-produtores-de-vacun-de-carne-

Produción mínima comercializable das OPs do sector de carne de vacún, recollida no borrador.

Os termos das negociacións

O decreto que regulará as organizacións de produtores tamén fixa os termos para que se leve a cabo unha negociación dos contratos para a comercialización da produción dos socios. Recoñécese que estas entidades terán a capacidade para negociar contratos para o suministro de animais vivos e produtos agrarios no nome dos socios. Isto levarase a cabo sempre que a OP concentre a oferta e comercialice os produtos dos seus membros, independentemente de que os produtores transfiran a propiedade dos produtos agrarios á organización.

A capacidade de negociación real que poidan acadar as OPs é unha das maiores preocupacións dos gandeiros

Tamén cabe a posibilidade de que as OPs non cheguen a realizar esta negociación da produción dun gandeiro socio, no caso de que este estea obrigado a entregar a produción a unha cooperativa que non pertenza á organización.

Precisamente a capacidade de negociación que poidan acadar as OPs é un dos principais aspectos que preocupa no sector gandeiro, xa que será clave para o éxito ou o fracaso destas organizacións. De feito, no sector agrogandeiro abondan os exemplos onde a pesar de contar con Organizacións de Produtores dende hai anos, a súa capacidade de negociación é nula pola negativa das industrias a chegar a acordos colectivos.

De cara a evitar esas situacións, o mandato de negociación será exclusivo, de xeito que a produción dunha gandería só poderá negociala unha única OP e tampouco o gandeiro poderá negociar individualmente as condicións de contratación dos seus animais ou produtos agrarios.

A OP encargarase da negociación dos contratos para comercializar a produción de xeito exclusivo alomenos durante 2 anos

Ó igual que a permanencia mínima á organización por parte dos gandeiros, o período de mandato no que a entidade se encargará da negociación conxunta da produción será de 2 anos. Pasado ese prazo prorrogarase de xeito indefinido ata que o gandeiro comunique a súa retirada, cunha antelación mínima de 2 meses.

Do mesmo xeito que se asentan as bases das organizacións de produtores para regulalas, o borrador tamén contempla unha serie de controis por parte do Ministerio de Agricultura para garantir estas condicións, así como sancións estipuladas polas normas que regulan a produción alimentaria e garanten a defensa do consumidor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información