Clasificar as bolas de silo de herba segundo o seu valor nutricional, unha forma de abaratar a ración

Gandería Racamonde TC, de San Sadurniño, leva dous anos clasificando as bolas de silo de herba por cores segundo a súa calidade nutricional, o que lle permite equilibrar a ración e reducir a factura de penso

Clasificar as bolas de silo de herba segundo o seu valor nutricional, unha forma de abaratar a ración

Gandaría Racamonde é unha granxa de vacún de leite de San Sadurniño (A Coruña), que dende hai dous anos puxo en marcha un sistema de clasificación das bolas de silo de herba por cores segundo o seu valor nutricional, o que lles está a permitir abaratar a ración.

Esta explotación, de titularidade compartida entre David Arnoso e a súa esposa Mónica, conta con 40 vacas adultas nun sistema de pastoreo semiextensivo. “Aproveitamos para pasto unhas 25 hectáreas arredor do establo e levamos outra tanta superficie en fincas afastadas que aproveitamos para ensilar herba en bolos, con entre 3 e 4 cortes ao ano, un a finais de febreiro, outros dous xa en primavera e un en agosto-setembro para fenolaxe”, explica David.

Sen embargo, hai dous anos comezaron a identificar as bolas de silo por cores e por parcelas, segundo o seu valor nutricional, para ir variando a cantidade e calidade do penso. “Recomendóunolo Víctor Manrique, un veterinario de Seragro, e os resultados están a ser bastante bos”, recoñece.

“En cada corte utilizo unha cor distinta de plástico -verde escuro, verde claro e azul- e agrupo as bolas de silo das distintas fincas en 9 grupos. En cada grupo e por cada corte analizo a calidade da herba dunha media de 8 bolas. Desta forma, cando necesito un silo de herba con boa proteína vou ao grupo que me interesa, e coa analítica na man e segundo as cores sei que calidade nutricional ten cada bola e de que corte é”, explica David.

“Neste momento -engade- teño bolas de silo de herba do corte de febreiro con dúas cores: un grupo cunha media do 17% de proteína bruta e outro que está o 14 e o 15%. Desta forma podo ir xogando: se hai máis pasto, que xa aporta proteína, complemento a ración con bolos de menos proteína e doulles máis fariña de millo, uns 3 kilos -a tonelada sáelle a 215 euros máis IVE-, e 5 kilos de penso -a tonelada cústalle 232 euros máis IVE-. Pola contra, se escasea o pasto, collo as bolas de silo de herba con máis proteína, subo o penso a 6 kilos e baixo a fariña de millo a 2 kilos. Todo iso, permíteme que as vacas teñan unha produción media de 30 litros por lactación e que duren máis”.

As pradeiras de Racamonde TC son naturais, con predominancia do raigrás inglés e do trevo branco, que resementan por riba para reducir o custo que suporía voltear as pradeiras para anovalas.

Melloras no valor nutricional grazas a un novo sistema de facer as bolas

Outro cambio que realizaron nos últimos anos e que redundou nunha mellora do valor nutricional do seu silo de herba foi no sistema de embalado. “Ata agora encargaba a unha empresa facer as bolas nas pradeiras, pero só coa rede, e logo transportábaas ata o establo onde se encintaban. Pero dende o ano pasado unha empresa de servizos agrícolas, Marcos Otero, de As Pontes, pica e encinta a herba na mesma finca, cunha McHale Fusion 3 Plus, o que permite mellorar a calidade do silo”, explica David.

En concreto, o corte da herba faino este gandeiro cunha rotativa, a unha altura de entre 7 e 10 centímetros, para reducir as cinzas; a continuación deixa a herba estendida, sen revolvela e sen volteo, e pasadas 24 horas de presecado hiléraa e a seguir pasa esta máquina combinada de todo nun: picadora de 23 coitelas + rotoempacadora+encintadora. “A diferenza é que a herba consérvase moito mellor grazas a que vai moi compactada, cunha media de 404 kilos de materia seca -uns 1200 kilos de materia húmida-, co que o gando come todo o bolo de forma uniforme, tanto no centro como na liña de fóra”, destaca. O prezo,14,5 euros por cada bola.

O seguinte cambio que queren introducir en Gandaría Racamonde TC é mercar unha desenrolladora de bolas de silo.

ENSILADO HERBA SADURNIÑO 3 ENSILADO HERBA SADURNIÑO 4 ENSILADO HERBA SADURNIÑO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información