Clamor no agro contra o “sablazo” de Montoro ás axudas de incorporación

Petición unánime das organizacións agrarias para que o Ministerio de Hacienda suprima a fiscalidade para estas axudas ou, cando menos, reparta a tributación en 5 exercicios. Dunha subvención de 40.000 euros a Agencia Tributaria quedaría cuns 12.000 euros.

Publicidade
Clamor no agro contra o “sablazo” de Montoro ás axudas de incorporación

O ano 2017 vai marcar un récord de incorporación de mozos e mozas á actividade agraria en Galicia: a 618 persoas concedeulles a Consellería do Medio Rural a axuda de incorporación correspondente á convocatoria 2016.

Esta achega, que de media rolda os 40.000 euros por beneficiario, ten como finalidade apoiar a estes mozos no primeiro ano de actividade, o período máis difícil, pero cunha esixencia principal: que permaneza traballando na actividade agraria un mínimo de cinco anos.

Sen embargo, tamén marcará un récord na recadación da Axencia Tributaria en Galicia por estas axudas. Cando menos o 30% terá que devolverllo o beneficiario da axuda ao Ministerio de Hacienda na Declaración da Renda 2017. O ministerio que dirixe Cristóbal Montoro aplica esta fiscalidade dende a campaña 2015, ao considerar que se trata dunha axuda ordinaria de capital destinada a garantir unha renda mínima e non á realización de investimentos na explotación que podan ser desgravables. Pero ademais, obriga a tributar por toda a axuda dunha soa vez, no momento en que aparece publicada a concesión no Diario Oficial de Galicia, sen posibilidade de fraccionala en cinco anualidades, como se facía con anterioridade.

“Hacienda queda con 7,2 dos 24,3 millóns das axudas de incorporación en Galicia”

Isto significa que para unha axuda de incorporación de 40.000 euros -a media da convocatoria 2016- o beneficiario terá que devolver á Axencia Tributaria na Declaración da Renda un mínimo do 30%, é dicir, uns 12.000 euros. Se temos en conta que a achega da Consellería do Medio Rural para esta liña de axudas foi de 24,3 millóns de euros, o departamento que dirixe Cristóbal Montoro levaríase un mínimo de 7,2 millóns de euros.

Demanda unánime das organizacións agrarias contra o que consideran un “abuso”

Por parte das organización agrarias a posición é unánime ao denunciar o que consideran “un abuso que vai contra toda lóxica”.

Así, o secretario de gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias, ten claro que “as axudas de incorporación, como calquera outra subvención, deberían estar exentas de recadación fiscal”.

Lembra ademais que estas axudas “levan aparellado o compromiso dunha permanencia mínima na actividade agraria de 5 anos e de crear unha unidade de traballo, e na inmensa maioría dos casos están ligadas a un plan de mellora que leva aparellado realizar uns investimentos”.

 Unións: “O Estado finánciase quitándolle aos mozos parte das axudas a UE que veñen para as incorporacións”

“O lóxico, por tanto, -subliña- é que se tributase polo plan de mellora e considerar a axuda de incorporación como un ingreso extraordinario ou, no peor dos casos, que se poda repartir na Declaración da Renda ao longo de 5 anos”.

Javier Iglesias asegura que Unións Agrarias “dará a batalla, co apoio a nivel estatal de UPA, para que o Ministerio de Hacienda cambie a interpretación da normativa”. “Na situación actual o goberno de España está financiando parte da súa aportación á Unión Europea apropiándose como mínimo do 30% das axudas que veñen da Unión Europea para os mozos e mozas que se incorporan ao agro”, conclúe.

Agaca: “É unha incoherencia e un atropelo contra a xeración de emprego no rural”

Na mesma liña, Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), advirte de que a fiscalidade que aplica a Agencia Tributaria a estas axudas “é un atropelo e unha incoherencia que atenta contra a xeración de emprego no rural”.

“Para facer viable unha produción agrícola ou gandeira o horizonte é dun mínimo de cinco anos e que o sablazo fiscal sexa xa no primeiro ano para a persoa que se incorpora é un tremendo abuso e unha enorme limitación”, denuncia.

Para o director xerente de Agaca esta actuación da Agencia Tributaria demostra que “os gobernantes non pensan no medio rural, senón nunha concepción de país puramente urbana”.

Sindicato Labrego: “A Consellería do Medio Rural debería implicarse e facer presión ante o Ministerio de Hacienda”

Dende o Sindicato Labrego, unha das organizacións xunto a Unións Agrarias que máis leva traballando nos últimos dous anos para cambiar esta fiscalidade, advirten tamén de que “en moitos casos mesmo os beneficiarios da axuda teñen que tributar por ela sen tela cobrado”.

“Ata o ano 2014 declarábase o ingreso no exercicio no que se cobraba a axuda e permitíase fraccionar en cinco anos, pero dende entón a Agencia Tributaria obriga a incluíla na súa totalidade na Declaración dende o momento en que aparece publicada no Diario Oficial de Galicia a concesión, co que se teñen dado casos de que, se hai un atraso no pago, se tribute por ela sen tela cobrado”, explica Antonio Villarino, coordinador comarcal do Slg na Mariña

En todo caso, advirte de que “o problema de fondo é que o Ministerio de Facenda interpreta que a axuda de incorporación dáse a cambio de nada e é unha ganancia patrimonial, cando non é así, xa que está vinculada a uns compromisos e a poñer en marcha unha actividade agrogandeira”.

Neste sentido, o representante do Sindicato Labrego demanda “unha maior implicación da Consellería do Medio Rural para que faga presión ante a Agencia Tributaria e o Ministerio para cambiar esta situación inxusta”.

Agromuralla: “Habería que reformular as axudas ao agro”

Por último, dende Agromuralla coinciden tamén en denunciar a fiscalidade que se aplica a estas axudas. Pero a asociación gandeira vai máis alá e considera que “se deberían reformular tanto estas achegas como as dos plans de mellora, cun acompañamento e maiores esixencias por parte da Administración”.

“Deberíase priorizar ás persoas que realmente queren quedar a vivir e a traballar no campo dunha forma profesional, cun acompañamento por parte da Administración ao longo dos anos, porque vemos que na actual situación unha porcentaxe moi alta dos mozos e mozas que se incorporan acaban abandonando despois dos cinco anos”, conclúen.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información