Cita este sábado para apoiar ao viño galego cun brinde colectivo

Publicidade
Cita este sábado para apoiar ao viño galego cun brinde colectivo

Celebración do Día Movemento Viño DO no Ribeiro

Este sábado celébrase en toda España o Día Movemento Viño D.O. que promove a Confederación Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) e no que participan 29 denominacións de Orixe, catro delas galegas: Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas.

Ribeiro:

Esta cita anual cos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia desenvolverase no recinto feiral da Alameda de Ribadavia este sábado 11 de maio en horario aproximado de 11:30 a 14:30 horas. O acto consistirá nun stand con venda de copas e tickets para a degustación de viño Ribeiro a prezos populares para que os participantes poidan facer un brinde colectivo ás 13.30 horas. A xornada estará amenizado por un DJ e se organizarán sorteos de lotes de viño e merchandising entre o público participante.

Esta é a terceira edición do DÍA MOVEMENTO VIÑO D.O. e a segunda na que participa activamente o Consello Regulador do Ribeiro. Nesta ocasión serán 29 as denominacións de orixe vitivinícolas que se adhiren ao evento que culmina cun brinde colectivo e simultáneo en todo o territorio español.

Este ano, ademais de poñer en valor o viño con denominación de orixe o obxectivo é salientar o papel das Denominacións de Orixe coma fonte sostible de creación de riqueza e arraigo no medio rural.

Dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro convidan a todos os habitantes da comarca a participar nesta acción que servirá tamén para reivindicar un territorio rural histórico con grandes potencialidades e recursos como é o Ribeiro.

Rías Baixas:

A D.O. Rías Baixas súmase tamén ao Día Movemento Viño. D.O cun brinde na Praza do Castelo de Salvaterra do Miño. O acto comezará ás 13 horas coa actuación do grupo La Casa de los Ingleses. Con motivo da celebración, o Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra abrirá as súas portas durante toda a xornada de forma gratuita.

Monterrei:

A Denominación de Orixe Monterrei sumar, por segunda vez consecutiva, á celebración do Día Movemento Viño DO. A cita para a conmemoración desta efeméride terá lugar o sábado e están previstas a realización de dúas actividades: “Viños de Monterrei. Dándolle á lingua” e un brinde colectivo, que se celebrarán na sede do propio Consello Regulador.

A primeira delas, “Viños de Monterrei. Dándolle á lingua” iniciarase ás 11 horas, e consistirá na realización dunha cata de viños de Monterrei centrada na análise sensorial da fisioloxía da lingua, a percepción dos sabores básicos e o umami. A mesma será realizada pola catadora e experta en enoturismo Mercedes González. Para participar na actividade, destinada a un máximo de 20 persoas, será necesario inscribirse previamente no Consello Regulador (Tlf. 988 590 007 // Correo electrónico: info@domonterrei.com. a inscrición realizarase por rigorosa orde de entrada).

A segunda actividade será un brinde colectivo con viño da denominación, ao que tamén asistirá a presidenta Lara Da Silva.

Ribeira Sacra:

A DO. Ribeira Sacra celebrará o Día Movemento Viño DO cun catamarán polo río Sil contando con adegueiros, membros do Consello Regulador, representantes das diferentes administracións, prensa
etc. O catamarán sairá pasadas as 13.00 h. do embarcadoiro de Santo Estevo para gozar das paisaxes e os viñedos da DO. Para o brinde colectivo contarase con maridaxe e a música en directo de Ad Heyra Liti.

Redes sociais

As redes sociais xogarán un papel importante durante este día. Aqueles usuarios que compartan as súas fotografías brindando ou gozando desta xornada co hashtag #BrindisMVDO entrarán no sorteo de packs de viño con denominación de orixe. E co hashtag #DíaMovimientoVinoDO poderase seguir todo o que ocorra nesta emocionante xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información