Cinco ataques de lobo ó gando en Abadín en dúas semanas

Os gandeiros do concello lucense amósanse nerviosos por unha inusual concentración de ataques continuados dos cánidos a xatos e cabalos nos últimos días. Demandan medidas inmediatas de control das mandas

Cinco ataques de lobo ó gando en Abadín en dúas semanas

Gando no monte de Espiñarcao, en Abadín. / Arquivo.

O lobo non dá trégua nas últimas semanas en Abadín (Lugo). Os gandeiros do concello lucense contabilizan alomenos cinco ataques ó gando nos últimos quince días, co resultado de tres xatos e tres cabalos mortos. O último ataque detectouse na mañá do domingo en Espiñarcao, cando un gandeiro chegou á finca na que tiña as vacas e atopouse con dous lobos acosando a unha vaca e a un xato. Naquel momento, o xato aínda estaba vivo, pero tiña feridas e morreu antes de que puidese recibir atención veterinaria.

“A situación é insoportable. Era normal un ataque cada dous meses, máis ou menos, pero non esta concentración de ataques”

O gandeiro afectado por este ataque ten na actualidade outras oito vacas con crías, polo que teme que en calquera momento poida sufrir novos ataques. “Os animais están cun estrés moi alto e en toda zona a preocupación é grande. Hai unha semana, os lobos mataron dous ponis xunto ás casas, na Xesta (Quende, Abadín) e tamén nas últimas dúas semanas deron conta doutros dous xatos, un no monte da Corda e outro ao lado das casas de Cabaneiro. Outro poldro caeu nos últimos quince días preto da igrexa de Abadín”, relata un dos gandeiros afectados.

“A situación é insoportable” -resume o produtor-. “Era normal que igual cada dous meses houbera un ataque nalgunha gandería, pero a concentración de ataques que estamos tendo agora non é normal. Así non podemos levantar cabeza e son necesarias medidas de control”, valora.

Xato morto en Abadín polas feridas dun ataque do lobo.

Xato morto en Abadín polas feridas dun ataque do lobo.

“Con escopetas ó monte non podemos saír e entre a xente, hai quen fala de medidas drásticas. Penso que non deberiamos chegar a eses extremos porque non afectaría só ós lobos. Eu non estou a favor de que se acabe con tódolos lobos, pero este volume de ataques é insoportable”, advirte un dos produtores afectados. “Que nos dean unha indemnización polas perdas non compensa a situación de estrés que pasan as vacas e a preocupación que temos os gandeiros. É necesario reducir o número de lobos”, conclúe.

Os afectados valoran pedir unha reunión coa Consellería de Medio Ambiente para abordar a situación, así coma contactar coa sociedade de caza local. A normativa vixente permite que en caso de danos reiterados ó gando, como é o caso, o Tecor poida solicitar unha batida contra o lobo por danos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información