As chuvias que se anuncian para a semana obrigan a incrementar os tratamentos do viñedo

Publicidade
As chuvias que se anuncian para a semana obrigan a incrementar os tratamentos do viñedo

As altas temperaturas están favorecendo que se adiante o desenvolvemento. Foto: Estación Fitopatoloxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de publicar hoxe o seu aviso fitosanitario, no que fai un repaso pola situación sanitaria dos viñedos na provincia e ofrece unhas recomendacións para previr ou controlar as principais patoloxías.

As elevadas temperaturas que se rexistran, non só as diúrnas senón tamén as nocturnas, favoreceron un marcado avance na fenoloxía ou desenvolvemento das plantas de xeito que, se a semana pasada aínda estaba a floración nos seus comezos, nesta xa hai mesmo unha boa porcentaxe de acios no estado de callado máis ou menos avanzado.

Dáse a circunstancia de que a mesma situación ocorreu nas mesmas datas do ano anterior.

Mildio

Respecto ao mildio, unha patoloxía fúnxica que este ano está a afectar especialmente aos viñedos de Galicia, os técnicos de Areeiro, advirten de que as condicións de chuvia que se anuncian para a vindeira semana obrigan a extremar os coidados.

Durante esta semana, malia que as temperaturas foron elevadas e o tempo estivo seco, polas noites seguiu habendo condicións para a frutificación do fungo en todas as zonas, polo que a presión da enfermidade continúa a ser elevada polas condicións favorables que se levan producindo de xeito recorrente no que vai de campaña.

Deste xeito, na revisión de viñedos que realizaron esta semana, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirten de que “continuaban a aparecer manchas de mildio, de grande superficie e/ou moi abundantes, en follas máis ou menos tenras independentemente da sensibilidade varietal”.

No caso das viñas tratadas, a situación máis frecuente que detectaron foi a de viñas sen máis que algún dano puntual anterior nos acios pero con maior ou menor cantidade de manchas novas, situación que foi a máis frecuente.

“Supoñemos que a grande maioría dos viñedos están protexidos neste momento por algún tratamento, pero debido á presenza xeral de mildio tamén estes deben ser revisados coidadosamente para comprobar a evolución da enfermidade despois destes dous últimos días secos que, segundo as previsións, poderán estenderse ata domingo ou luns-martes, cando parece que haberá un incremento das probabilidades de choiva pola perda da influencia anticiclónica sobre Galicia”, recomendan.

Neste sentido, engaden que “de cumprirse as previsións haberá que estar moi alerta pensando en que será probable que haxa que renovar unha vez máis as aplicacións se finalmente non se observan indicios de bo control da enfermidade polo binomio “funxicida aplicado-climatoloxía seca”.

“Nestes casos haberá que intervir aínda acortando o período de protección teórico do produto, posto que estamos nun momento de elevada sensibilidade dos acios aos ataques do patóxeno”, advirten.

Exceso de vexetación

Os técnicos de Areeiro tamén notifican que coas condicións tan húmidas deste ano “xa hai moitas viñas cun exceso de masa foliar que dificultan a correcta penetración dos produtos no interior porque, aínda que se estean aplicando produtos sistémicos ou penetrantes, as aplicacións deben ser de calidade”.

Por este motivo, recomendan que “nas viñas coa floración xa concluída que presenten esta situación, ademais das rozas da vexetación do solo poden iniciar xa as esfollas e as podas verde para axudar ao control dos patóxenos”.

“Iso si, -precisan- estas operacións teñen que ser moi lixeiras para non prexudicar o desenvolvemento dos acios”.

Oídio

As temperaturas destes últimos días son moi favorables ás infeccións de oídio, pois o seu óptimo está entre 25 e 28ºC. Así, e tamén debido a que por fenoloxía a viña está nun período de máxima sensibilidade, o risco é alto. Por este motivo, e aínda que nas revisións que realizaron os técnicos da Estación de Areeiro nesta semana non atoparon novos síntomas máis que nas plantas testemuña, a súa recomendación é que “non hai que descoidar a vixilancia, sobre todo se consideramos que a perda da influencia do anticiclón que se anuncia, dará lugar a unha maior humidade e polo tanto a condicións aínda máis favorables”.

Consecuentemente, recomendan que “será aconsellable engadir un antioídio aos potenciais tratamentos que se planifiquen nas viñas, sobre todo nas máis sensibles, e mesmo intervir especifícamente se continúan aparecendo síntomas”.

Black-rot

Malia a ter existido certas condicións favorables, non observaron cambios no estado das viñas na revisión desta semana, tampouco nas abandonadas das estremas de predios cultivados ou nos bordos de camiños.

Aínda así, lembran que “os síntomas poden manifestarse ata tres semanas despois de ter lugar a infección, polo que aínda hai posibilidades de que aparezan os correspondentes ao tempo húmido das semanas anteriores”.

Por este motivo, aconsellan que “nas viñas con síntomas ou con plantas afectadas nas proximidades, no caso de realizar unha intervención fronte a mildio ou oídio utilicen un produto que tamén teña efectos fronte a esta patoloxía, máis considerando que o acio está nun momento moi sensible”.

Botrite

Ao dominar, quitando o pasado venres día 22, as condicións de tempo sen humidade excesiva e/ou precipitacións, a floración está a transcorrer limpamente, e os restos das flores estanse desprendendo axeitadamente (sería sobre eles onde nestes momentos podería instalarse o fungo de haber humidade).

Porén, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirten de que “haberá que estar á espera da intensidade do cambio que se anuncia, a día de hoxe, para os comezos da semana próxima, pois aínda hai flores que están abrindo”.

A atención deberá ser maior nas viñas con glomérulos ou niños de avelaíña, pois estes poden dificultar que se liberen os restos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información