“A chegada da Flavescencia Dourada aos viñedos de Galicia é cuestión de tempo”

A Flavescencia Dourada é unha das enfermidades máis temidas polos viticultores. No Norte de Portugal están a loitar contra ela con éxito. Joao Jaoquim Cruz Garrido, da Estaçao Vitivinícola Amándio Galhano, conta cales son as estratexias para combater esta doenza.

Publicidade
“A chegada da Flavescencia Dourada aos viñedos de Galicia é cuestión de tempo”

Joao Jaoquim Cruz Garrido

A Flavescencia Dourada é unha das doenzas “modernas” máis temidas polos viticultores. Orixinaria dos Estados Unidos, é provocada por un fitoplasma que coloniza as células das cepas e acaba provocando a súa morte, estendéndose polo viñedo se non se detecta a tempo.

Esta doenza transmítese ou ben pola reprodución de material vexetal de videiras infectadas ou por un insecto vector, o Scaphoideus titanus Ball, que xa foi detectado en Galicia no ano 2007 no concello pontevedrés de Crecente.

No Norte de Portugal detectouse por primeira vez no ano 2006 preto da cidade de Braga e dende aquela estendeuse a toda a rexión dos Viños Verdes, chegando aos concellos de Melgaço e Monçao, da outra beira do río Miño. No ano 2013 o goberno portugués publicou o Plano Nacional de Control da Flavescencia Dourada, unha ferramenta que conseguiu frear a expansión desta doenza.

Para explicar cales son as medidas de control da Flavescencia Dourada, João Joaquim Cruz Garrido da Estação Vitivinícola “Amãndio Galhano” participou a pasada semana en Ourense no I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal, unha xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

¿Por que é unha enfermidade tan grave en viticultura a Flavescencia Dourada?
En primeiro lugar porque é unha doenza que non ten produtos que a curen. Trátase dunha enfermidade de corentena que require coidados especiais. Transmítese a través dun insecto vector, pero se non temos coidado de eliminar as videiras enfermas o propio viticultor pode espallar a enfermidade ao coller pugas das plantas infectadas.

Ademais, a videira pode estar enferma pero non manifestar síntomas, co que ao coller pugas para reproducir tamén se estaría espallando.

Por tanto, é preciso controlar o insecto vector e facer inspeccións na viña para localizar posibles plantas infectadas e eliminalas a través do seu arranque e posterior queima.

Non estamos a falar dunha doenza como o virus do enrolamento, onde a planta pode convivir coa enfermidade, senón que as perdas económicas son palpables….
Exactamente. A consecuencia é a morte da videira e importantes perdas cun descenso acusado da produción. Un dos primeiros síntomas da contaminación dunha videira por Flavescencia Dourada é unha quebra súbita da produción con respecto ao resto.

¿Cales son as claves para unha detección das plantas infectadas?
O primeiro é o non callado dos acios despois da floración, de xeito que o bago non se forma e hai un síntoma claro que algo non vai ben.

A continuación, na fase do pintor a madeira das vides en vez de tornar castaña, queda verde e as varas dobran, como un salgueiro chorón. Nese período, de agosto ata a vendima, é cando é máis fácil detectar a enfermidade.

“Entre agosto e a vendima as varas dobran e quedan verdes”

Unha vez detectada, a videira débese marcar e pódese arrancar ata o mes de marzo, xa que durante o inverno non se produce contaminación. É dicir, a Flavescencia Dourada non se propaga polas tesoiras de poda. Só hai dúas vías de contaminación: pola insecto vector e pola propagación de pugas contaminadas para enxertos.

En canto aos insecticidas ¿Que grao de efectividade teñen e cando se deben aplicar os tratamentos?
Soamente se deben aplicar nas áreas onde se detectou o insecto vector. Seguindo as recomendacións do Plano Nacional, comezouse por facer 3 tratamentos obrigatorios nas zonas onde se detectou a Flavescencia Dourada, mentres que nas que se detectou o insecto vector pero non a doenza só é obrigatorio facer un tratamento preventivo.

O resultado con estes tratamentos mostran que a captura de insectos vectores diminuíu considerablemente dunha media de 2.000 capturas no ano 2011 a 51 no 2014. É dicir, se conseguimos rebaixar a cantidade de insectos vectores poderíase rebaixar a obriga de facer os 3 tratamentos.

Con estas medidas, ¿Pódese dicir que está controlada a expansión da Flavescencia Dourada?
O problema xa foi máis grave pero é imposible erradicar a doenza, porque sempre vai haber viñas abandonadas e outros factores que non se poden controlar. Pero o plano si que permitiu diminuír a presenza de videiras contaminadas.

O insecto vector está presente en toda a zona de viticultura mediterránea. A Flavescencia Dourada foi detectada en Francia nos anos 50 e tras unha fase de estancamento volveu nas últimas décadas a estenderse con forza, afectando aos viñedos de Borgoña, de Bordeos, no Norte de Italia, tamén houbo en Cataluña e agora está presente no Norte de Portugal.

 “É clave que o material do viveiro esta certificado como libre de Flavescencia Dourada”

E dada a proximidade con Galiza, diría que deberían os viticultores estar preparados porque é unha cuestión de tempo que chegue.

Na viticultura moderna é preciso renovar as viñas e un dos problemas é que o material vexetal non sempre ten todas as garantías sanitarias.

¿Que papel xogan os viveiristas na expansión desta enfermidade?
As empresas viveiristas deben ter consciencia do que están a facer. Os viticultores deben procurar material vexetal en óptimas condicións sanitarias. O tratamento térmico con auga quente é unha ferramenta imprescindible para garantir que a planta non estea infectada. En Portugal estase a aplicar de forma obrigatoria e toda a planta debe contar co correspondente certificado oficial de que está libre de Flavescencia Dourada.

Este tratamento térmico realizámolo na Estação Vitivinícola Amândio Galhano, en Arcos de Valdevez, e estamos abertos a prestar tamén este servizo aos viticultores e viveiristas galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información