Cepado, unha tradición de coidado dos viñedos plasmada no viño

Esta adega familiar de Valdeorras, nada no 2008, centra o seu traballo na obtención de godellos de calidade. As distincións e críticas que está a recibir avalan a súa aposta por posicionarse nos mercados gourmet

Publicidade
Cepado, unha tradición de coidado dos viñedos plasmada no viño

Viñas de Cepado, nas ladeiras de Rubiá.

Cepado é unha adega familiar de Rubiá, na denominación de orixe Valdeorras, que xurdiu no 2008 tras unha longa tradición familiar de cultivo do viñedo para a venda de uvas. Manuel Fernández, impulsor da adega xunto ao seu irmán, levaba unha vida de tardes e fins de semana adicadas á viña cando xurdiu a idea de que a familia crease a súa propia adega.

“O viñedo sempre fora moi do gusto de meu pai, el é feliz traballando alí e un día falando entre nós, preguntámonos por que non producir nós o noso propio viño”, lembra Diego Fernández, fillo de Manuel e tamén implicado no traballo da adega. “Era unha ilusión que tiñamos e decidímonos a elaborar o viño, en lugar de vender as uvas”, conta.

Cepado Black Edition.

Cepado Black Edition.

A adega aprovisiónase de uva a partir dos viñedos propios, arredor de 2,5 hectáreas, principalmente de godello, nun 80%, e tamén de mencía. Teñen fincas con cepas de godello de máis de 30 anos e cando crearon a adega, apostaron por facer novas plantacións con esta variedade. “En viños brancos, o godello é unha xoia que temos”, valora Diego. “Ten prestixio a nivel nacional e posibilidades a nivel internacional”.

Orientación
A produción de Cepado ronda as 11.000 botellas de godello, unhas 10.000 dun godello xove e algo máis de 1.000 dun godello sobre lías, o Cepado Black Edition, elaborado só con uvas dunha parcela de cepas vellas e que se caracteriza por unha boa orientación e unha maduración excepcional. A oferta da adega complétase cun mencía xove, do que elaboran arredor de 2.000 botellas.

“A idea é facer viños de calidade que manteñan unha mesma liña ao longo do tempo. Ao facelos sempre con uvas propias, sen mercar, podemos evitar altibaixos, pois controlamos todo o proceso de produción e traballamos sempre cos mesmos viñedos”, apunta Diego.

As viñas de Cepado ubícanse nas ladeiras de Rubiá, a uns 500 metros de altitude, un enclave, sobre un solo arcilloso calizo, que permite unha “boa maduración” e unhas “uvas sas e ventiladas”. O microclima de Rubiá foi clave este ano para salvar case toda a colleita das xeadas tardías, que si impactaron de cheo nas zonas de chaira da denominación. “Só temos unha parcela na zona de chaira, que si se viu afectada, pero o resto do viñedo estaba perfecto”, destacan.

Mercado
O seu mercado oriéntase á restauración e a tendas gourmet, tanto de Galicia como doutras partes de España, caso de Madrid, Barcelona ou Bilbao. Teñen feito tamén operacións puntuais con Xapón e están traballando agora para posicionar os seus viños noutros mercados do exterior.

As boas críticas e os premios que están a recibir os seus viños son un espaldarazo para o traballo da adega. “Este ano obtivemos dous terceiros premios na Feira do Viño de Valdeorras, tanto en brancos como en tintos, e temos tamén boas valoracións na guía de viños Peñín e na de viños galegos de Luis Paadín”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información