Celta e Lactalis baixan o prezo do leite ecolóxico no campo

A Fruga advirte de que ambas industrias levan meses trasladándolle ás granxas reducións de ata 3 céntimos no momento da renovación de contratos

Celta e Lactalis baixan o prezo do leite ecolóxico no campo

As granxas galegas de leite ecolóxico están a recibir propostas de contrato con baixadas de ata 3 céntimos por litro, segundo advirte a Federación Rural Galega (Fruga). A organización pide que as dúas industrias que están a trasladarlle ás granxas esa proposta de redución, Lactalis e Leche Celta, paralicen as baixadas unilaterais de prezo e que se abra un proceso de negociación co sector.

A Fruga lembra que cando o sector de leite ecolóxico estaba nos inicios, “estas empresas adicáronse a fomentar este tipo de produción e unha vez cubertas as súas necesidades de mercado, agora optan por impoñer prezos de xeito unilateral, sen que as explotacións poidan negociar”, critica.

A situación, segundo explica a organización agraria, afecta ás preto dun cento de granxas galegas que lle venden leite ecolóxico a Lactalis e Celta. Desde o sector, confírmase o escenario descrito pola Fruga. “As baixadas ás granxas oscilan entre 1 e 3 céntimos, non sabemos moi ben en función de que criterios, e comezaron hai xa uns meses, polo menos desde comezos de ano”, explica un gandeiro en ecolóxico.

Redución de incentivos ás granxas
A percepción no campo é que as industrias lácteas incentivaron nos últimos anos a conversión de granxas á produción ecolóxica e que agora, unha vez cuberto xa ese nicho de mercado, están eliminado incentivos, como era o de pagar un suplemento polo leite durante os dous anos do periodo de conversión da granxa á produción ecolóxica.

A baixada do prezo do leite ecolóxico, que era moi atractivo para as granxas, no entorno dos 50 céntimos, iría na mesma liña. “Desde as industrias argumentan que o mercado do leite ecolóxico xa está completo, pero é unha parte que non nos cremos. Se fose así, baixarían os prezos do leite ecolóxico nos supermercados e non percibimos que iso estea a pasar”, valora un técnico que traballa con granxas en ecolóxico.

Por outro lado, hai granxas que nos últimos meses consultaron coas industrias a posibilidade de pasar a leite ecolóxico e ambas industrias manteñen as portas abertas a collelas, segundo confirma este mesmo técnico.

Organizacións de produtores
Así as cousas, o certo é que a medida que cada granxa en ecolóxico ten que renovar o seu contrato, Lactalis e Leche Celta están trasladándolle baixadas de entre 1 e 3 céntimos. Durante o último ano, xurdiran alomenos un par de iniciativas para crear organizacións de produtores de leite ecolóxico, que terían a capacidade de negociar o conxunto do leite dos seus socios coas industrias, pero polo de agora ningunha se constituíu formalmente, polo que esa negociación colectiva aínda non é posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información