Catro de cada dez euros da nova PAC chegaránlle ás granxas por aspectos medioambientais

A Comisión Europea fai público un informe sobre a influencia do Pacto Verde nas axudas á agricultura e á gandería nos próximos anos. No orzamento da UE para o período 2021-2027 o 40% dos fondos da Política Agrícola Común deberá contribuír á acción polo clima

Abonadora

O uso de abonos químicos estará máis limitado nos vindeiros anos, igual que os antibióticos e os pesticidas

Os alimentos europeos, ademais de ser seguros, nutritivos e de alta calidade, deberán producirse cun impacto mínimo sobre a natureza. Será unha esixencia que agricultores e gandeiros terán que cumprir se queren seguir recibindo fondos da UE a través da PAC.

Máis aló da constante ameaza de redución de fondos para agricultura no próximo marco presuposto da UE, a Política Agrícola Común para o novo período 2021-2027 estará moi condicionada pola aprobación do Pacto Verde europeo e as Estratexias Da granxa ao garfo e de Biodiversidade para 2030 presentadas o pasado 20 de maio pola Comisión Europea.

Até o punto de que 4 de cada 10 euros da nova PAC deberán contribuír aos obxectivos ambientais establecidos nestes documentos, o que obrigará ás explotacións para modificar prácticas e estratexias actuais de funcionamento para manter as axudas. “A proposta de reforma da PAC da Comisión é compatible co Pacto Verde e as súas Estratexias asociadas de Biodiversidade e Da granxa ao garfo. A PAC ten potencial para acomodarse ás ambicións do Pacto Verde”, avanza a Comisión nun documento de traballo que vincula a reforma da PAC e o Pacto Verde.

“Está claro que a transición cara a unha agricultura e gandería máis sostibles debe estar apoiada por unha PAC que se centre no Pacto Verde. A nova PAC, que a Comisión propuxo en xuño de 2018, ten como obxectivo axudar aos agricultores para mellorar o seu desempeño ambiental e climático a través dun modelo máis orientado a lograr mellores estándares ambientais obrigatorios, novas medidas voluntarias e un maior enfoque sobre investimentos en tecnoloxías e prácticas verdes e dixitais”, engade.

A Comisión Europea destaca que os subsidios da PAC representan o 57% dos ingresos agrícolas netos na UE

A Comisión Europea destaca que os subsidios da PAC representan actualmente o 57% dos ingresos agrícolas netos na UE e defende o cambio de prioridades: “Necesitaranse investimentos para fomentar a innovación e crear sistemas alimentarios sostibles. A PAC tamén debe facilitar cada vez máis o apoio aos investimentos para mellorar a resiliencia e acelerar a transformación verde e dixital das granxas”, argumenta o Executivo europeo no propio documento que inclúe as 27 medidas da Estratexia Da granxa ao garfo para aplicar entre 2020 e 2030.

As disposicións clave da proposta da Comisión, que deben manterse na lexislación final da PAC segundo o acordado polo Consello e o Parlamento Europeo, inclúen:

  • un principio de “non retroceso” que obriga aos Estados membros nos seus plans estratéxicos da PAC a mostrar unha maior ambición ca na actualidade con respecto aos obxectivos relacionados co medio ambiente e o clima
  • un ambicioso sistema de condicionalidade que manteña estándares clave (en particular para a rotación de cultivos, a cobertura do chan, o mantemento de pasteiros permanentes, terras agrícolas dedicadas a áreas ou características non produtivas)
  • esquemas ecolóxicos obrigatorios para os Estados
  • gasto mínimo limitado para eco-esquemas e indicacións adicionais sobre prácticas agrícolas que poderían ser apoiadas por eco-esquemas
  • integración de elementos relevantes da lexislación sobre benestar animal e resistencia aos antibióticos na PAC
  • gastos de protección ambiental para o medio ambiente e o clima do 30% do orzamento de desenvolvemento rural para cada Plan Estratéxico da PAC, excluíndo pagos para áreas con limitacións naturais, así como a protección das intervencións sectoriais
  • requisitos de recompilación de datos e enfoques de datos comúns entre políticas
  • disposicións para mellorar a posición dos agricultores na cadea de subministración de alimentos

Maior poder de decisión dos Estados

A Estratexia Da granxa ao garfo carece de financiamento específico, polo que a Política Agrícola Común (PAC) seguirá sendo a ferramenta clave para apoiar a transición cara a sistemas alimentarios sostibles, acompañando esta transformación dos agricultores e gandeiros coa focalización dos fondos agrícolas cara a solucións innovadoras e prácticas de produción sostibles.

“É un erro seguir investindo diñeiro na economía do século XX, os fondos deben ir destinados a dixitalización e economía verde e circular. A PAC debe facilitar cada vez máis o apoio ao investimento para acelerar a transformación ecolóxica e dixital das explotacións agrícolas”, asegura Frans Timmermans, vicepresidente executivo da Comisión Europea e responsable do Pacto Verde.

É un erro seguir investindo diñeiro na economía do século XX, os fondos deben ir destinados a dixitalización e economía verde e circular (Frans Timmermans)

Unha das modificacións na distribución de axudas que propón Bruxelas coincide coas demandas históricas do sector agrogandeiro galego, ao que beneficiaría o cambio de criterio de repartición de ser confirmado polo Goberno español no seu Plan Estratéxico de distribución de fondos: “O requisito de mellorar a eficiencia e a efectividade dos pagos directos ao limitar e orientar mellor o apoio aos ingresos dos agricultores que cumpren coa ambición ecolóxica, en lugar de ás entidades e empresas meramente propietarias de terras agrícolas, segue sendo un elemento esencial da futura PAC. A capacidade dos Estados Membros para garantir isto debe establecerse nos Plans Estratéxicos”, defende a Comisión Europea.

esquema 9 obxectivos PAC 2021-2027

Neste sentido, o Executivo comunitario fará recomendacións a cada Estado membro sobre os nove obxectivos específicos da PAC, antes de que presenten formalmente os seus proxectos de Plans Estratéxicos. “A Comisión prestará especial atención á consecución dos obxectivos do Pacto Verde e os derivados da Estratexia Da granxa ao garfo e a Estratexia de Biodiversidade para 2030 solicitando aos Estados membros que establezan valores nacionais explícitos para eses obxectivos, tendo en conta a súa situación específica. Sobre a base destes valores, os Estados membros identificarán as medidas necesarias nos seus Plans Estratéxicos da PAC”, avanza Bruxelas.

Aínda que é a Comisión a que fixará as prioridades, unha das novidades da nova PAC é precisamente o maior poder de decisión que outorga aos distintos Estados membros da UE á hora de establecer os criterios para a repartición dos fondos, aínda que posteriormente as Autoridades comunitarias monitorizarán os resultados e o impacto real deses fondos para o cumprimento dos obxectivos marcados no Pacto Verde.

Ecoloxizar a PAC

esquema PAC 2021-2027

“A PAC seguirá sendo un instrumento clave para apoiar aos agricultores na transición cara a un sistema alimentario sostible”, avanzan desde Bruxelas. A proposta de reforma da PAC de 2018 xa se centra na sustentabilidade e vincula estreitamente o apoio da PAC á lexislación en materia de medio ambiente, clima e inocuidade dos alimentos.

Os Estados membros deberán utilizar un novo medio de financiamento do medio ambiente e o clima (“esquemas ecolóxicos”) a partir dos pagos directos da PAC, para alentar aos agricultores a adoptar ou manter prácticas que beneficien o medio ambiente e o clima de acordo co Pacto Verde. Esta nova posibilidade de pagos anuais en lugar de plurianuais (como os compromisos agroambientais e climáticos en vigor no período 2014-2020 baixo os Programas de Desenvolvemento Rural) “faraos particularmente atractivo para certos agricultores”, argumenta a Comisión Europea.

Os Estados deberán reservar unha parte dos pagos directos para o chamados eco-esquemas, aos que os agricultores e gandeiros poderán acollerse voluntariamente

Estes eco-esquemas, tamén chamados “réximes ecolóxicos”, ofrecerán unha importante fonte de financiamento para impulsar as prácticas sostibles, como a agricultura de precisión, a agroecología (incluída a agricultura ecolóxica), a creación de elementos paisaxísticos, a captura de carbono en chans agrícolas e a agrosilvicultura. A diversificación e rotación de cultivos, o mantemento de pasteiros permanentes e a conservación de zonas agrícolas de valor ecolóxico son algunhas das prácticas que a Comisión Europea pon como exemplos nun documento publicado a finais de 2019.

As normas obrigatorias dentro do sistema de condicionalidade proposto establecería unha liña de base para facer que a agricultura sexa máis sostible. As obrigas clave incluirían (entre outras) aquelas relacionadas coa rotación de cultivos, a protección do chan, o mantemento de pasteiros permanentes, a protección de humidais e turberas, as directivas sobre Rede Natura 2000 e a necesidade de protexer as características da paisaxe existentes ou dedicar unha área en cada granxa a características “non produtivas” .

As compensacións por zonas desfavorecidas non computarán directamente como fondos para mellorar o medio ambiente e evitaranse os investimentos en sistemas de rega

“A Comisión apoiará a introdución dun orzamento mínimo compartimentado para estes réximes ecolóxicos”, avanza, para asegurar que os Estados membros contan cos recursos necesarios nos seus Plans Estratéxicos para fomentar estas prácticas e formulará recomendacións neste sentido relativas aos nove obxectivos específicos da PAC para cada un dos Estados membros antes de que presenten oficialmente os seus respectivos proxectos de Plan Estratéxico (a análise relativa a España data do pasado mes de setembro).

Haberá un sistema para rastrexar o gasto nos plans da PAC relacionados unicamente cos obxectivos do cambio climático, excluídos outros obxectivos ambientais

Así mesmo, polo menos o 30% do orzamento de desenvolvemento rural dentro do segundo alicerce da PAC deberá destinarse a actividades de maior valor directo para o medio ambiente e o clima, excluída a compensación por áreas agrícolas con desvantaxes naturais (“pago por áreas que enfrontan limitacións naturais”), xa que, argumenta o Executivo comunitario, “o vínculo deste apoio cos beneficios ambientais e climáticos non é directo”. A proposta da Comisión tamén inclúe, por exemplo, elementos para evitar o apoio aos investimentos que poderían ser prexudiciais para o medio ambiente (por exemplo, “os investimentos en rega non son coherentes cos obxectivos da Directiva Marco da Auga”, di).

Producir alimentos sans cunha agricultura máis sostible

As dúas patas fundamentais da Estratexia Da granxa ao garfo no que se refire á transformación da produción agrícola e gandeira da Unión Europea son a redución á metade na próxima década do uso de antibióticos e pesticidas, así como un 20% o uso de fertilizantes químicos á vez que se multiplica por tres a superficie actual destinada a agricultura ecolóxica ata alcanzar en 2030 o 25% da superficie agraria total.

A Comisión desenvolverá xunto cos Estados membros un plan de acción de xestión integrada de nutrintes para diminuír nun 50% as perdas de nutrintes dos chans agrícolas, garantindo que non se deteriore a súa fertilidade, o que permitiría reducir en polo menos un 20% o uso de fertilizantes e previr a contaminación polo seu uso excesivo, aplicando plenamente a lexislación vixente sobre contaminación por nutrintes (nitratos e fosfatos), ademais de fomentar a reciclaxe de nutrintes procedentes de distintas formas de residuos orgánicos como fertilizantes.

Será necesario diminuír nun 50% as perdas de fertilidade do chan e fomentar o uso de fertilizantes orgánicos evitando a contaminación por nitratos e fosfatos

Para alcanzar o obxectivo de triplicar o peso da agricultura ecolóxica na UE, é fundamental fomentar a demanda. Ademais das medidas incluídas na PAC, a Comisión presentará un plan de acción sobre agricultura ecolóxica. Isto axudará aos Estados membros a estimular tanto a oferta como a demanda de produtos ecolóxicos e garantir a confianza dos consumidores mediante campañas de promoción e grazas á contratación pública ecolóxica na compra de alimentos ou contratos de subministro para organismos e institucións públicas como colexios ou hospitais, así como a posibilidade de establecer taxas impositivas diferentes máis baixas para os produtos ecolóxicos.

A Comisión presentará un plan de acción sobre agricultura ecolóxica que incluirá a posibilidade de establecer taxas impositivas máis baixas para os produtos ecolóxicos

Ademais, co fin de mellorar a resiliencia dos sistemas alimentarios rexionais e locais, a Comisión, coa intención de crear cadeas de subministración máis curtas, apoiará a redución da dependencia do transporte de longa distancia (aproximadamente 1.300 millóns de toneladas de produtos agrícolas, forestais e pesqueiros primarios foron transportados por estrada en 2017 dentro da UE, segundo os datos de Eurostat).

Cultivar carbono

grafico abono orgánico no solo por países

Esta nova estratexia da UE ten por obxecto recompensar aos agricultores e outros operadores da cadea alimentaria que xa superasen a transición cara a prácticas sostibles, facilitar a transición para os demais e crear oportunidades adicionais.

“Un exemplo de novo modelo de negocio ecolóxico é a captura de carbono por agricultores e silvicultores. As prácticas agrícolas que eliminan o CO2 da atmosfera contribúen ao obxectivo de neutralidade climática e deben ser recompensadas, xa sexa mediante a Política Agrícola Común ou con outras iniciativas públicas ou privadas (mercado do carbono)”, propón a Comisión.

Bruxelas propón estender o mercado do carbono á agricultura para facer da captura de carbono un novo modelo de negocio agrícola

“Dispoñer dunhas regras de certificación sólidas sobre o secuestro de carbono na agricultura e a silvicultura son o primeiro paso para permitir pagos aos agricultores e silvicultores por esas prácticas. Os Estados membros poderían utilizar estas normas para deseñar pagos da PAC baseados no carbono secuestrado. Ademais, as empresas privadas tamén poderían estar interesadas en comprar os devanditos certificados para apoiar a acción climática, proporcionando así un incentivo adicional (ademais dos pagos da PAC) aos agricultores e selvicultores para o secuestro de carbono”, argumenta o Executivo comunitario.

As prácticas agrícolas de agricultores e silvicultores que eliminan o CO2 da atmosfera poderán ser recompensadas a través da PAC

A Comisión Europea sostén que “a economía circular de base biolóxica segue sendo un potencial en gran medida sen explotar para os agricultores. Por exemplo, as refinerías biolóxicas avanzadas que producen biofertilizantes ou biogás a partir de residuos. As granxas e os alpendres son tamén a miúdo perfectos para colocar paneis de enerxía solar e os agricultores deben aproveitar as oportunidades para reducir as emisións de metano do gando desenvolvendo a produción de enerxía renovable e investindo en dixestores anaeróbicos para a produción de biogás a partir de residuos agrícolas e gandeiros, como o esterco. E estes investimentos deben ser priorizadas nos Plans Estratéxicos da futura PAC”, exemplifica Bruxelas.

Monitorizar a pegada ecolóxica das explotacións

grafico emisions amoniaco 1995-2016 UE

A toma de datos tamén será unha nova condición para o traballo das explotacións nos próximos anos. Na proposta de revisión da PAC máis aló de 2020 inclúese a obrigatoriedade de monitorizar ás explotacións desde o punto de vista ambiental, cuantificando a súa pegada de carbono, uso da terra ou utilización de nutrintes, insecticidas, herbicidas e antibióticos.

Estes indicadores de sustentabilidade personalizados das explotacións permitirán facer un seguemento e analizar a súa evolución en comparación coas medias rexionais e nacionais, ofrecéndose ademais aos agricultores e gandeiros servizos de asesoramento personalizados e apoio a iniciativas e prácticas que permitan, por exemplo, a captura de carbono por parte das explotacións.

A proposta de revisión da PAC máis aló de 2020 inclúe a obrigatoriedade de monitorizar ás explotacións desde o punto de vista ambiental

Para loitar contra os efectos do exceso de fertilización (sobre todo de nitróxeno e fósforo), a Comisión traballará asimesmo cos Estados membros para ampliar a aplicación de técnicas precisas de fertilización e prácticas agrícolas sostibles, especialmente nas zonas críticas da gandería intensiva, así como na reciclaxe de residuos orgánicos en fertilizantes renovables. Isto realizarase tamén mediante medidas que os Estados membros deben incluir nos seus plans estratéxicos da PAC.

Do mesmo xeito, revisarase a Directiva sobre o uso sostible de praguicidas impulsando a xestión integrada de pragas (XIP) e promovendo un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos e ou a cavadura mecánica das malas herbas, que pasarán a ser algunhas das ferramentas principais para reducir o uso e a dependencia de pesticidas químicos en xeral, e o uso daqueles pesticidas máis perigosos en particular . “As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas a través da PAC serán de suma importancia e os Plans Estratéxicos deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento”, indica a Comisión Europea, que avanza que facilitará “a comercialización de praguicidas que conteñen substancias biolóxicas activas” en substitución de produtos en entredito na actualidade como o glifosato e propoñerá cambios no Regulamento de 2009 sobre estatísticas de praguicidas para superar a actual falta de datos.

Internet rápido en todas as zonas rurais dentro de cinco anos para permitir a dixitalización das granxas

Dentro da Estratexia Da granxa ao garfo tamén se inclúe o obxectivo de que todas as zonas rurais teñan acceso a internet de banda ancha rápida para 2025, a fin de permitir a innovación dixital. “Os servizos de asesoramento agrícola da PAC e a rede de datos de sustentabilidade da granxa serán fundamentais para axudar aos agricultores na transición”, asegura o Executivo comunitario. Pero para iso, admite, “todos os agricultores e todas as áreas rurais necesitan estar conectados a internet rápida e fiable, que é un facilitador clave para empregos, negocios e investimentos en áreas rurais, así como para mellorar a calidade de vida nestas zonas”.

“O acceso a Internet de banda ancha rápida tamén permitirá incorporar a agricultura de precisión e o uso de intelixencia artificial, o que, en última instancia, reducirá os custos para os agricultores, mellorará o manexo do chan e a calidade da auga, e reducirá o uso de fertilizantes, pesticidas e emisións”, afirma a Comisión Europea, que se marca como obxectivo “acelerar o despregamento da internet de banda ancha rápida nas zonas rurais para lograr o obxectivo do 100% de acceso para 2025”.

A Comisión Europea pretende que en 2025 o 100% das zonas rurais da UE dispoñan da internet de banda ancha

A transferencia de coñecemento será esencial, asegura a Comisión Europea. Por iso, con cargo ao programa Horizon Europe investiranse 10.000 millóns de euros en investigación e innovación relacionada con alimentos, bioeconomía, recursos naturais, agricultura, pesca, acuicultura e medio ambiente, así como no uso de tecnoloxías dixitais e solucións baseadas na natureza para o sector agroalimentario. “A investigación e a innovación (I+i) son motores fundamentais para axilizar a transición cara a sistemas alimentarios sostibles e saudables”, xustifica o Executivo comunitario.

Máis información: 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información