Os contratos homologados polo Ministerio para a compra venda de uva, vixentes en Galicia nas denominacións de orixe de Rías Baixas e na do Ribeiro, están a ter unha implantación limitada no sector. Para a vendima 2015, só catro adegas de Rías Baixas asinaron contratos con 84 produtores para un total de 40 hectáreas, segundo os datos que expuxo está mañá a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, na Comisión de Agricultura do Parlamento.
Ulloa defendeu que a Consellería do Medio Rural é unha “firme defensora” da implantación dos contratos homologados, “xa que benefician a todas as partes”, e avanzou que as axudas a adegas no 2016 primarán a aquelas que adquiran o 100% da uva a través de contratos homologados. A directora xeral tamén se amosou partidaria non só de consolidar os contratos homologados en Rías Baixas e no Ribeiro senón de extendelos a outras denominacións galegas.
Prazos
Ao respecto da vendima 2015, o deputado socialista, Pablo García, inquiriu na Comisión a Patricia Ulloa polos problemas que se veñen detectando tradicionalmente para acometer os pagos da uva en tempo, xa que aínda que a Ley de la Cadena Alimentaria obriga a facer os pagos a 30 días, é común que estes se retrasen varios meses.
“Temos mesmo o caso dunha cooperativa que ten pagos pendentes do 2011 e hai moitos viticultores que aínda teñen sen cobrar a uva do ano pasado ou a de hai dous anos”, sostivo García. O socialista tamén criticou que este ano houbese acordos para mercar a uva en Rías Baixas por 70 céntimos o quilo, “cando o custo de produción está en 90 céntimos”, valorou.
En relación con estas cuestións, a directora xeral, Patricia Ulloa, sinalou que a Administración estaba a intermediar entre as partes para lograr que os produtores cobren no menor prazo posible. Sobre os prezos, Ulloa advertiu de que se deben acordar libremente entre as partes.