Castro de Rei homenaxea a súa galiña autóctona o día 27

A parroquia de San Xiao de Mos, da que toma o nome a única raza de galiña galega que se conserva, celebra unha xornada que conta con exposición de exemplares en vivo, concurso morfoloxico e degustación

Momento da comida-degustación de pratos elaborados con Galiña de Mos nunha edición anterior

Momento da comida-degustación de pratos con Galiña de Mos elaborados in situ.

O domingo 27 de outubro, a parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, celebra un ano máis a súa Expodegustación de Galiña de Mos. A cita, que se celebra no campo da festa da parroquia, a carón da igrexa, inclúe diversos actos durante toda a xornada para promocionar a única raza de galiña galega que se conserva e que toma o seu nome deste lugar.

Un grupo de veciños e criadores, pertencentes á Asociación de Veciños, organizan un ano máis en colaboración co Concello de Castro de Rei, a Deputación, Avimós e Leitigal, unha degustación que se servirá nunha carpa para máis de 700 comensais. O xantar realízase no mesmo lugar a cargo dun equipo de cociñeiros profesionais. O menú inclúe empanada de carne, unha ración completa de galiña acompañada de ovos fritos e patacas, pan, bebida e queixo da empresa local Leitigal de postre. Os veciños que crían esta raza implícanse de cheo na celebración xa que son eles mesmos os que crian os máis de 200 galos que se ofrecen na comida, a partir da unha e media da tarde.

Desde primeira hora da mañá, nunha carpa anexa, haberá exposición de exemplares de Galiña de Mos, de criadores da zona e da comarca da Terra Chá, patrocinada polo Concello de Castro de Rei en colaboración con Avimós. O concurso, no que se reparten premios aos mellores exemplares, chega á súa VII edición. Comezará ás 10 e media da mañá e acudirán á cita uns 70 criadores.

Entrega de premios aos participantes no concurso morfolóxico nunha edición anterior

Entrega de premios aos participantes no concurso morfolóxico nunha edición anterior

Haberá tamén, como complemento, diversas actividades durante todo o día, como exposición de maquinaria agrícola, feira de artesanía e diversas actuacións que animarán a xornada festiva, como xogos populares e música. A partir das dez e media da mañá, hora na que abrirá o recinto feiral, o público asistente poderá disfrutar dunha exposición de vehículos clásicos e dos distintos stands de artesanía. Durante todo o día, o grupo de música tradicional Foliada de Bosende animará a xornada. Xa pola tarde, tralo xantar, haberá xogos populares a cargo da asociación Cadaval e tamén unha actuación musical de José Anido a partir das catro da tarde.

cartel Expodegustacion Galiña de Mos 2019

Unha das razas de galiña máis antigas da península

Expolugo 2019 galiña de Mos

A galiña de Mos é unha das razas de galiñas da Península Ibérica máis antigas. A orixe xenética da Galiña de Mos, foi coa chegada dos celtas a Galicia, pobo que introduciu este tipo de aves. Estaba extendida por todo o interior de Galicia pero para facer a selección da raza mercáronse no ano 2000 os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo, dándolle á raza o nome de Galiña de Mos.

A raza Galiña de Mos está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e a súa carne conta tamén co selo Autóctona 100%.

Pero pese a que nas últimas décadas estivo ao borde da extinción, hoxe podemos voltar a desfrutar da súa beleza e da calidade da súa carne grazas ao esforzo dos criadores. A Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós) é a entidade encargada da súa promoción e recuperación.

A galiña de Mos ten unha crista moi característica, denominada técnicamente en chícharo por ser pequena e ter tres filas de papilas e puntos. E unha raza moi dura e adáptase perfectamente ás condicións climatolóxicas máis extremas, polo que é ideal para a cría ao aire libre. A carne de galiña de Mos, de cor máis escura, ten unha porcentaxe de pel e de graxa subcutánea, ao igual que na peituga e no zanco moi inferior ás estirpes industriais. Ao mesmo tempo, contén maior contido en Omega 3 e Omega 6.

O proceso de recuperación da raza

poliños Galiña de MosTralas alarmantes noticias que se tiñan sobre o gravísimo risco de extinción da raza, a mediados do ano 2000, a Xunta de Galicia inclúe á Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e desde a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da administración galega, comézase o Programa de recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos.

O programa de recuperación da raza dividíuse en tres fases principais, comprendidas en periodos de seis anos, comezando actualmente o terceiro ciclo, que incluirá unha inclusión definitiva nos mercados. As medidas principais de cada unha das fases foron as que se sinalan:

Fase 2000-2006: documentación, estudo, localización de exemplares, aprobación do patrón da raza, conservación de grupos reprodutivos, creación de Avimós, incremento de censos, establecemento do Libro de Rexistro.

Fase 2007-2013: Incremento de censos dos grupos reprodutivos, expansión, fomento, marketing, creación de marcas individuais, entrada dos produtos nos mercados, propostas de adaptación de normativas, estudos de investigación.

Fase 2014-2020: Incremento da producción, mellora da produción e especialización das explotacións avícolas, innovación no sistema produtivo e de comercialización, estratexias de comercialización, potenciación do concepto de raza, campañas de información.

Nas primeiras prospeccións constatouse o deterioro que estaba sufrindo a raza ó localizar os poucos exemplares que quedaban.

Trala observación dos resultados dos exemplares que se tiñan e sobre a base dos datos históricos observados, redactouse o patrón da raza e se creou o Rexistro de exemplares, tendo oficialidade coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001.

No mesmo ano, os escasos criadores da raza que había neses momentos, conscentes do grave deterioro que sufrían os seus exemplares, crean a Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos (AVIMÓS) co obxetivo de aglutina-los esforzos na recuperación da raza.

O impulso definitivo para a recuperación da raza foi a creación, a finais do ano 2001, da Unidade de Recuperación da raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, pertencente á administración galega.

Dez anos despois, no ano 2011 chegou a haber 500 criadores inscritos no Rexistro de Criadores e no de Reprodutores, do Libro de Rexistro da raza. Como era previsible o número de criadores vai descendendo, debido a unha maior profesionalización das ganderías existentes, que teñen que obter o código REGA, pero buscando unha maior media de reprodutores por explotación, pretendendo unha maior especialización e unha maior rendibilidade de cada explotación.

Este programa de recuperacion da raza está a dar os seus froitos, xa que considérase que existe un número suficiente de femias reprodutoras, actualmente de en torno a 6.000, para pasar a obxectivos máis ambiciosos. Pese a iso a Unión Europea, para considerar a unha raza de galiñas como fóra do perigo de abandono, indica que debe superar as 25.000 femias reprodutoras, cifra que aínda está moi lonxana.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información