Casal Novo: A historia de 5 socios que se uniron para producir o mellor viño de Valdeorras

Sat Casal Novo é unha das adegas máis novas da Denominación de Orixe Valdeorras pero tamén unha das que acumula máis distincións para os seus viños. A clave: apostar por unha viticultura moderna e pola colaboración entre pequenos produtores

Publicidade
Casal Novo: A historia de 5 socios que se uniron para producir o mellor viño de Valdeorras

Sat Casal Novo é unha das adegas máis novas da Denominación de Orixe Valdeorras pero tamén unha das que acumula máis distincións para os seus viños. A clave foi apostar por unha viticultura moderna e pola colaboración entre pequenos produtores

Así, esta sociedade naceu no ano 2000 no concello de Rubiá da man de 5 veciños da zona, todos eles con tradición familiar na viticultura e que decidiron crear unha sociedade para modernizar os viñedos e seren competitivos.

“Somos 5 socios, eu, José Luis, Fernando, Luis Arias, Miguel Ángel Rodríguez e Mari Carmen López. Xa eramos amigos de antes, todos contabamos cos nosos traballos e tamén con pequenos viñedos que herdáramos dos nosos pais e que non queríamos deixar abandonados, polo que decidimos xuntarnos para ser máis competitivos e cultivar a viña e elaborar o viño en común”, explica José Luis García Pando, un dos socios, que compatibiliza o seu traballo de funcionario da Xunta de Galicia coa presidencia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Para o vindeiro ano plantarán 2 hectáreas de Godello e de variedades tintas como Brancellao e Sousón

Na actualidade a SAT Casal Novo conta con 7 hectáreas de viñedo, das que 4 son da variedade Godello e 3 de Mencía. “Para o próximo ano temos previsto plantar outras 2 hectáreas no entorno da adega, principalmente de Godello pero tamén doutras variedades tintas como Brancellao e Sousón, pois nos tintos o coupage de distintas castes funciona moi ben”, avanza José Luis García Pando. Paradoxalmente, lograr parcelas dun tamaño rendible é complicado nesta zona debido ao elevado minifundio, malia que moitas fincas se atopan abandonadas.

A maior parte dos traballos nos viñedos e en adega realízano os propios socios, compatibilizándoo coas súas ocupacións. No ano 2004 deron un salto cualitativo ao recibir o Casal Novo Mencía o premio ao mellor viño tinto de Galicia nas catas organizadas pola Consellería de Medio Rural. Outra data importante foi no 2007, cando inauguraron a nova adega na aldea de Malladín, unhas modernas instalacións con capacidade para elaborar ata 80.000 litros.

Neste momento elaboran uns 50.000 litros anuais, coa previsión de medrar a medida que entren en plena produción os viñedos que plantaron hai 7 anos, así como as novas plantacións que teñen previsto realizar.

Tanto Casal Novo Godello como Casal Novo Mencía son viños xóvenes que están a colleitar éxito de crítica e de mercado. As claves son un manexo da viña esmerado, cun cultivo de forma selectiva, individualizada e respectuosa co medio ambiente. O outro elemento que diferencia estes viños é o terroir. E é que os viñedos de Casal Novo (Valdegollufe, A Ponticela ou Val de Seara, son algúns deles), están situados nas terras altas de Valdeorras, en Rubiá, cunha altura media de 550 metros. “Son terreos ideais para a viticultura, e de feito aquí aplicamos moi poucos tratamentos fitosanitarios. Os solos son pizarrosos pero mesturados con calizas e temos moita luminosidade ao longo do ano, o que permite lograr unha uva excelente”, explica José Luis.

“Os terreos de Rubiá son ideais para a viticultura”

En canto aos mercados, arredor do 50% dos viños de Casal Novo comercialízase en Galicia, un 35% no resto de España e en torno ao 15% expórtase, principalmente a Estados Unidos, Inglaterra e Alemaña, países todos eles onde a palabra Godello está de moda e xa se asocia a un viño branco sorprendente.

En canto ás previsións para este ano, nesta adega agardan unha vendima normal, iso si, con algo de atraso, e cunha produción lixeiramente inferior debido á maior incidencia das enfermidades fúnxicas.

Unha adega nova pero cun importante palmarés de premios

casal_novo_botellasMalia levar só 18 anos no mercado, os viños de Casal Novo xa contan cun envexable palmarés de premios. Así, no 2004 o seu Mencía foi distinguido como o mellor viño tinto de Galicia; no 2017 o seu Godello obtivo o Primeiro Premio en brancos na Feira do Viño de Valdeorras; na prestixiosa lista de Robert Parker son valorados anos tras ano por riba dos 90 puntos, ao igual que na Guía Peñín. E no 2016 a Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia que dirixe o coñecido sumiller Luis Paadín, outorgoulle a medalla de ouro ao Casal Novo Godello 2014.

“Sen dúbida os premios e as boas críticas axúdannos a vender mellor, pero a nosa maior satisfacción e o que máis nos motiva son os clientes que gozan cos nosos viños”, conclúe José Luis García Pando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información