Casa Paulos: “Levábamos varios anos producindo en ecolóxico pero sen cobrar por elo”

Esta gandería de pastoreo do Candán acaba de formalizar o cambio para que o seu leite sexa ecolóxico. Levaban anos xa asentados no respecto ó medio que implica esta produción e os cambios foron mínimos

Casa Paulos: “Levábamos varios anos producindo en ecolóxico pero sen cobrar por elo”

María Isabel coas súas vacas.

Casa Paulos é unha gandería da parroquia de Refoxos, en Silleda, que deu o paso cara a produción en ecolóxico. Estes son os primeiros meses nos que o seu leite ten xa esta catalogación logo dun período de dous anos de conversión no que se foron forxando os axustes precisos para encaixar nesta produción máis respectuosa co medio. No seu caso, como explica María Isabel Rozas Taboda, a súa propietaria, os cambios foron mínimos. Sen percibilo como tal, levaban anos cun manexo propio da produción ecolóxica “pero sen cobrar por elo”, recoñece Taboada.

Cunha explotación de preto de 50 cabezas, muxindo 29 vacas, María Isabel optou por cambiar cara a produción ecolóxica ante os prezos que o leite estivo rexistrando en anos pasados. “Chegaron a pagarnos a 18 céntimos e non podíamos seguir así”, explica esta gandeira. Aínda que os primeiros dous anos no período de conversión, nos que xa comezaron a cobrar algo mellor o leite, tampouco foron fáciles, sobre todo os últimos seis meses, cando debe facerse o cambio de penso que implica importantes gastos. “As contas estes meses son difíciles de cadrar porque pagas 48 céntimos por quilo de penso e apenas cobras 5 céntimos máis ca en convencional”, explica María Isabel. O cambio comezarán a notalo xa nestes vindeiros meses, coa transición xa rematada agardan que ó prezo base se lle sumen 20 céntimos, e se sitúe en torno ós 53 céntimos, máis calidades.

O penso ecolóxico, un dos maiores cambios

Un dos maiores cambios que implicou o paso cara a produción ecolóxica para esta explotación foi comezar a alimentar as súas vacas tamén con pensos con esta distinción. “Seguimos cos mesmo animais e o resto mantense igual pero no leite nótase o cambio. Nesta casa somos grandes consumidores de leite, producímolo pero tamén o comemos. Vese xa cando ferves o leite que é mellor, ten moita máis nata”, explica María Isabel.

A produción apenas notou variacións co paso a ecolóxico e seguen sen facer programación de partos. O que si mudou foi de comprador. Antes producía para unha queixería e agora véndello a Leche Celta.

Achacan ó cambio na alimentación algunhas melloras que percibiron nos últimos meses. “Pasar a darlle algo totalmente natural ó animal é como o día e a noite”, sentenza María Isabel. Con este cambio deixaron de ter problemas nas patas. “Antes tamén tiñamos moitos problemas de acetona que se eliminaron completamente”, reafirma a gandeira. María Isabel teno claro: “A xente que está en convencional ganaría cartos se optase por dar penso ecolóxico, porque mellora a saúde do animal”, ratifica.

Xatas-

María Isabel cunha das xatas do rebaño.

Xunto co penso, outra das modificacións máis significativas foi con respecto ás xatas máis novas: “Antes esperabamos máis tempo para levalas ó prado, e agora obrigan a que ós 4 meses estean xa en pastoreo. E non che é mal sistema”, recoñece María Isabel, conforme co cambio. Tampouco diferencian por lotes. Unha vez que saen pastar ó prado o rabaño compóñeno tanto xatas como vacas secas e as que están en plena produción.

“Hai máis de 6 anos que non botamos química nos prados nin sulfatamos”, recalca a gandeira

Pastos sen química

Unha das principais restricións á hora de optar pola produción ecolóxica é o emprego de fertilizantes e abonos químicos nos cultivos. En Casa Paulos xa desterraran hai anos o emprego de boa parte deles. “Hai máis de 7 anos que non botamos química nos prados. ¿Para que empregala se están producindo igual?”, recalca a gandeira.

Tampouco optan por anovalos anualmente. “Aquí ninguén o fai, hai moitas pedras e se traballas a terra ó final tes que sacalas”, explica. So sementan puntualmente e contan cunhas 23 hectáreas de pradeiras. A esta superficie súmanse arredor de 10 hectáreas máis con arborado que actualmente non empregan para o gando pero que podían destinar tamén de verse obrigados. En todo caso, non entra nos seus plans aumentar o número de cabezas.

Xovencas-Casa-Paulos-

As xatas comezan a ir ó prado ós 4 meses, logo duns días de adaptación nas fincas máis próximas á granxa.

Tampouco sementan millo dende hai 14 anos, polo que non lles afectan as restricións dos herbicidas. A base da alimentación desta cabana está nas pradeiras, onde botan boa parte do día, no penso que inclúe entre outros ingredientes chícharo forraxeiro, e tamén no silo de herba.

“O ecolóxico e os antibióticos non se levan ben”, alude a gandeira con referencia ó incremento das restricións no emprego destes tratamentos. Polo de agora tampouco creen que estas limitacións vaian ser un problema.

Un control exhaustivo

A xestión dos xurros tamén tivo que adaptarse ó ecolóxico. Hai anos que só abonan co xurro da explotación e abono procedente de granxas de polos co que complementan unha vez ó ano. Sen embargo, agora este abono que mercan debe contar co selo ecolóxico. Ademais, realízase un control exhaustivo do nitróxeno por parcela. “Temos unha finca que sabemos que non pode levar máis de cinco cubas ó ano para non sobrepasar o límite de nitróxeno”, puntualiza.

Como co xurro, o control exhaustivo é parte da clave do éxito do ecolóxico. Así levan un rexistro meticuloso de tódalas actividades da gandaría. Así, anotan dende os prados onde van pastar cada día as vacas, os xurros que empregan, a produción de herba de cada parcela, a produción dos animais ou o penso que consumen.

O xabarín e o lobo

Nunha explotación de vacún cos montes do Candán como ubicación, parece de esperar que tivesen máis dunha ameaza por parte da fauna salvaxe. O xabarín é o seu quebradeiro de cabeza habitual e, de feito, María Isabel quéixase de que “nos revolve moito as pradeiras, hai moitos e fan moitos estragos”.

Pola contra, ata o momento non tiveron ningún problema co lobo. “As nosas vacas tampouco quedan fóra polas noites, e polo día de momento nunca tivemos problemas cos lobos”, apunta. Con elas non quedan nin tan sequera os dous cans que teñen e que si colaboran no manexo. “Teño visto o lobo pasar cerca das vacas pero de momento nunca pasou nada”, recorda Carmen Liñares, que foi xunto co seu defunto marido Manuel Álvarez, quen comezaron cunha explotación de 9 vacas.

Casa-PAulos-

Como para a gandería Casa Paulos, a produción en ecolóxico resulta unha alternativa cada vez máis factible para explotacións de extensivo e son moitos os que deciden dar o paso. Así, en Tixoa, onde todas explotacións están en pastoreo, tamén outra gandaría optou recentemente por cambiar a ecolóxico. Aínda se atopa no período de conversión o que provocou que “este mes estean vindo dous leiteiros de Celta á aldea, para recoller o leite separado”, apunta Isabel.

“Xa estabamos usando produtos que nos funcionaban moi ben e que se adaptan para a produción en ecolóxico”

(Nova de empresa) A transformación á produción en ecolóxico non fixo que Casa Paulos tivese que mudar os produtos que empregaba para a limpeza das súas instalacións nin dos seus animais, posto que eran xa axeitados para un manexo respectuoso. Son os produtos que levaban anos adquirindo á firma Proquideza, unha industria con fábrica en Lalín e que é un referente en España pola calidade dos seus produtos de hixiene gandeira.

No establo non tiveron que facer cambios para producir en ecolóxico.

No establo non tiveron que facer cambios para producir en ecolóxico.

A gandeiría Casa Paulos utiliza o xabrón de lavado Bactoclor, un deterxente alcalino clorado en base a hidróxido sódico con 5% de cloro activo. Tamén empregan para a limpeza Decalcid, un desincrustante en base a ácido nítrico. ” A limpeza na explotación é unha das cousas máis importantes”, explica Isabel.

Xunto a eses produtos tamén empregan o sellador Phytodip, un baño de pezóns desinfectante composto de ácido láctico, extractos naturais de plantas e colorantes naturais. Un sellador a base exclusivamente con materias primas de carácter alimentario que se comercializa tanto para ganadeirías en ecolóxico como en convencional, de aí que Casa Paulos siga agora empregandoo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información