Casa de Ferreira, redución de enfermidades a base de cruzamentos

Jesús Ángel Trabada Dorado recolleu a comezos de novembro un dos galardóns Exceleite, un recoñecimento ao seu bo facer no ámbito hixiénico-sanitario na produción de leite. Hai unha década apostou por cruzar as súas vacas frisonas con touros de raza montbeliarde e rojo sueco para gañar en saúde dos seus animais. Cóntanos a súa experiencia.

Casa de Ferreira, redución de enfermidades a base de cruzamentos

Jesús Ángel Trabado, de Casa de Ferreira.

Casa de Ferreira é unha explotación familiar situada no lugar de Millares, na parroquia da Baña, pertencente ao concello lucense de Baleira. Hoxe só queda unha vaca frisona pura nesta gandería, que pasa por ser unha das 20 mellores explotacións galegas tendo en conta parámetros hixiénico-sanitarios.

Como se logra iso?. Jesús Ángel Trabada resposta con naturalidade: “eu non fago nada especial, sigo o protocolo habitual de muxido, repoño unha vez ao día as camas, que son de colchón de nitrilo con carbonato por enriba, e límpoas dúas veces, pola mañá e pola noite. Fago o mesmo que fai todo o mundo, pero son meticuloso, porque me gusta facer as cousas ben”, afirma restándolle importancia a uns datos que amosan, segundo as analíticas do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) do mes de novembro, unha media de 4,6% de materia graxa, 3,5% de proteína, 102.000 células somáticas e menos de 10.000 no reconto bactereolóxico.

“As razas híbridas dan menos problemas de mamite e empreñan mellor” (Jesús Ángel Trabada)

Casa de Ferreira funcionou como SAT até fai tres anos, cando Jesús e Carmen se xubilaron e o seu fillo Jesús Ángel continuou á fronte da gandería á que se incorporara no ano 2005, con só 24 anos. Fai agora 7 anos que cambiaron as súas vacas para unha cuadra nova que lles permitíu dar un salto en tamaño desde o medio cento de cabezas que tiñan daquela aos 128 animais que teñen hoxe (65 en produción, 12 secas e o resto novillas).

O proceso de crecemento foi paulatino porque se fixo con recría propia. “Desde que fixemos a nave nova, só mercamos 3 vacas”, conta Jesús Ángel, que achaca unha parte da mellora da súa explotación ás novas instalacións e outra parte á aposta pola combinación de razas.

O rabaño da explotación é integramente de cruces.

O rabaño da explotación é integramente de cruces.

“Xa non tiña horas bastantes para atender todos os días aos veterinarios, así que decidín probar”. Así explica Jesús Ángel a decisión que tomou hai 10 anos de facer cruzamentos das súas vacas frisonas de produción de leite con outras razas como montbeliarde ou roja sueca.

Todos os animais que ten hoxe son cruces en rotación seguindo o método Procross. “Tiña todo frisón e inseminei todas as vacas o primeiro ano con montbeliarde, a ese primeiro cruce púxenlle rojo sueco e ás xatas resultantes dese segundo cruce volvín poñerlles touros frisóns. Logo volves empezar de novo con montbeliarde e así sucesivamente”, explica Jesús Ángel. Fai el mesmo as inseminacións e xa vai pola segunda volta “porque como vía que me ía ben, seguín”, di.

Entre as vantaxes que atopa di que estas razas híbridas “enferman menos que as frisonas puras porque non dan problemas de mamite, nin de cuajar e empreñan moito mellor”. En canto á produción, di: “no meu caso eu non lles notei nada, pero tampouco é que as aperte moito, así que non sei como se comportarían con respecto a unha vaca frisona con 15 quilos de penso”. Pero é rotundo en canto á calidade: “o que si logrei foi mellorar en calidade, porque desde que comecei cos cruces empecei a subir bastante en graxa e en proteína e iso hoxe ten moita demanda”, di.

Leite con caseína BB
Desde fai 4 anos, Jesús Ángel entrega o seu leite a Entrepinares, a queixaría que provee a Mercadona desde a súa fábrica de Vilalba, onde nos vindeiros anos a empresa castelá ten pensado concentrar o 50% da súa produción. Industrias coma esta demandan un tipo de leite coma o que produce Jesús Ángel. “Ás queixarías dálles igual o volume que teñas, o que queren é graxa e proteína, porque iso non o poden facer con máquina, ou o fan as vacas en orixe ou iso é imposible”, argumenta. Entrepinares págalle en proteína a partir de 3,10 a 6 euros/tonelada e a a graxa a partir de 3,70 a 3 euros/tonelada.

“Entrepinares quere leite con caseína BB porque axuda a callar o leite para os queixos”

Jesús Ángel basea a rendibilidade da súa explotación na calidade do leite que produce e agarda que en pouco tempo ese sexa o criterio fundamental á hora de pagarlle ao gandeiro. “Hoxe hai leite e leite, pero non todo é leite de calidade, e eu espero que as empresas empecen a valorar máis iso, e que teñan en conta tamén a caseína BB e a betacaseína A2, ademais da graxa e a proteína. Agora non o fan porque non o mira o Ligal, pero eu espero que a curto prazo empece a aparecer nas analíticas e as industrias empecen a valorar esas cousas e empecen tamén a pagar en quilos de sólido e non en litros de leite líquido. Nestlé xa o fai e noutros países como en Dinamarca ou en Italia esa forma de pago do leite xa é unha práctica extendida”, argumenta.

Así que o que Jesús Ángel lle mira aos touros cos que insemina as súas vacas son os niveis de graxa e proteína, pero tamén parámetros como a caseína BB e a betacaseína A2. “Poño as dúas cousas, porque non sabes en que empresa vas estar dentro duns anos. Agora mesmo Entrepinares quere caseína BB porque axuda a callar o leite para facer queixo, pero iso ás empresas de leite líquido dalles igual e non o valoran, para elas o interesante é a betacaseína A2, así que quero que as miñas vacas produzan as dúas cousas para ter máis posibilidades de entrega”, argumenta.

E aínda que neste momento non sexa tido en conta á hora de fixar o prezo do leite que cobra, “os touros custan o mesmo, así que vas pouco a pouco, porque isto non se fai do día para a mañá”, xustifica. A súa explotación, Casa de Ferreira, está inscrita no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi), polo que pode usar o distintivo de calidade Galega 100%, e está cobrando o leite a 38 céntimos, calidades incluídas.

Silo de herba e beza (máis escura, na parte superior).

Silo de herba e beza (máis escura, na parte superior).

28 litros con 5 quilos de penso
Jesús Ángel dispón dunhas 40 hectáreas de superficie, 10 a pradeira permanente que renova cada catro anos e 30 nas que sementa millo. Cando recolle o millo bota 15 a centeo con beza que ensila mesturado con raigrás. “Aquí non afecta a seca, pero estamos a bastante altitude e fai frío, así que medra menos a herba. A beza medra moito antes que a herba, así que sacas unha corta boa e listo. Con herba terías que sacar máis dunha corta para que compensase e gastar máis en química”, argumenta.

Co ensilado de millo e herba con beza que fai na explotación, Jesús Ángel fai a ración diaria para as súas vacas: 40 quilos de silo de millo, 8 de silo de herba con beza, 1 de palla e 5 de concentrado. O ensilado de beza logra uns niveis do 16% de proteína, fronte ao 12% da herba e iso é algo que debe ter en conta á hora de facer a mestura, igual que ten que limitar o penso para evitar problemas de fígado graxo nos animais, tendo en conta a grande cantidade de silo de millo que emprega para a ración.

“Eu teño alternativas para alimentar as miñas vacas, non teño que dar concentrado a esgalla, así que dou moito millo e pouco penso para abaratar custos”, explica.

Malia estar sempre estabuladas porque non ten superficie suficiente cerca da nave para botalas a pacer, Jesús Ángel considera máis sustentable o seu modo de alimentar as súas vacas que o de outras ganderías moito máis intensivas que usan moito concentrado. “O que produce 40 litros por vaca non pode ter calidades e eu a ese modelo non lle vexo redibilidade, iso é só ganancia para as fábricas de penso, porque se eu con 5 quilos de concentrado logro unha media de produción diaria de 28 litros por vaca, se dera 10 quilos por unha simple regra de tres tería que producir máis de 50 litros, pero as vacas teñen un tope e se as apertas moito tes máis enfermidades”, opina.

Excedentario en recría
Ao ter logrado reducir as enfermidades nos seus animais, a taxa de reposición é menor e a súa explotación é excedentaria en recría. “E iso que moita xente me dicía que ao facer cruces saían menos femias, pero non é certo, porque no primeiro ano coincidiu que tiven só 3 xatas, pero no segundo tiven 20”, conta.

Pero Jesús Ángel xa non ten máis sitio na cuadra, así que vende parte das xatas a outros gandeiros ás poucas semanas de nacer. O feito de que lle sobren novillas, permítelle tamén renovar as produtoras con maior frecuencia para evitar ter animais con parámetros bactereolóxicos altos. Por iso en Casa de Ferreira a media de idade entre os seus animais é baixa (3,82 anos), cunha media de 2,3 partos e un índice de empreñado de 1,9, pasando 92 días desde o parto.

Os excedentes de recría permítenlle á explotación unha alta taxa de renovación, cunha media de idade dos animais de 3,8 anos

“A vaca máis vella que hai na casa é de 6 partos, pero a maioría son de primeiro e segundo parto actualmente. Desde que un animal pasa do terceiro parto dá moitos máis problemas, pero como non teño sitio non aguanto vacas vellas ou con problemas e o feito de sobrarme recría e ter sempre vacas moi novas tamén inflúe nos bos resultados nas analíticas, porque as vacas novas teñen menos enfermidade e menos células”, afirma. Mandar as vacas antes de que sexa necesario por enfermidade fai tamén que o prezo de venda dos animais para desvelle sexa maior.

Pero malia a falta de espazo, Jesús Ángel non pensa en medrar de momento. “Estou mellor así que con 20 vacas máis, porque suporía ter que volver a investir noutra ampliación, máis traballo e máis gastos, así que estou mellor así, cos mínimos gastos e máis marxe”, argumenta. Aínda se lembra do importante investimento realizado no ano 2010 na nave nova, unha sala de ordeño de espiña de peixe 2×5 puntos, o pozo dobre de purín e dous silos. “Mentres non acabamos de pagar ese investimento foi un suplicio, porque ademais comezamos tendo que facer fronte a esa financiación con só 35 vacas en ordeño, que eran as que tiñamos naquel momento”, explica.

Así que o único gasto non indispensable que agora se permite é en maquinaria. Ten dous tractores, segadora, cisterna de grandes dimensións para o purín, carro mesturador, etc. “Por esta zona somos todos moito de gastar en maquinaria. Ter un bo tractor é un aliciente, polo menos traballar contento”, bromea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información