Unha praga de ratas afecta a máis de 2.000 hectáreas de pradeiras na montaña de Lugo

Unións Agrarias reclama unha actuación urxente da Consellaría do Medio Ambiente para frear o avance dos roedores, que xa se extende polos concellos de Pedrafita, Triacastela, Samos e O Courel

As ratas levantan as pradeiras minguando a súa produción e reducindo a calidade das forraxes

As ratas levantan as pradeiras minguando a súa produción e reducindo a calidade das forraxes

Unha praga de ratas está a causarlle un serio problema a arredor de trescentas ganderías da montaña lucense, que se ven afectadas polos danos que os roedores causan nas praderías. O epicentro do problema sitúase nos concellos de Pedrafita e Triacastela, pero nos últimos meses xa se extendeu a parroquias veciñas dos concellos de Cervantes, Folgoso do Courel, As Nogais ou Samos. Unións Agrarias realizou hoxe unha rolda de prensa para demandar medidas da Consellería de Medio Ambiente.

A organización agraria mantivera unha reunión con Medio Ambiente no mes de abril, cando despois dun inverno suave xa se vía que a praga de ratas ía a máis. “Levamos dous anos con certos problemas, pero agora temos xa unha praga que está a causar perdas moi importantes. Medio Ambiente comprometeu en abril con nós un trampeo masivo. Só nos pediu colaboración para que os titulares das terras autorizasen os traballos de trampeo, ao que estabamos totalmente dispostos, pero non volvemos ter noticias deles”, explica Iván Raposo, responsable de Unións Agrarias en Becerreá.

Danos nunha pradería, na que se aprecian os furados e a terra acumulada polos roedores.

Danos nunha pradería, na que se aprecian os furados e a terra acumulada polos roedores.

Así as cousas, as ratas están a causar serios danos nas pradarías, que perforan con multitude de galerías subterráneas, deixando as fincas inzadas de montóns de terra. “Os prados baixan moito en produción e cando hai algo de seca no verán, secan moi axiña. Iso se falamos de parcelas en pastoreo. Se se quere recoller forraxe, hai o problema a maiores de que a herba leva moita terra mesturada, polo que as vacas non queren comela ben e posiblemente ata lles sente mal nalgúns casos”, detalla Iván.

A entrada de maquinaria nas fincas afectadas incluso deparou averías e atascos, pois a causa das galerías dos roedores, afúndese o terreo coa maquinaria, o que dificulta o traballo mecanizado.

toupas ratas Triacastela2

Unións Agrarias agarda que a Consellería de Medio Ambiente adopte medidas inmediatas para solucionar o problema, que calculan que afecta a unhas 2.000 hectáreas e 300 ganderías. Coa rolda de prensa de hoxe, a organización quixo trasladar publicamente a inacción da Administración ata o de agora para enfrontar a praga. Compareceron na rolda de prensa Iván Raposo xunto a Miguel Tomé (Sarria) e Félix Porto, da executiva galega da organización.

Máis información
Esta é a praga da rata toupa que afecta á montaña lucense e así se combate noutras comunidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información